Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Anacos de homenaxe

Apuntamentos da Picassomanía

"Traballar duro por algo que non nos interesa, chámase estrés. Traballar duro por algo que amamos, chámase paixón...; a inspiración existe, pero ten que atoparte traballando" (Pablo Picasso). En cada momento histórico, a pintura picassiana sempre tivo a homenaxe e replica doutros grandes pintores que o copian e interpretan. Así, a Botella de vello marco e xornal (1913), do período cubista, responde David Hockney con Natureza morta, Guitarra azul (1982); a O busto de muller (1907), estudo post colonial que subliña as ambivalencias ideolóxicas ligadas á introducción dos modelos africanos na arte occidental, responde, da súa parte, Robert Colescott (1985) coas Señoritas de Alabama espidas (1985).

As señoritas de Aviñon (1907) inspiran a Faith Ringgold, aportándolle á historia da comunidade negra americana un cadro do París hospitalario cos seus músicos e artistas: Obradoiro de Picasso da serie A Colección francesa (1991). Guernica (1937), exhibido no Pavillón Español da Exposición Internacional de París, pasou a ser a icona universal que se impón contra a opresión e a violencia armada. Artistas como Dumile Feni, co African Guernica (1967), denuncian o racismo do seu pais. Como o fan así mesmo Leon Golub, Vietnam II (1973), ou Adel Abdessemed: Quen ten medo do malvado lobo? (2011-2012).

Minotauro no carro (1936), significa para Jasper Johns o cadro máis desagradable que xamais vira!! Nunca pensou que se tratase dun Picasso. En 1971 o MoMA de Nova York solicítoulle a Jasper unha obra en homenaxe aos 90 anos do xenio. É así como realizou as Catro estacións (1985/1986) en consonancia, precisamente, co Minotauro no carro. As lágrimas de Dora /A muller que chora (1937) móstranos un Picasso depredador cunha mirada cara a un mundo en mutación. O fotografo Rineke Dijkstra captaou, da súa parte, as reaccións dos alumnos ollando o cadro (2009-2010).

Muller con sombreiro florido (1939-1940) é un Picasso goes pop. Roy Lichtenstein, un dos pioneiros do pop art, apropiase da pintura para conformar unha obra monumental: Muller co sombreiro florido (1963). Antonio Saura expón en París Dora Maar en tres versións (1983), que interpretan o cadro de Picasso Muller con sombreiro azul (1939), obra marcada pola actualidade inmediata da rendición das forzas polonesas á agresión nazi en defensa de Hel.

Malcolm Morley homenaxea a Picasso a través do cadro Aegean Crime (1987), despois de admirar Pesca de noite en Antibes (1939), durante moito tempo no MoMA. David Douglas Duncan con Jacqueline Picasso tratando un tocado indio (1960?) e Martin Kippenberger coa serie Jacqueline: as pinturas que Pablo non pode pintar (1996) reclaman asemade a herdanza de Picasso a través das súas obras. Mentres, Andy Warhol Cabeza (despois de Picasso) nº XII (1985) subliña as pinturas picassianas de 1962, previas a chegada do movemento pop, que xa nos anos 60 remarcan as súas afinidades con dita corrente artística.

En 1967 a cidade de Chicago inauguraba, doada por Picasso, na praza Civic Center a escultura monumental Chicago - Picasso. Reproducida por un barbeiro na súa tarxeta de visita, a cidade considérase a propietaria do copyright presentándolle un procedemento xudicial. Claes Oldenburg reaccionou a esta confiscación cívica da obra de Picasso realizando unha versión "mol" en 1968: Versión mol da Maqueta para un monumento ofrecido á Chicago por Pablo Picasso.

Richard Hamilton rende homenaxe, en fin, ao gran xenio nacido en Málaga no seu 90 aniversario, instalándoo no obradoiro das Meninas: As Meninas de Picasso (1973), emulando As Meninas do propio Picasso (1957). Da súa parte, Bertrand Lavier, respondndo á cuestión do por que Picasso podería identificarse a un automóbil, deu o paso adiante de deseñar o Citroën Xsara Picasso.

Galegos co xenio

  • O vapor Asturias traslada a familia Ruiz Picasso desde Málaga á Coruña. Atraca no porto de Vigo o día 13 de outubro de 1891, para continuar a viaxe en tren o día 14. O Sr. Ruiz tiña que incorporarse como profesor da Escola de Belas Artes. Picasso con dez anos de idade cando chega á capital coruñesa, residiu nela desde 1891 deica a 1895. Nesa altura Murguía e mais o seu fillo Ovidio vivían na Coruña e Emilia Pardo Bazán, residente en Madrid, deixábase ver de cando en vez.Na Coruña, Picasso ocúpase dos periódicos Azul y Blanco e La Coruña e pinta retratos como A rapaza dos pes descalzos; O home da gorra; Retrato de campesiña ou Retrato de home vello, cadros de gran valor e que conservaría ao longo da súa vida. Xa en Madrid (1901), contacta coa Xeración do 98 e é director artístico de Arte Joven. Coñece a Valle Inclán. Sonetos seria o seu libro de cabeceira durante moitos anos.Antonio Tenreiro escribe sobre Picasso na revista Alfar (1923) e Antonio D. Olano, quen o coñeceu desde 1960, publica Picasso intimo e Picasso gallego e regálalle as obras completas de Rosalía de Castro. Luis Seoane (1949) e Arturo Souto (1935) visítano en París; Camilo José Cela (1958) proponlle colaborar en Papeles de Son Armadans. Celso Emilio Ferreiro dedícalle o poema "Soldado inspirado" (1960), inspirado no Guernica. En fin, o gran malegueño ilústralle a Juan Pardo (1968), a contraportada do single "Anduriña".

Compartir el artículo

stats