Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Novela iniciática

Polas difusas fronteiras

Novela iniciática

Grazas á colección xuvenil de Urco editora, a casa editorial de Santiago de Compostela especializada en literatura fanstástica, de terror e ciencia ficción, chega agora ás páxinas de FARO DA CULTURA ... Alén do remuíño, unha obra asinada polo vigués Roberto A. Rodrigues. Trátase, entón, dunha novela iniciática ambientada dacabalo entre un universo fantástico e mais a actualidade, ou dous mundos, un real e outro irreal con fronteiras moi difusas incapaces, en consecuencia, de amosarnos como imposible o marabilloso.

O protagonista desta historia é Xoel, un rapaz de quinto da E.S.O., posuidor dunha grande imaxinación, e que, debido ao traballo do seu pai, está a cambiar continuamente de colexio. O noso protagonista pasa, pois, por diferentes centros educativos aos que non consegue adaptarsem e o seu poderoso maxín é obxecto das burlas dos seus compañeiros e desaprobado con vehemencia polos adultos. Tal e como lle acontecía ao Bastian de Ende n'A historia interminable, a descuberta dun libro levará o rapaz a un mundo fantástico cheo de ameazas e perigos, preso da marea famenta, que semella só poder ser liberado polo fareiro do Faro de Almafí. Un mundo fantástico que xorde do propio Xoel, o rapaz que no seu proceso de aprendizaxe como protagonista acaba entendendo e amosando a fantasía como algo imprescindible e o seu destino e así mesmo como algo que non está escrito, algo que depende dos actos propios.

Analizamos unha novela, portanto, na que a amizade, aparece como un valor moi prezado. O grupo do que forma parte Xoel nesta andaina así o proba. Ese apoio que non atopa na escola está no mundo deseñado por el. As súas aventuras, dotadas dunha enorme intensidade no ritmo da narración conseguen desencadear un final de máxima tensión, no que tamén o símbolo da disciplina acaba recibindo unha boa ensinanza. Unha amálga de aventuras, xa que logo, que, irremediablemente, beben dos grandes autores da literatura fantástica como o devandito Ende, Tolkien ou Carroll, nas que a acción leva o peso da carga narrativa que, apoiada nos diálogos, consegue unha lectura moi amena e divertida da que nun segundo nivel poderiamos falar de problemas de aceptación entre escolares; do xeito en que inflúen as decisións dos adultos nos cativos; ou do "remedio" da disciplina contra o "problema" da imaxinación.

RODRIGUES, Roberto A., Alén do remuíño, Urco Ed., Santiago de Compostela, 2015, PVP. 11 ?

Compartir el artículo

stats