Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alba María: "Dáme mágoa que se considere que vivir da música é un luxo"

Alba María - cantante e compositora

A cantante viguesa Alba María. Foto: Rafa Pasadas

-Teño entendido que Vde. naceu en Canarias e que foi alí onde se iniciou na música. Como foron os seus primeiros pasos musicais?

-Realmente, en Canarias non fixen máis nada que nacer. A miña familia emigrou alí e, cando eu tiña un ano, volveron a Galicia. De Canarias só trouxen tres pequenas cancionciñas que me deprendera miña nai e algunhas palabras. No que máis me influíu esta circunstancia foi na miña identidade. Toda a vida tiven claro que era filla de persoas que emigraron, e indaguei máis sobre o lugar en que nacera. Canarias existe en min coma ese lugar só imaxinado nas historias dos meus pais. Non volvín nunca desde que son unha meniña dun ano, cousa que pretendo emendar axiña. Ao mellor traio de alí algunha canción ao estilo Gardel... (risos)

-Tamén me consta que a afección ao canto provén da súa avoa?Que lle cantaba ela?

-Tiven a sorte de vivir sempre cos meus avós, e que a miña avoa me cantase arrolos coma o de "Arronrrón cascarrón"ou panxoliñas coma "Cun sombreiro de palla". Pero sobre todo cantabamos cancións de zarzuela ou esas pezas da música popular española que estaban de moda na época en que ela era moza e ía aos salóns a bailar ao son dun acordeón. Dela herdei a fala e o oído, e moitos estilos que eu cantaba con ela, coma o pasodobre ou a habaneira, reflectinos no meu disco.

-Ademais de interpretar, é Vde. a compositora da música e autora das letras das súas cancións. Á hora de traballar, cal é a primeira fase: escribir a letra e logo compoñer a música, ou ao revés?

-É moi gracioso, porque a miña faceta de regueifeira (improvisación oral en verso) fai que moitas veces me veña unha melodía calquera acompañada dunha letra inicial. Cando improviso ou invento, sempre hai letra polo medio. Se me gusta a melodía, mantéñoa e cámbiolle algo (ou moito) á letra. Outras veces vén melodía antes ca todo, e outras poño música a cousas que inicialmente eran poemas. En xeral, as letras son sempre moi importantes para min.

-Hai algunas cancións súas que teñen un aire moi jazzístico. Cales son as súas principais referencias neste xénero?

-O que máis escoito é jazz vocal, o de cantoras actuais coma Gretchen Parlato, Luisa Sobral ou Diana Krall. Tamén gosto moito das clásicas: Etha James, Ella Fitzerald, Nina Simone, Bessie Smith... No instrumental, como estudante de acordeón que fun, son moi fan de Richard Galliano. Pero ademais destes artistas, quen máis me inflúen no instrumental foron os meus propios músicos acompañantes, que están a desenvolver brillantes carreiras neste xénero: José Manuel Díaz como contrabaixista e produtor musical do meu disco, Felipe Villar como guitarrista, Carlos Freire coma percusionista e Alejandro Vargas coma pianista. A eles é a quen máis admiro, porque coñezo de primeira man os seus traballos e son tan afortunada como para compartir escenario canda eles e aprender deles con cada concerto.

-E cales son os seus referentes dentro da canción galega?

-Dentro da canción galega de mulleres, medrei escoitando a María Manuela, Pilocha, Uxía, Ugia Pedreira, Guadi Galego... Todas elas me inspiraron e me inspiran. Adoro cando se lanzan e compoñen as súas pezas, ou cando collen un tema popular e o moldean ata facelo seu. Adoro cando notas desde o ouvido unha conexión directa ao corazón das artistas.

-Cantar ben componse, basicamente, de técnica vocal e paixón interpretativa. Se lle deran a escoller, que preferiría: canta con paixón ou facelo cunha moi boa técnica?

-Como persoa moi nova e en formación, considero que a técnica non é simplemente técnica. Ter boa técnica é ter boa saúde, coidar o teu corpo e a túa mente e que cantar non che faga dano. Ao cantar elixo facelo de forma sa, e un canto san é un canto apaixonado. Por iso valoro tanto o feito de estar formándome tecnicamente: non hai nada máis apaixonado que cantar tendo paixón primeiro por nós mesmas.

-Cantar en galego vai ser un sinal de identidade durante a súa carreira musical, ou no ndescarta facelo noutro idioma (castelán, inglés?)?

-Cantar en galego vai ser un sinal de identidade durante toda a miña carreira musical. Como digo sempre, hai centos de persoas que cantan en español ou inglés. Se queres cancións nesas linguas, escoita a esas persoas. A min non me sae compoñer noutra lingua que non sexa a miña.

-Coa "Habaneira de Berlín", incluído neste disco, gañou o festival musical de Teo. Como xurdiu a historia que conta na canción?

-Na "Habaneira de Berlín" están presentes moitos elementos: en primeiro lugar, a historia da emigración da miña propia familia por varias xeracións, que, por desgraza, é tamén a de moitas familias galegas. Coa Habaneira tentei relatar un tema actual como é a emigración xuvenil a Alemaña e vinculalo ao pasado. Varias imaxes poéticas que ten esa peza son dalgún que outro poema que escribín pensando como sería eu se non tivese nacido por casualidade nesas illas ao lado de África, que son as Canarias.

-A estas alturas, pódese permitir o "luxo" de vivir da música?

-Agora mesmo estou estudando Filoloxía Galega mentres compatibilizo coa música. Así que de momento non vivo da música, senón de diferentes bolsas de estudo. Supoño que cando remate a carreira, vou ter que enfrontarme á dureza do mundo laboral, e ese mundo endurécese cando estamos a falar de traballar nas artes. O que me dá máis mágoa é que vivir da música teña que ser considerado un luxo.

-Como ve o panorama actual da música galega ou en galego?

-Eu percibo unha atmosfera de ilusión, de novos proxectos que se seguen cocendo: a pesar da dura situación económica, a arte parece abrirse paso coma unha edra entre as pedras máis duras. Tamén son consciente de que estamos vivindo unha época nova, distinta, na que como resposta á cultura da rapidez e a distancia o público demanda tocar a música coas puntas dos dedos, estar preto da creación, estar cerca das artistas. Coido que en Galiza público e artistas (non esquezamos que as artistas tamén somos público e existe un continuo feedback) están querendo respirar do lugar onde nace o aire, e beber da pura raíz as augas da música e as palabras.

-Cales son os seus próximos proxectos?

-Agora mesmo estou desenvolvendo distintos obradoiros e actividades relacionadas coa improvisación oral galega, eminentemente coa regueifa. Como regueifeira e estudante de filoloxía galega que son, encantaríame poder investigar sobre ela. Os días 19 e 26 de febreiro, baixo o amparo d'aCentral Folque, darei un curso intensivo de improvisación oral en Compostela, na libraría Lila de Lilith. Interésame moito o papel das mulleres na música, e non ía ser menos no eido da regueifa. Tamén seguirei dando concertos e levando o meu disco, Aínda, por todos os lugares de Galicia onde queiran escoitarnos aos meus compañeiros músicos e a min. De momento están confirmados un en Tui e outro en Caldas de Reis e hai outros aínda negociándose. Nese aspecto aCentral Folque fixo un excelente traballo tanto na edición do meu disco coma no labor de management polo cal lles estou moi agradecida. E ata o de agora non podo ser máis afortunada: con máis de 20 concertos por todo o país só no primeiro ano e un disco que vai pola segunda edición, non podo pedir máis. Para unha música coma min, a quen ninguén coñecía, supón unha grande satisfacción e un enorme agradecemento tamén aos programadores e programadoras que confían nas novas artistas.

Compartir el artículo

stats