Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Jorge Mira: "O ceo está moito máis lonxe do que a maioría da xente pensa"

Jorge Mira - Científico e comunicador

Jorge Mira, en Santiago. FOTO: XOÁN ÁLVAREZ

- Que obxectivo se propuxo cando decidiu escribir un libro como A qué altura está o ceo?, e para que lectores potenciais está pensado?

-O meu principal obxectivo foi o de contar unha maneira de ver o avance do coñecemento que os humanos temos do universo, cunha liña argumental que, coido, que é chamativa e que levo experimentando ao longo de diversas conferencias. En canto ao público, como en calquera cousa que fago de divulgación, o que trato é de abranguer a calquera lector de dez anos de idade en diante. Isto, claro, implica facer certas podas na información, tanto por enriba como por embaixo, e puír moitísimos contidos, para facelos máis accesíbeis para calquera persoa, aínda que non teña coñecemento ningún da física.

-Con base en cales criterios elixiu os temas dos que trata?

-Trátase dunha temática moi propia dos físicos, quen sempre tendemos a mirar cara ao ceo, ás estrelas, aos planetas?Ese é o primeiro polo atractor que ten un físico. O título do libro é unha pregunta fundamental que eu me fixen na miña vida. Curiosamente, dende que empecei a escribilo ata que o rematei, pasaron cousas moi determinantes que cambiaron dunha maneira cualitativamente vital a nosa imaxe do universo. Iso é algo que pretendo destacar sobremaneira: o avance tan extraordinario que tivo a comprensión do universo nos últimos tempos.

-Entre esas cousas que pasaron e ás que Vde. alude, está o das ondas gravitacionais?Estamos certamente diante dun avance enorme?

-Estamos, si, ante un grande avance, pero dende o punto de vista técnico, non científico. E digo isto porque as ondas gravitatorias son unha consecuencia da Teoría Xeral da Relatividade. O acontecemento de importancia, xa que logo, non é tanto o descubrimento das ondas senón o feito de que, por fin, se conseguise detectalas. Trátase da visualización dun proceso de fusión de dous buratos negros

-E que consecuencias traerá este avance técnico?

-A consecuencia xa palpábel, polo tanto, é a de contar cunha nova tecnoloxía que se pon a disposición dos científicos para estudar o universo, o cal xera unha nova maneira de ver a astronomía e a astrofisica.

-Que vocación naceu antes en Vde.: a de comunicador ou a de científico?

-Eu, ante todo, son científico. O meu traballo é ser investigador e producir ciencia. O da divulgación é unha parte que vai anexa á miña identidade, pero veu despois.

-E como naceu a súa vocación pola ciencia?

-Pois non hai un punto esencial na miña traxectoria vital que eu teña como referencia. Supoño que é algo que vai medrando pouco a pouco: vas detectando unha apetencia por certas cuestión das matemáticas e da ciencia en xeral e, despois, vas acoutando o terreo ata chegares a un punto no que ollas que a Física e a Matemática son o teu. Dende que teño memoria, lembro que me gostaba todo o que se aprendía na escola, incluídas as materias de Letras, pero cando tiven que escoller, escollín esta vía.

-Botándolle unha ollada á sociedade galega, de que temáticas está máis e mellor informada: dos chamados culturais ou dos de divulgación científica?

-Claramente dos culturais, é algo que se comproba perfectamente ao botarlle unha ollada a calquera xornal. O cal é lóxico, porque para entrar a comprender un contido científico non che abonda con saber ler, faiche falta un coñecemento extra que che permita entender certos modelos. En A qué altura está o ceo? fun precisamente moi consciente diso. Vouche poner un exemplo: na sociedade na que vivimos, considérase gravísimo descoñecer quen foi o autor de O Quixote e, sen embargo, non saber en qué consiste a Lei da Gravitación Universal non se considera tan grave.

-Que opina un home de ciencias da marxinación que está a sufrir, por exemplo, unha materia como a Filosofía?

-Para min, a Filosofía debería ser unha materia esencial, prioritaria; eu son un decidido partidario dela, e subscribo o que dixo hai pouco Darío Villanueva, director da RAE, no senso de que a misión das institucións de ensino debe ser, máis que formar traballadores, formar cidadáns.

-Se, en lugar de cambiar de leis, todos os profesores tivesen a habilidade de "saber comunicar" ou "saber ensinar", non cre que se acabaría con gran parte dos problemas do Ensino neste país (véxase Galicia ou España)?

-Totalmente de acordo. No novo escenario que se está poñendo enriba da mesa do sistema educativo español, afortunadamente os ideólogos que están preparando o terreo teñen moi claro que no cerne de todo proceso ten que estar o profesor que, en último termo, é a figura sobre a que pivota o éxito de calquera iniciativa. Ti podes ter un plan de estudos tremendo, facer investimentos, o que queiras?pero sen un bo profesorado non se pode facer nada.

-Este libro trata do universo e da resposta a numerosas preguntas, pero voulle preguntar por outras. Empecemos: Temos posibilidades reais ao logo deste século XXI de que un día a Lúa ou Marte sexan habitábeis polos humanos?

-Polo que atingue a Marte, habitábel no senso de que haxa unha colonia de xente asentada, probabelmente non; pero de que se poida estar alí, si. En canto á posibilidade de que se instale unha base permanente na Lúa,iso é algo que xa cáseque está aí. Vai ser complicado, pero eu creo que se vai facer, sobre todo porque existe unha motivación económica que xustifica o investimento e porque os avances tecnolóxicos son cada vez máis rápidos.

-Acredita na existencia de seres extraterrestres que nos visitan?

-Que hai vida extraterreste, iso é o máis probábel, por non dicir o máis seguro. Outra cousa é entrar en contacto con ela. Pero hai unha idea que vou poñer enriba da mesa, que é que o tamaño e a inmensidade non atingue só á cuestión espacial, senón tamén á temporal. O ser humano ten historia, que poñamos que se iniciara co homo sapiens. Pero por moi lonxe que vaias atrás, nunca chegarás a alcanzar a historia do universo, que ten 13.800 millóns de anos. Acaso non puido xurdir vida intelixente nun lugar do univeros hai 10.000 millóns de anos? Quero dicir que xa non é tanto que nós coincidamos no espazo con outra civilización intelixente, é tamén que coincidamos no tempo?.Non cres que o máis probábel é que a Terra, dentro de 1.000 millóns de anos, xa non existirá? Eu convido a reflexionar sobre isto?.

-As imaxes da chegada do home á Lúa, foron reais ou unha montaxe audiovisual?

-Foi absolutamente real. A lenda esa pola que se intentou convencer á xente de que era unha montaxe, foi unha das maiores animaladas da historia da comunicación. De feito, xa moi pou xente cre nesa chorrada.

-Por último, a que distancia está o ceo? Pódemo respostar e xustificar en menos de tres liñas?

-Repostarche a esa pregunta sería como desvelar o final da película. Porén, vouche dicir que está moi, moi lonxe; máis do que a xente pensa?a ata aquí podo ler.

Compartir el artículo

stats