Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Catwalk/Pasarela

Traxes de época en Amsterdam

Deseño de Christian Dior.

Por primeira vez na historia, o Rijksmuseum de Amsterdam presenta unha selección da súa ampla colección de moda, nunha exposición deseñada polo prestixioso fotógrafo Erwin Olaf. Deica ao mes de maio poderanse visitar seis salas do Philips Wing no museo, amosando pezas de arte téxtil procedentes do ámbito holandés, pero cuxo tecido, ou cuxa manufactura, teñen en moitas ocasións relación con outros lugares como París e Londres. É, pois, unha colección de moda con orixe holandesa, pero universal.

Trátase, polo demais, dunha mostra historicista, con prendas de época.O período de tempo que abrangue vai dende 1625 até 1960. Comeza con traxes levados pola ponla frisia da casa Nassau e inclúe traxes franceses de seda do século XVIII, con cores ledas e vibrantes. Así mesmo presenta traxes de corte tubular de inspiración neoclásica, traxes de diversas siluetas: en "S" ou con silueta en forma de cogomelo, da fin de século XIX. A mostra chega ao período dourado da alta costura, logo da II Guerra Mundial, con modelos de Christian Dior. Finalmente dá noticia da integración de arte e moda, cos vestidos "Mondrian" de Yves Saint Laurent, unha fusión de certo entre un pintor holandés e un costureiro francés, ambos universais.

A exposición de traxes e tecidos está complexa pola fraxilidade dos materiais. Condicións de luz, humidade e temperatura teñen de ser consideradas para poñer ao publico as prendas de antigo, e non menos as contemporáneas, en moitos casos. Por iso é unha oportunidade única para ollar prendas excepcionais como uns calzóns pertencentes a Hendrik Casimir I, Conde de Nassau Dietz (1612-1640), notorios tanto pola fraxilidade da prenda como por formar parte do vestiario masculino máis infrecuente nas coleccións téxtiles.

A moda do século XVIII aporta, entre outros, un exemplar de "panier", ou saia con forma de alforxas, vestido de noiva levado por Helena Slicher (1737-1776) no seu casamento con Aelbretch barón van Slingelandt (1732-1801) en 1759. Trátase do vestido máis ancho cofneccionado nos Países Baixos. Tamén se pode contemplar un precioso traxe de seda e lazos rosa dos anos 1815-1820 e aínda un traxe de cocktail de seda de Cristóbal Balenciaga de 1951-1952.

As coleccións téxtiles do Rijksmuseum atesouran 10.000 pezas de vestiario masculino, feminino, infantil e accesorios. No seu afán por conservar a memoria do traxe, signifícanse en recoñecer nos propietarios das prendas as súas personalidades de innovadores ou tradicionalistas; seguidores das novas doutras nacións ou taciturnos continuadores dos usos e costumes da súa casa. As prendas de roupa creadas para unha ocasión ou cerimonia son singulares fronte á aquelas empregadas para o uso cotián que teñen natureza práctica. Unhas e outras reflicten os gustos e posibilidades, as necesidades e vontades de persoeiros singulares. Por iso na museoloxía do traxe procúrase dar posibilidade de presenza ao usuario orixinario da prenda, quen era o causante da existencia mesma do traxe. Así, nesta mostra e en moitos casos, preséntase unha ficha completa do traxe en cuestión. Na historia pasada, iso ten un sentido específico, pois os mellores materiais e manufacturas eran reservadas á persoeiros de máis rango. Algo semellante acontece, pero logrado doutro xeito, na moda dos séculos XIX e XX, nos que o gusto e as posibilidades económicas do comitente do traxe definen moito do mesmo. Na colección do Rijksmuseum non soamente hai pezas de clases adiñeiradas, senón que hai un amplo arquivo de grande interese sociolóxico, estético e antropolóxico.

Erwin Olaf

  • As exposicións de moda teñen moita notoriedade dende hai unha década, se ben que foi xa en 1971 cando Cecil Beaton organizara a exposición Fashion: an anthology, no Victoria & Albert Museum de Londres, dando acceso á moda dos nosos tempos ao museo. Sería xa en 1983, co gallo da exposición retrospectiva de Yves Saint Laurent, no Metropolitan Museum de Nova York, cando se celebrase a primeira mostra dedicada a un modisto vivo nun museo.Dende esta última data tense producido unha euforia no eclosión do deseño e tamén das exposicións de moda. Non soamente aparecen como novas modalidades expositivas, as exposicións de moda, senón que se converten en máximas receptoras de visitantes, tal e como aconteceu con Savage beauty, a mostra dedicada a Alexander Mcqueen no MET de Nova York e no V&A de Londres. Todas elas teñen a virtude de salientar a moda, pero tamén de poñer en contacto a moda con outros campos de creación. Desta volta, a exposición Catwalk do Rijksmuseum conta coa colaboración do fotógrafo Erwin Olaf, quen ten realizado unha produción pictográfica durante décadas e ten exposto nas máis recoñecidas galerías e museos de todo o mundo. O seu é un universo de beleza conxelada e situacións inquedantes, cunha narrativa inconclusa que deixa no aire unha pregunta. Desexoso de buscar novos emprazamentos para a súa fotografía, con esta exposición sitúa unha narrativa en imaxes xunto á herdanza dos traxes do museo, aqueles de época e outros do momento contemporáneo.

Compartir el artículo

stats