Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Canda os gatos de Roma

Cando os animais se ocupan de nós

Gato sobre una cornixa de Roma.

Algo indescritibel se abre en nós na mutua observación cun animal. No gato, o exhibicionismo da súa placidez e autonomía é unha invitación a formar parte dun movemento despreocupado. Non hai neles enfastío nin descontento, tampouco impaciencias e culpas. Só a certeza de que ata o máis insignificante ser participa no equilibrio do universo. Así debe sentir Mónica Cirinnà Lilli, unha activista nos ámbitos da ecoloxía e a defensa dos animais que, xunto ao xornalista Lilli Garrone, vén de publicar Os gatos de Roma. Nas páxinas do libro investigan, Lilli e Garrone, o percorrido destes "cidadás non humanos", na urbe eterna.

Cando as palabras se ganduxan para crear animais, escóitanse os alaridos dos naufraxios humanos. Fronte á desesperación, os animais aparecen na literatura como guías para conducir a alma. No profundo dos ollos do animal desaparecen as nosas certezas e, con elas, a visión dun mundo que unicamente se explica polos movementos aleatorios dos átomos sen poesía nin propósito, e sen amor. Neste indagar do instinto no profano e no prohibido revélase unha natureza na que participamos. Sen os nosos pretendidos privilexios, o tigre do bestiario de Cortázar ábrese camiño, aterrador, porque nel a vida e a morte son o mesmo e por iso ten poder para dar estabilidade coa morte nun universo familiar, pervertido por relacións prohibidas. Entre a vida, a morte e o pracer está tamén Oso, do conto erótico de Marian Engel que é mestre na arte do sexo da inxenua Lou. Oso abre de novo a consciencia a través do prohibido, nun estado intuitivo onde a protagonista descobre o pracer do corpo na entrega cun animal. O pracer do sexo está só na aceptación da morte, é o animal quen ilumina a escuridade para vivir unha sexualidade nunca experimentada pola protagonista. "Só terás acceso a esta intensidade se estás disposta a morrer", parece rumorear este oso que ofrece a caricia da súa poderosa lingua entre os xenitais xuvenís

Os gatos de Mónica Cirinnà Lilli tamén camiñan no fío da navalla, e hai moito pracer nela, entre o día e a noite da alma, entre o relixioso e o prohibido entre o coñecido e a superstición. No abismo da rivalidade entre o protagonista e os seus demos, o gato negro de Poe é capaz de evocar no seu amo os seus peores instintos. Lémbralle ao protagonista o poder que hai nunha parte descoñecida do seu corazón. Non hai vida sen recoñecer a grandeza da forza que mantén as estrelas e os astros no ceo.

A escuridade cambia o seu aspecto, mimetízase co bo ou malo, nunha falsificación dun can que aparece ante Fausto atormentado. A metamorfose abanza para converter o home no que en verdade é; ante a súa quebrantada dignidade, desaparece debaixo dun insecto. Pero o terror non só é da terra, tamén do ceo, nunha bandada de paxaros que imaxinou Du Maurier e que Alfred Hitchcock converteu en imaxes. Eles anuncian que o mundo non é só o que podes ver e que cada pequeno ser pode ser esencial entre o equilibrio e o desastre.

Cando descubrimos que nos fala un animal, espertamos da equivocada e presuntuosa sensación de crernos que somos ese nome polo que nos chaman. O océano parece estreito, o universo enteiro está nos ollos de Moby Dick. Sábeo o capitán Ahab, sente a devastadora forza do seu alento e este mal guíao para atopar descanso. En cada ollada fala unha parte da súa alma que lle fai saber que o home non é mais que un puñado de area, unhas follas secas coas que xoga o vento: só vén ser o resto do naufraxio da alma. O Gato de Cheshire tamén guía a Alicia fóra da súa habitual racionalidade e Rocinante, paciente e leal, converte o seu amo en protagonista das aventuras. Virginia Woolf conseguiu tamén descubrir nos "atónitos ollos color abelá" outra perspectiva do mundo.

Os peixes de ouro tamén son unha guía no abismo da tolemia de Aureliano Buendía. Eles redimen, fonden na súa calor a tenaz tortura das obsesións do protagonista de Cen anos de soidade. Os animais, cando falan na literatura, permiten que o home atope o camiño na noite da alma e pode que non sexa só un capricho da ficción. Dicía Anatole France que ata que non amamos a un animal parte da nosa alma permanece durmida.

Compartir el artículo

stats