Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sempre en Castelao

Reeditando un clásico

Sempre en Castelao

Interese e ledicia é o que podemos sentir ao ter nas mans a recente edición de Cousas da vida, que aparece no selo de Editorial Galaxia, na Biblioteca Castelao, cando se cumpren cento trinta anos do nacemento do rianxeiro. Para celebrar un 2016, no que o retorno cara a Castelao debería ser moito máis, comezaremos por abrir, de vagar, estes seis perfeccionistas volumes, cadanseu cunha escolma das "cousas" dun determinado colectivo: Mulleres, Homes, Nenos, Vellos, Animais e Caciques.

Ao carón destas entregas das Cousas da vida, reedítase Cincuenta homes por dez reás, no mesmo formato e colección, como obra de semellante feitura das cousas da vida: humor gráfico con trazos limpos e sintéticos, tanto no debuxo coma no brevísimo texto que o acompaña, potente carga crítica. No título desta última obra, o autor xogaba ironicamente co seu dobre significado, material e intencional, facendo cadrar o prezo do álbum coa idea de barateza dos "seus" homes. Co paso do tempo, mudan as moedas, mais non as vontades, e o significado do título perde concreción. En 1930, cando se publicou a primeira edición, o valor material dos dez reais aínda daba para algo. Por exemplo, con ese diñeiro podíase xantar ben, ou mercar un bo libro. Como este. Velaí a explicación sobre o título na introdución editorial: aínda que xa careza de actualidade pecuniaria, segue a expresar a significación intencional que o inspirou.

O mesmo que expresa intención e significación o Castelao debuxante. Singular e nunca menor, debedor en certo xeito do modernismo da época, ofrécese aos lectores coa xenialidade de seu, asemade na concisión da escrita nos pés das estampas.

Acerca de Afonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886-Bos Aires 1950), sinónimo de clásico na cultura galega, escritor, político, pintor e debuxante... as pinceladas biográficas só poden ser valoradas como un xeito de encadrar esta reedición. Membro do Partido Galeguista, deputado durante a Segunda República, morreu no exilio, en 1950 en Bos Aires. A serie "cousas da vida" foi publicada inicialmente na prensa da época, nun contexto ben máis convulso que o actual, e posteriormente, a súa obra gráfica apareceu en formato libro.

A esencia das viñetas de Castelao, esa ironía de rir por non chorar, esas caricaturas de mundos opostos, esa crítica ás inxustizas da vida.... acompáñanos moito tempo despois de miralas. Abren escuros camiños para os sentimentos e a reflexión. As Cousas da vida reflectían a amarga realidade social e económica da Galicia de entón. Perdura a súa filosofía da vida humanista e ética: perenne est flumen, quod semper fluit.

CASTELAO, Afonso R., Cousas da vida, Ed. Galaxia, Vigo, 2015, PVP. 11, 10 ?

Compartir el artículo

stats