Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

En clave metafórica

Para escapar da alienación

En clave metafórica

Entre lenda e fantasía discorren as páxinas dunha historia que navega entre o desexo e a vontade e que naufraga na violencia como forma de comportamento habitual dunha elite que, créndose superior aos demais, exerce unha forza desmedida contra aqueles que considera culpables de baixa condición social, porque tan pronto nacen lles arrebatan a vontade, capacidade que substitúen por un nanochip que guía os seus actos e pensamentos.

Despois do cataclismo narra as peripecias dun pobo castigado polo destino cuxos dirirxentes, fortemente xerarquizados, perpetúan un modelo de comportamento baseado na falta de vontade e nos desexos de mover as persoas como marionetas cos fíos invisibles da redención e en nome dunha tradición que só reporta beneficios a quen se atopa nunha situación de privilexio.

No lugar de Castrovilar vive un pobo que consome o tempo entre os labores do campo e a aceptación dos ditados do Todopoderoso e do Señor do Castro. Un exército ben armado encárgase de facer cumprir as normas e o Señor das Herbas preocúpase de practicar cantos rituais sexan necesarios para manter unha tradición que non se sabe moi ben cara a onde camiña, que supón un castigo divino e que resulta positiva para quen a programa.

Mais como adoita suceder en toda fantasía que amosa a opresión desmedida, tampouco nesta historia faltan personaxes que foxen das gadoupas do poder, mesmo arriscando a súa vida para conquistar unha liberdade que lles pertence e da que foron desprovistos tras un tarstorno catastrófico da superficie da Terra que probablemente nunca propiciaran.

En clave metafórica varias son as frontes ás que se fan referencia e que se converten en chaves dunha historia que transmite destrución cáseque dende as primeiras liñas. Dar a luz, traballar de sol a sol e cumprir ordes son practicamente os labores que as mulleres desempeñan na comunidade. A aniquilación da vontade chega a todos os recunchos e cóase na mente duns habitantes que aceptan sen obxeccións o que o Todopoderoso lles ten encomendado, ata que facendo uso dun fío de razón alguén foxe na procura doutra vida, doutro xeito de actuar e é no submundo onde atopa a normalidade. O futuro tamén está presente e as arelas de cambio son as que empuxan a aqueles que conseguen escapar da alienación e estes serán os que senten as bases dun mañá mellor.

ALONSO, María, Despois do cataclismo, Urco Editora, Santiago de Compostela, 2015, PVP.12 ?

Compartir el artículo

stats