Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arredor de RELOAD

Da pintura de Carlos Maño

Por encima del bien y del mal.

No Pazo de Torrrado, na vila de Cambados, pódese contemplar até finais de mes unha mostra que contén obra orixinal, grafica e documentación relativa á traxectoria do pintor Carlos Maño, repasando a traxectoria dos ultimos anos, con especial presenza de obras da pasada década, aínda que incorpora traballos máis recentes como os da serie "De natura", pequenos cadros sobre soporte de cartón, froito dunha captación directa do natural, como semella aludir o propio título da serie.

Nos lenzos de formato medio e grande, que dominan na mostra ofrencendo unha atractiva panorámica do seu traballo, afírmase unha figuración en que prima a referencia icónica, moitas veces tirada do mundo que vinculamos coa pop art (cultura de masas, cinema, historia da pintura) mais non cunha actitude de epidérmica referencia senón como ámbito para a experimentación, na que a pintura acada todo o seu protagonismo polo rigor do tratamento formal, polo coidado da súa elaboración e polo goce da construción plástica, en definitiva, polo respecto profundo que manifesta cara a pintura como espazo e materia de expresión, convertendo a cor en grande protagonista.

Por outra banda, a súa actitude de apropiación de imaxes lembra a dun Robert Rauschenberg que nos anos 60 insería nos seus lenzos imaxes e obxectos que lle interesaran nun intre determinado, como se foren materiais a utilizar nunha futura obra apenas proxectada. De igual xeito que o grande pintor norteamericano, Carlos Maño tamén se serve de grandes obras do pasado, que nel non son máis que lembranzas mesturadas, obxectivadas.

Con este tipo de obras o pintor consegue un equilibrio entre as referencias icónicas e a composición e a cor, que se converten en obxecto de especial atención, facendo que esta última non só envolva os referentes figurativos, senón que sexa o principal elemento ordenador dos mesmos. O resultado é unha pintura que combina un estruturado rigor conceptual cun pulo vital que traspasa o que en principio podería ser unha evanescente suxestión, mais que coa intensidade da súa pulsión acaba por conformar unha realidade pictórica moito máis complexa e suxestiva.

Os problemas suscitados por este conxunto de obras permiten que percibamos o paso da xustaposición iconográfica até a creación dunha especie de ollada global, representada na súa serie "Hemisferios", como se dunhas modernas "paisaxes do mundo" se trataren.

Se nas "paisaxes do mundo" de artistas como H. Bosch ou Patinir podiamos enxergar unha nova percepción global dun mundo, o de finais do século XV e comezos do XVI, que se abría a novas realidades xeográficas, en obras como as que sinalamos de Carlos Maño, achamos ese ollar cartográfico, que constrúe unha globalidade desde o fragmentario do noso presente sen renunciar á beleza nin ao desacougo.

A síntese de fragmentos non pretende tecer un relato, como podía acontecer na novelística coa "corrente de conciencia" senón que no caso das pinturas do noso artista o que se produce é que o fragmento reforza o ollar plural. Somos nós os que podemos "ler" de xeito diverso. O fragmento non é apenas descritivo, senón que baliza e modula a construción pictórica na que non hai un punto de vista unitario, mais que na súa serialidade adquire e adopta unha nova realidade. Carlos Maño non nos fornece anacos de vida, senón cachenos de imaxes que son parte da nosa "memoria icónica", que poden ser lidos, como a mente adoita facer, brincando dun outro, establecendo relacións complexas que permiten favorecer e estimular sentidos desemellantes. Enténdase, de calquera xeito, que esta hexemonía do fragmentarismo non implica falta de sentido, senón que estas mesmas imaxes suxiren e posibilitan lecturas diferentes.

Título: RELOAD

Artista: Carlos Maño

Local: Pazo de Torrado, Cambados

Até o 27 de marzo

Lecturas abertas

  • En ocasións, mais de xeito ben significativo, o pintor combina o peso da icona co signo, utilizando a palabra, completamente inserida de xeito argumental na pintura -por exemplo as referencias a Kosovo-. Os textos e títulos funcionan como vectores que nos transportan mentalmente, de xeito que semella que o pintor quere dirixir a nosa mente nunha dirección que a pintura non reafirma, mais que favorece e estimula unha serie de posibilidades de lectura, abertas pero enmarcadas pola contundencia que a palabra, o título, presenta. O peso dos elementos de crítica social, ben perceptíbeis en moitas das obras expostas, non debe ser entendido como unha procura do artista coa súa pintura de respostas definitivas no ideolóxico nin no político, mais si amosa unha vontade de facer evidente a problemática ética do ser humano, indefenso fronte o mal absoluto do poder opresivo ou da guerra; en definitiva sente a necesidade de participar no decurso -e no discurso- colectivos desde unha posición ética e crítica.A de Carlos Maño resulta ser unha pintura que parte, pois, dunha vontade de establecer elos co pasado artístico en xeral, manifesto nos recursos formais, mais tamén na utilización de concretos referentes icónicos, que serven de constante manancial para a reflexión e para o diálogo esclarecedor, un factor que segue en definitiva a dotar de sentido calquera actividade creativa ou reflexiva.

Compartir el artículo

stats