Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nas orixes da violencia

Contra as argumentacións tautolóxicas

Recreación dun grupo de homo habilis.

Na novela Un paseo polo remuíño (1981), na que Sipho Sepamla evoca os masacres de Soweto no ano 1976, nárrase unha das máis brutais formas de barbarie humana: a que provocou o réxime racista do apartheid sudafricano, que xunto co holocausto e a barbarie fascista cometida en tantos campos da morte de Europa e América Latina, é unha das formas extremas de violencia á que chegaron ás sociedades humanas ditas civilizadas.

Obviamente, esa violencia non é máis que a manifestación extrema da profunda violencia estrutural que caracteriza ás sociedades humanas. Velaí está a violencia de xénero, que causa cada ano un elevado número de mortes; os conflitos bélicos que asolan países como Siria, Iraq, Afganistán, Libia, Iemen, Somalia ou Palestina; as torturas, os asasinatos e os crimes en nome de calquera sacrosanto dereito... e, por suposto, iso que dun xeito bastante aséptico denominamos violencia nas rúas (delincuencia, violacións...). En fin, o propio Estado, como se pode ler nun dos últimos ensaios póstumos do filósofo da rúa Ulm, é unha máquina que transforma a violencia estrutural das sociedades (conflitos sociais, conflitos internacionais, conflitos lingüísticos...) en poder legal (constitucións, estatutos, códigos, leis, decretos, normas...).

Neste sentido, abondan os filósofos e científicos que afirman que a violencia é innata ao ser humano, lembremos a hobbesiana sentencia segundo a cal "o home é un lobo para o home" ou aqueloutras afirmacións supostamente científicas nas que se aseguraba que os humanos somos violentos por natureza pois "nos seus aspectos fundamentais de corpo e alma, o ser humano é a última palabra que deu a natureza, aínda que temporalmente, en canto ó xénero dos depredadores armados", como sinalaba o etólogo R. Ardrey en Xénese en África (1961).

Ora ben, se esas dúas interpretacións da nosa natureza fosen certas, a historia da humanidade estaría inzada de actos violentos, actos que algunha pegada deberían deixar no rexistro arqueolóxico, cousa que non é así. Neste sentido, a Prehistoria, en tanto que ciencia que ten por obxecto de estudo as sociedades humanas anteriores ás primeiras sociedades tributarias (normalmente dise anteriores á escritura), ofrece unha xénese da violencia que contradí as anteriores afirmacións. Así, por unha banda, demostra que as sociedades humanas presapiens (Homo habilis, H. ergaster...) non eran violentas e, por outra banda, demostra que a condición necesaria para que se manifeste a violencia na especie Homo sapiens é a existencia dunha sociedade dividida en clases, sexos ou nacións (grupos étnicos), aínda que sexa dun xeito pouco desenvolvido.

Neste sentido, se ben entre as primeiras "batallas históricas" se atopan as de Meggido e Kadesch, o certo é que algunhas das pinturas procedentes do Levante español ou dos petróglifos procedentes da área galaica, así como os numerosos individuos posneolíticos feridos por frechas, a fosa común de Talhein (Alemaña, 4000 aC) ou a masacre de Djebel Sahaba (Sudán, 10000-8000 aC), son mostras de que algunha forma de violencia emerxera nas sociedades pospaleolíticas, que son sociedades nas que a investigación prehistórica máis recente está a documentar procesos sociais nos que as desigualdades sociais xa están presentes.

En conclusión, estamos ante un argumento tautolóxico: o único que xustifica as afirmacións sobre o carácter violento do ser humano é un discurso ideolóxico que busca responsabilizar dos actos violentos aos individuos concretos, que serían portadores dunha natureza violenta innata da que non se poderían subtraer, o que, por outra parte, demostraría que a violencia, tan necesaria para manter o mundo en mans duns poucos, é imposible de erradicar.

Un debate pouco inocente

  • No ámbito da Prehistoria o debate sobre a cuestión da violencia nos seres humanos comezou, dun xeito que se podería situar no marco dun complexo discursivo científico co traballo de Raymond Dart, o antropólogo que situou aos australopitecos na nosa liña de ascendencia paleontolóxica nun momento en que o xénero Homo se consideraba demasiado excepcional como para ter un antepasado demasiado simiesco. Non obstante, malia a gran calidade científica de Dart, levado por unha visión excesivamente agresiva da humanidade, interpretou unha serie de ósos fragmentados e de cranios esmagados como o resultado dun cultura agresiva, que denominou osteodontocrática. Co tempo, C.K. Brain demostrou que o que Dart interpretara como vestixio dunha cultura bélica non era máis que o resultado de diferentes procesos naturais. Ese fantasma quedaba neutralizado, pero sempre, en cada nova ocasión, o espírito rexurdía das cinzas por calquera escusa: nos anos posteriores á II guerra mundial Ardrey renovou todos os vellos argumentos para seguir defendendo unha natureza humana agresiva, que na actualidade segue a ter boa acollida na literatura científica, e velaí o caso de E. Carbonell, quen interpretou unhas estrías de descarnación nun cranio de H. antecessor como evidencia de canibalismo, unha práctica, en realidade, propia doutro tipo de sociedades.

Compartir el artículo

stats