Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cruz de luz

50 cabodano de Camilo Torres

As, para moitos, sorprendentes maneiras que chegaron co papa Francisco, malia que poidan ser tidas por novas, en realidade non fan senón regresar en boa parte ao cristianismo primitivo, e tal vez por iso destacan fronte ao boato que exerceu o seu antecesor, Bieito XVI. A tal circunstancia non serían, de certo, alleas as orixes latinoamericanas de Joge Mario Bergoglio: formas, daquela, desenvolvidas nun continente onde boa parte da Igrexa católica leva xa anos de compromiso cos máis desfavorecidos.

E se ben nos últimos tempos os países latinoamericanos gañaron en democracia e mais en desenvolvemento económico, non podemos esquecer que ata antonte mesmo as diferenzas entre as oligarquías e mais a maioría da poboación resultaban abismais. Tanta era a distancia entre ricos e pobres ao sur do río Grande que reivindicar o obvio xa constituía de seu un acto revolucionario. Dito en palabras do arcebispo brasileiro Hélder Câmara: "Cando dou de comer aos pobres, dinme santo. Cando pregunto por que son pobres, chámanme comunista".

Pero moitos, por iso mesmo, tiveron que pagar coa vida. Así, en El Salvador de 1980 o franciscano Santi Cosme Spessotto e mais o arcebispo Óscar Romero, asasinado este en plena catedral de San Salvador por un capitán do exército trocado en pistoleiro dos "escuadróns da morte". Nove anos despois, e tamén en El Salvador, un pelotón do batallón Atláctl asaltou a Universidade Centroamericana e matou seis xesuítas, entre eles Ignacio Ellacuría, á canda dunha muller do servizo da residencia e mais unha filla dela.

Mortes que se engaden asemade ás doutros cregos como Joan Alsina e Antoni Llidó, asasinado despois do golpe de Pinochet en Chile, os trece sacerdotes -igualmente asasinados- en Guatemala (1976-1983), os máis de vinte relixiosos e relixiosas arxentinos (entre eles, dous bispos e o "cura villero" Múgica) mortos ou desaparecidos nos anos da ditadura do xeneral Videla ou aínda os corenta cregos mortos violentamente en México por grupos criminais ou parapoliciais nos últimos anos.

Moitos destes relixiosos estaban, desde logo, comprometidos cos oprimidos e participaban do movemento coñecido como "teoloxía da liberación", un ámbito no que se integraron católicos e protestantes desde a súa formulación a finais dos anos sesenta do século pasado polo sacerdote católico peruano Gustavo Gutiérrez Merino en compañía do presbiteriano brasileiro Rubem Alves. A liña central do movemento era levar a termo unha lectura dos Evanxeos en favor dos pobres, de acordo aos estritos postulados de Xesús -un Xesús contemplado e interpretado como o "Home Novo"-, conformando deste xeito a concreción en América daquela renovación relixiosa (Nova Teoloxía) aparecida en Europa nos anos trinta da vixésima centuria. Malia certa reservas, o Consello Episcopal Latinoamericano aceptou os principios da teoloxía da liberación en 1968, confirmada a seguir en 1979 e 2007. O Vaticano mantivo mentres unha actitude ambigua. Así, Xoán Paulo II considerou, nunha carta aos bispos brasileiros en 1986, que non só era oportuna, senón tamén útil e necesaria a teoloxía da liberación; pero, como é coñecido, tres anos antes o papa Wojtyla non dubidara, sen embargo, en amoestar severamente, e en público, ao sacerdote, poeta e ministro sandinista Ernesto Cardenal, unha das figuras máis senlleiras dese catolicismo dos pobres.

Antedecentes

  • Con todo, antes de que a teoloxía da liberación callase en terras americanas, houbo aínda outros relixiosos que optaron pola militancia e que ergueron as armas contra as inxustizas impostas polos poderosos. Foi ese, por exemplo, o caso do sacerdote colombiano Camilo Torres (1929-1966), nacido nunha familia acomodada, preconizador do diálogo entre cristianismo e marxismo e cofundador da primeira facultade de Socioloxía de América Latina, na Universidade Nacional de Colombia.Cando os partidos da oligarquía colombiana, o Liberal e mais o Conservador, se uniron en 1958 no Frente Nacional, Torres fundou unha organización opositora abstencionista. Fracasada esta proposta, o sacerdote renunciou a canto tiña e ingresou no Exército de Liberación Nacional, fundado un tempo antes. Na súa primeira acción de combate, en febreiro de 1966, Camilo Torres foi morto por disparos de soldados regulares.O exército enterrou o seu corpo de maneira anónima, se ben que sabendo a súa situación exacta. A súa exhumación constitúe agora mesmo un dos puntos a negociar entre o ELN e mais o goberno de Bogotá. Camilo Torres foi tido por mártir polas esquerdas latinoamericanas. Entre outras homenaxes á súa memoria, Daniel Viglietti compuxo a canción "Cruz de luz": "Donde cayó Camilo nació una cruz, pero no de madera sino de luz".

Compartir el artículo

stats