Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ramón Caride: "Se podes contar una historia nunha páxina, para que vas escribir catro?"

Ramón Caride - ESCRITOR

O escritor Ramón Caride Ogando Noé Parga

- O primeiro que chama a atención de Liquidación de existencias

-Para min, o esencial nesta obra é o "ambiente", a "atmosfera", o universo que é común a todas as historias, o tempo narrativo dunha "liquidación final", de consumir coma se non houbese mañá, de "se ti non o fas, outro vaino facer por ti", de "a imaxe é o que conta", etcétera, como síntoma destes días que vivimos. Neste sentido as historias son abertas: tocamos un momento en cada relato, só parte dunha historia que comezou antes, e que rematará, moitas veces, fóra do mesmo texto. A novela "Dous de copas" xa tiña esta estrutura fragmentaria desde o inicio. Conta anacos da vida dos dous protagonistas, anacos separados por intervalos de tempo, a veces de meses. Mentres tanto, entre unha escena e outra da novela, seguen pasando cousas: son os relatos intercalados na trama principal. Hainos curtos e longos, traxicómicos e absurdos. Hai de todo.

-Aínda que con golpes de humor, a amargura e a tristura están presentes en todos os relatos. Trátase dun estado de ánimo persoal ou da visión da sociedade na que Vde., é dicir, o autor, vive?

-Eu creo que un creador non ten a obriga de ser compracente consigo mesmo, nin tampouco cos seus lectores. A súa única obriga é coa obra. Non debe traizoar a dureza da obra que el fai se é a mesma obra quen pide ese tratamento. A ficción, para min, ten que estar libre de tabús.Hai historias que non resistirían finais felices, serían impostados. Logo, a quen non lle goste, que non o lea, é libre tamén. O humor é unha cousa seria. Castelao dicía: "detrás do humorismo hai moita dor, por iso no ceo non hai humoristas". Eu penso o mesmo. O humor é unha forma de resistencia coma outra calquera, ou superior a moitas. Os que gobernan no mundo son poderosos, pero son ridículos, e sábeno. Á parte disto, eu non son unha personaxe das miñas novelas, evidentemente, sería como preguntarlle a un actor que interpreta a un asasino en serie se mata tanto na súa vida real.

-Como ocorre noutros libros seus, aquí tamén as personaxes protagonistas son xente normal, cotiá, común? Por que esa querencia por reflectir nas súas obras a xentes docomún?

-A xente común é a xente que me importa, a que leva os fillos ao colexio, merca o peixe ou toma café nun bar. É a miña. Eu non estou nun mundo aparte, ando na rúa con esa xente, vivo do meu traballo. Para min a literatura ten que ter as raíces no cotián, ou muda noutra cousa: nun produto esquisito, no sentido que empregan esta palabra os amigos portugueses, algo que só poden entender catro, incluíndo o autor. Isto téñoo claro, pero tampouco mataría por defendelo. Un creador nunca debería xustificar a súa obra. A propia obra é quen fala. Cada un que faga o que lle pete, eu estou cómodo con este material, que algúns dirían de refugallo. Encántame reciclalo e darlle valor engadido ao de cada día.

-Algunhas destas historias naceron, segundo lle teño escoitado confesar, de noticias saídas na prensa. A realidade sobrepasa á ficción?

-E tanto. Sobrepásaa, e con moito; é tópico pero é verdade. Nun dos relatos, por poñer un exemplo, imaxino un interrogatorio xudicial a un político corrupto, e as súas delirantes respostas aparecen estes mesmos días, pero aínda máis curiosas -coma o do fontaneiro que se cadra esqueceu a bolsa cun millón de euros- en varias declaracións desta xentiña, ou xentalla. "Dous de copas", a historia máis longa do libro, parte dun feito real, que saiu na prensa, así como tamén "A consolidación do sector terciario". Algunhas como "Chámalle XY" ou "Barra libre" saíron de cousas que lles pasaron a persoas que eu coñezo. Pero debo confesar, así entre nós, que unha delas é totalmente imaxinaria. Esta historia completa un relato inacabado de Ross MacDonald, o autor máis cool da novela negra, con permiso de Jim Thompson. Pero non vou dicir cal delas é, non sexa que me demanden.

-Nalgún dos relatos, Vde. narra en primeira persoa. É unha maneira de identificarse máis co personaxe ou un recurso para chegar de xeito máis directo ao lector?

-É a forma máis económica de vivir varias vidas, e aforro moito en psicoanalista... Agora en serio: cada historia demanda un xeito particular de contala. Neste caso, en "Dous de copas" ou "De pé ou de xoenllos" ten que ser así porque a eficacia destes relatos depende de que hai cousas que os protagonistas dos relatos descoñecen ata o mesmo final. Por iso lles pasa o que lles pasa. Son contos que van de dentro para fóra; pero noutros casos como "Terapia ocupacional", o primeiro, quero mostrar o ambiente do Polígono Outlet, o espazo que é o nexo dos relatos todos, asi que empezo: "O fulano chegou ao híper..." estes van en terceira persoa, de fóra a dentro. Mesmo teño narrado, noutros libros, algunha historia en segunda persoa.

-O xénero do relato curto está presente nunha boa parte da súa obra; así e todo, agora as editoriais semella que prefiren as historias longas. Isto,en principio, supoño que debe ser pola demanda dos lectores. Coida que habería que facer unha labor de dignificación ro relato curto, sobre todo na literatura galega, na que precisamente os relatos curtos están dabondo presentes e, de feito, compoñen un corpus moi importante?

-Isto non é de agora, é de sempre. Eu publiquei dous libros de relatos a comezos dos noventa, e ata que gañei o Blanco-Amor de Novela Longa non me fixeron moito caso. Falando da miña obra para lectores adultos, axiña voltei ao relato curto, que para min é básico, aínda que cada cinco ou seis anos publico unha novela longa, case sempre de menos de duascentas páxinas. Creo que se podes contar algo ben contado nunha páxina ,non precisas facelo en catro... A pouca estimación do relato non sei se é cousa dos editores ou dos lectores, pero eu sempre tentei facer o que me gusta. Mesmo que me custe anos publicalo. Eu creo que o relato ten moito futuro, está menos "gastado" que a novela, que tras tanta experimentación ten que volver fatalmente ao de sempre. Pero a canonización literaria sempre tira máis pola novela. Por poñer un caso que sexa alleo a nós: as novelas de Cortázar, que envelleceron mal, son aínda máis recensionadas que os seus marabillosos relatos. A vida está chea de misterios.

-Non deixa Vde de cultivar canto xénero literario se lle poña por diante. Este chamémoslle "policultivo " de xéneros responde a retos persoais?

-Isto do "reto", como o da "vocación", ou o da "inspiración", que serán? Non o sei. O que tento é non aburrirme eu, tamén para non aburrir aos meus lectores. A min, como lector, gústanme os autores que non me aburren. As historias ben feitas, do xénero que sexa. Leo cousas moi diversas, desde ciencia ou historia a cómic. Mesmo lin algunha novela de mil páxinas... Cando escribo, esta diversidade aflora sen querer. A vida xa é monótona de máis para estar condicionado tamén a facer sempre o mesmo xénero literario, co mesmo punto de vista narrativo, etcétera.

Compartir el artículo

stats