Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Espazo político e narración

Grace Schwindt no MARCO

Mostra de Grace Schwindt no MARCO. // FOTOs: ELI REGUEIRA

Na planta primeira do MARCO preséntase o traballo da artista alemá Grace Schwindt (1979), unha mostra que se complementa cun ciclo retrospectivo de filmes que se poden ver na Biblioteca-Centro de documentación do propio museo.

Grace Schwindt é unha creadora que utiliza medios diversos como o cinema, a performance ou a escultura para abordar temas vinculados coa memoria e a construción das relacións sociais ou os sistemas de poder. Nas súas pezas tenta desmontar os modelos sociopolíticos establecidos (a comunidade, o Estado, os sistemas de crenzas) e convídanos a pensar en como se xeran as distintas estruturas da sociedade en que estamos inseridos. Amosa unha clara vontade de situar a nosa posición dentro destes sistemas e de analizar quen conta a historia, os relatos que se crean e con que finalidade son elaborados.

Grace Schwindt é unha artista dun traballo moi autorreflexivo e que entende a actividade creativa ligada a unha intensa dualidade, marcada pola tensión entre a experiencia vital e o seu contacto co contexto políticocultural, incidindo nas historias cotiás, míticas e folclóricas como fonte de creatividade. Para ese propósito a artista segue estratexias de produción artística performativas e analíticas entendéndoas como unha serie prácticas que posibilitan pór en cuestión as estruturas xerárquicas, apostando pola análise crítica fronte a contexto históricos e sociais complexos, cuestionando os roles dados. Na obra de Schwindt a expresión da tensión social parte da concepción do espazo vital como espazo político e é froito dunha actitude analítica na que o importante é patentizar a vontade de liberdade fronte a violencia larvada do poder, diseccionando os seus mecanismos de opresión. Esta proceso desenvólveo por medio dun conxunto de pezas nas que Schwindt investiga sobre a maxia, as crenzas ou o capitalismo como formas de relación social.

O labor de Grace Schwindt parte no esencial dunha dialéctica entre o espazo e o corpo, complementándose cunha importancia relevante dada á acción e ao aspecto procesual da obra, ben representado nas pezas, instalacións e fotografías, con ese fluxo entre o interior -no que está en cuestión é a privacidade espacial e emocional- e exterior -no que se subliña o que está exposto ao público-. Está dualidade estaba na performance coa que se inaugurou a mostra Madness and Other Tales [Loucura e outros relatos], 2016, co tema da fraxilidade do corpo humano, en que unha soprano e unha orquestra interpretan unha partitura elaborada pola artista a partir da "Aria da loucura", da ópera do século XIX Lucia di Lammermoor, de Gaetano Donizetti.

En relación con eles o corpo e os obxectos ligados a el son entendidos na dupla concepción de soporte e resorte para a acción. Estamos, pois, perante un traballo que permite establecer unha tensión da que vai nacer a lectura simbólica e crítica, velaí a obra Homecoming in the Otherworld, 2016 [Regreso á casa no alén] baseado nas tradicións e crenzas dos pescadores das illas irlandesas de Arán, no legado dos estampados celtas dos xerseis e dunha cultura atlántica na cal as tradicións circulan a través das primeiras rutas marítimas. Transmitidos de xeración en xeración, os estampados dos xerseis están vinculados á identidade de cada clan familiar.

Título: Grace Schwindt. Levar a casa, construír unha cidade, liderar unha revolución. Unha exposición en tres actos. Artista: Grace Schwindt. Comisarias: Agar Ledo e Gillian Park. Produción: MARCO, Museo de Arte. Contemporánea de Vigo. Local: MARCO, Vigo. Até o 15 de maio de 2016

A obra como partitura

  • Grace Schwindt sitúanos fronte a un tipo de traballo que parte dunha idea de análise da realidade social e que incide en reflexións de extrema actualidade, no formal e no temático. Unha obra que mestura o pulo vital e a realidade opresiva, o visceral e o conceptual, todo realizado cunha potencia performativa que funciona como resorte en primeiro termo para logo favorecer a reflexión.A percepción desde o eu preside a súa obra. Na súa práctica artística elude as divisións entre forma e contido, ou entre espectador e colaborador; combina varias técnicas e disciplinas e revela os instrumentos e materiais que interveñen no proceso. Entende a exposición como unha organización de distintos materiais, coma se se tratase dunha "coreografía" ou dunha "partitura musical". Son pezas catárticas percibidas como espazos e procesos envolventes que se cargan de sentido cando a persoa que se achega a elas sente a "urxencia" de experimentar estas obras poderosas e cargadas de significado.Deste xeito a artista afronta o feito creativo como un intento de dar solución a un reto (formal e temático) con fórmulas de intenso contido vivencial que funcionan como liberadores e enriquecedores, como pulo para se mergullar na comprensión e na interpretación do seu mundo e do seu tempo, producíndose unha interrealación de logros formais e desenvolvemento temático.Mais no medio e medio dese desacougo e desa reflexión, o espazo -o espazo político- aparece como explícito trerritorio para a análise sobre a historia, a tradición e o presente.

Compartir el artículo

stats