Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Donicelas, Donicelas

Muiñeiras e xotas na tradición

Presentación dos premios musicais Martín Códax.

O pasado domingo 21 de febreiro, Donicelas presentou o seu novo traballo no Aturuxo de Bueu, que estaba practicamente cheo. Entrada de balde e a celebración dos derradeiros actos do Entroido 2016 na vila do Morrazo -adiados polo mal tempo até ese domingo- favoreceron a presenza de moitas persoas ás 8 da tarde para gozar ao vivo co segundo traballo deste grupo tradicional. O disco de Donicelas, homónimo, fora estreado en Salceda de Caselas apenas un mes antes, o 23 de xaneiro nun auditorio totalmente ateigado. E non podía ser doutro xeito, pois a formación está intimamente ligada á vila do Caselas, de feito naceu no xa afastado 1992 no CEP Altamira desa vila, como continuación dunha actividade escolar posta en marcha no colexio por Antón López, integrante de Treixadura. Foi aló onde un grupo de raparigas comezou a fedellar en ferreñas, melodías e ritmos tradicionais e aquilo foi o xermolo do que despois sería Donicelas. E foi coa formación redondelá coa que se estreou nas gravacións, pois colaboraron no seu Obrigado ( Discmedi, 1996). Tamén colaboraron posteriormente con outra formación da Louriña, Na Lúa, no seu Feitizo (Boa Music, 1999). Houbo que agardar até o 2005 para Donicelas publicaren o seu primeiro disco, Que nunca fora abalada (Edisco, 2005), no que reflectiron a que hoxe é -aínda- a súa liña mestra. Melodías tradicionais, moitísima importancia para a parte vocal, coas pandereteiras como eixo sobre o que pivota toda a música do grupo, na altura formado só por elas.

Tras outros once anos de silencio discográfico, o segundo disco de Donicelas afonda aínda máis no vieiro que veñen trazando nos seus xa 23 anos de vida. Para alén da muiñeira "Donicelas" -agasallo de Paulo Nogueira (Treixadura) en 2012 polo 20º aniversario da banda-, da "Rumba dos anaquiños" de Xesús Díaz e da "Muiñeira de Mos", incluída no arranxo de "Costureiriña" e da autoría de Xulio Lorenzo, o resto das melodías -predominantes muiñeiras e xotas- que soan nas nove cancións do disco proceden da nosa tradición. Mais hai unha diferenza entre os traballos, froito da evolución da banda ao longo dos anos. Na súa estrea de 2005, Donicelas presentábase coma un grupo de pandereteiras e a presenza doutros instrumentos no traballo viña da man dos membros de Treixadura que colaboraron activamente en todo o proceso. Eran nomeadamente acordeón e gaita os que aparecían naquel traballo, aínda que non estivesen sempre nas actuacións ao vivo. Agora, Donicelas alén de por Andrea, Bea, Noelia e Rosa que poñen voces e percusións, está formada tamén por Víctor e Xesús, acordeón e gaita que xa non son colaboracións externas senón parte esencial do disco e do directo do grupo salcedense.

O novo disco comeza coas voces das Donicelas soas, ás que se lles une apenas unhas cunchas -no retrouso- e despois un acordeón. Muiñeira cantada, acompañada despois por pandeiros, estrofas tradicionais para o tema que se chama coma o grupo e coma o disco. A gaita tarda en aparecer na maioría das pezas en que aparece, pois as cantadas ármanse de inicio sobre acordeón e percusión. De feito esta estrutura de voces, percusión menor e acordeón repítese en varios momentos ao longo do disco, rachada pola colaboración de Isaac Millán que fai soar o seu bouzuki na "Muiñeira de Oliveira" para lle dar feitura rítmica ao tema ou polo whistle -tocado por Xesús- que aparece en "Flor de Murta", na que tamén colabora Uxía Senlle. Non son as únicas colaboracións, pois varios ex-membros ademais de Paulo Nogueira e Miriam Lorenzo tamén fan a súa achega a Donicelas. Á espera de anunciaren novas datas, debemos conformarnos polo de agora con escoitalo online -está dispoñible en Spotify- ou buscalo na rede de puntos de venda que van tecendo paseniño.

Volven os Martín Códax

  • Por terceiro ano, a asociación Músicos ao Vivo convoca os Premios Martín Códax da música galega. Ducias de proxectos inscritos nas diferentes categorías, entre os que podemos ver a Donicelas ao carón do Fiadeiro, Xabier Díaz&Adufeiras ou Davide Salvado na categoría de Mellor grupo de música tradicional. E Seivane, Roibó ou Pelepau en música folque, Chotokoeu, Transilvanians ou Dakidarría en ska-mestizaxe. Pero tamén Heredeiros da Crus, Cró ou Agoraphobia en música rock ou Silvia Penide, Novedades Carminha e Triángulo de Amor Bizarro en música pop-indie, a nómina de grupos que se presentan nas dezaseis categorías existentes é máis unha vez unha mostra do potencial creativo da música galega.Este ano engádese unha nova, "Coros e música vocal," onde atopamos desde coros tradicionais como Cantares do Brión até formación como De Vacas ou V-GO! Negro Son Coro. O prazo para os grupos presentaren ás candidatura vén de pechar e agora os membros da asociación escollerán os finalistas, nun proceso que rematará na Gala de entrega dos premios, que se ha celebrar o 28 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra. Por segundo ano, convócanse tamén os premios Organistrum, que escollerán o mellor festival, a mellor sala e o mellor espazo de comunicación do país.

Compartir el artículo

stats