Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sons Miúdos: o musical infantil galego

O espectáculo para pequenos que triunfa nos auditorios de Galicia dende 2015 visitará Ourense este domingo

Actores en plena actuación en auditorio.

Dende que empeza ata que acaba, é pura emoción, colorido, enerxía e didáctica. Sons Miúdos, una produción de Urdime, converteuse nos últimos meses no espectáculo dos cativos por excelencia en Galicia. Reúne os principais artistas da comunidade que fan música infantil (algúns dos protagonistas tamén son músicos profesionais para maiores). Trátase, segundo críticos musicais e tamén docentes, da mellor proposta para público infantil que hai nestes momentos, non só en Galicia, destaca tamén no ámbito español"Non hai nada similar, de tanta calidade interpretativa e musical para os pequenos", comentan os propios protagonistas, a produtora e tamén pais, os cales bailan e cantan no espectáculo, brincando tanto coma os pequenos, supostamente o público obxectivo. Cal é o segredo do éxito, con auditorios completos e os protagonistas obrigados a realizar dobre función porque nunha soa non entran todos os curiosos que compran entradas para compartir mañás e tardes de música infantil? Ten varios elementos que, unidos, achegan un resultado único e distinto: o musical é unha fusión de cancións infantís, instrumentación de óptima calidade (cun grupo de músicos que compoñen e interpretan a banda sonora dos grupos e crean atmosferas que fan viaxar a distintos países entre actuación e actuación), teatro e un especial feedback co público, que durante o espectáculo, baila enerxicamente, de pé, formando grupos nos corredores e preto do escenario, coma se dunha discoteca para pequenos se tratase, pero tamén para os pais.

A experiencia de Sons Miúdos arrancou en outubro do ano pasado en Santiago, con dobre función. Continuou en Vigo, tamén con éxito, segunda parada. Logo foi a A Coruña e este domingo preparan o espectáculo para Ourense. Urdime foi quen de xuntar os mellores grupos de música galega infantil dos últimos quince anos: Mamá Cabra, A nena e o grilo, María Fumaça e tamén outros artistas que fan cancións para cativos , como Paco Nogueiras, Pablo Díaz ou Xoán Curiel. Van guiando a historia, toda a trama do espectáculo musical, os actores Pepablo Patiño e Montse Piñón, da compañía teatral Os Ghazafelhos. Eles, que viaxan en globos aerostáticos de cores entre o público, fían o argumento principal do musical, coa busca continua das cancións. Viven nun "carromato", que trasladan polo escenario, e alí mostran cómo viven, no seu mundo imaxinario, aos pequenos. "Non son un moucho, chamar cousas é feo. Hai que estar alegres e quererse moito", son algunhas das súas exclamacións, ao longo do espectáculo. Ademais dos diálogos, cantan e bailan, mentres os respectivos artistas infantís desfilan polo escenario e mostran os seus respectivos shows. Danza, teatro e música.

A banda de músicos Sons Miúdos interpreta dende rock ata samba, pasando por jazz, muiñeira e pequenas melodías de misterio. Os actores esquecen os seus nomes e tratan de recordalos nunha viaxe ao mundo dos soños, tentando recuperar as súas identidades. Paco Nogueiras, co seu gorro azul e o seu Brinca-Vai, axita o público en canto aparece. Tamén Xoán Curiel, co seu "Estamos no verán", que semella voar nunha alfombra. Pablo Díaz, con 'Tic, tac, tic, tac, o reloxo vai soar' é outro momento clave para o público. El é un trasno que, por momentos, saca puntos de baile tradicional. Magín Blanco, coa súa Nena e o grilo, mantén o aforo en pé, e tamén Gloria Sánchez, de Mamá Cabra, ou María Fumaça, que simula un posto do mercado.

Cada un achega o seu estilo. "A miña proposta é máis de xogar, de xogo dinámico, de brincar. Creo que os cativos a min non me ven exactamente coma un artista. Venme moi próximo, e iso é bo. Creo que é o mellor porque me transmiten a súa enerxia e o seu cariño, de feito hai coma unha especie de retroalimentación nun mesmo nivel, sempre positiva, segundo o meu punto de vista", expresa Paco Nogueiras. Nogueiras logrou familiarizarse cos pequenos, neste tempo de espectáculos musicais para nenos: "incluso se disfrazaron de min moitos nenos, que me enviaron fotos, neste Entroido; iso é moi gratificante", engade.

Gloria Sánchez, de Mamá Cabra, tamén é un rostro ben coñecido para os máis pequenos que escoitan musica infantil en galego. "Eu destacaría o enorme compañeirismo que hai entre nós, entre todos os que facemos o espectáculo", apunta Sánchez, docente, ademais de facer música para os pequenos. Foi precisamente no ámbito da docencia no que empezou a compoñer para o público infantil, xunto con outros mestres. Coincide Sánchez en que o espectáculo é moi didáctico: "os diálogos son moi educativos, traballamos para os pequenos e transmtimos en todo momento valores". Segundo sempreSánchez hai moitísimo intercambio co público: "os nenos perciben o respecto, moitísimo, e se os respectas, ti a eles respéctante eles a ti", conclúe. Esta fin de semana estarán todos en Ourense co súper espectáculo musical.

Máis de 30 grupos en Galicia

  • "Hai máis de 30 grupos en Galicia traballando para o público infantil, son moitos", comenta Xaime López, de Urdime. El foi quen xuntou os principais protagonistas da escena musical para pequenos nas últimas dúas décadas para facer un espectáculo grande e ambicioso. A maioría dos discos en galego que xa escoitan os pequenos tamén se venden en castelán. Por iso, Urdime calcula que será posible actuar noutras comunidades autónomas con este musical creado en Galicia e feito por músicos galegos. López está preparando esa saída cara ao resto de España, tendo en conta que nestes momentos "non hai nada similar". No pasado da música galega, segundo as súas palabras, está o fenómeno do Xabarín. "Non era exactamente o mesmo, pero si que marcou unha etapa de música para pequenos en galego, que gustaba moito", lembra López. Apunta que a calidade musical do espectáculo "é sublime". Indica que ten un alto contido didáctico e puntualiza que o público galego "está moi sensibilizado coa música infantil e con compartir este tipo de espazos nos momentos de lecer, cos pequenos".

Compartir el artículo

stats