Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O poder da iconoclastia

Un clásico recuperado

O poder da iconoclastia

Volver a vista atrás e ler un magnífico libro "histórico" de literatura xuvenil é decatarse que a LIX dos últimos tempos adoita, en xeral, adoecer de conformismo. Bótase en falta a audacia, o gusto en quebrar as normas para acostumar ao universo adulto ao mundo dos nenos e non ao revés. Moito máis alá de modelar comportamentos e establecer normas, os libros para a rapazada e a mocidade son, deberían ser, un recuncho de fantasía, humor e inconformismo.

Por iso, mergullarse nas páxinas d'O maravilloso país dos snergs (publicado orixinalmente en 1927 e presentado agora en impecable tradución de Iolanda Mato) de E. A. Wyke-Smith é sucumbir á audacia e ao divertimento. Ábrense alí as portas dunha curiosa caixa de Pandora que contén tres comunidades diferentes. A primeira delas artéllase en torno a Watkyns Bay, onde se estableceu a Sociedade para a Extracción de Nenos Sobrantes, que se ocupa de sacar da súa contorna a cativas e cativos non aprezados polos seus proxenitores, e onde viven unha sorte de institutrices que son as encargadas de ensinar e coidar á rapazada. A segunda confórmana uns mariñeiros vidos de Holanda e sen intención inmediata de volver, capitaneados por Vardendecken e establecidos ao carón dun río. Por último, na península habita tamén unha comunidade snerg, unha especie de homes e mulleres tan baixos coma largos, pacíficos e de bo carácter, organizados nunha sociedade medievalizada.

A convivencia destes tres micromundos é pacífica e moitas veces complementaria, de maneira que uns colaboran e comercian con outros. Porén, as súas historias non se entrecruzan totalmente ata que Joe, un dos rapaces da sociedade, fai unha trasnada aos mariñeiros, que o encerran ata que escapa axudado pola súa amiga Sylvia. A partir de aí, os dous compañeiros emprenden unha aventura (no sentido máis clásico da palabra, con probas e aprendizaxes incluídas) que os trasladará ao territorio snerg grazas ao seu encontro con Gorbo, un destes peculiares seres.

Debullar o que a partir de aquí ocorre sería imposible. Imposible porque a narración de Wyke-Smith adoita un ritmo trepidante, que mestura tenrura e imaxinación con acción e que ademais supón unha homenaxe aos contos clásicos (os propios protagonistas reparan nas semellanzas das narracións que coñecen co que lles está a ocorrer), mais tamén aos mitos europeos (non falta, nestas páxinas, un Percival criando porcos). Porén, o que máis deleita ao lectorado formado (é este un deses libros infantís e xuvenís que debesen ser de lectura obrigada para todx adultx) é a súa irreverencia e a súa iconoclastia, a capacidade para cuestionar o poder establecido e seguir aprendendo. Acertadísima maridanza.

WYKE-SMITH, E.A., O marabilloso país dos snergs, Ed. Sushi, Cangas, 2016, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats