Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Á beira de Manuel María

Testemuño e estudo

Á beira de Manuel María

O profesor Xosé Lois García ofrécenos o primeiro ensaio de achegamento á figura e á obra de Manuel María publicado neste 2016, un texto que vén enriquecer a bibliografía precedente sobre o autor ao que se lle dedican as Letras Galegas e á que el xa tiña contribuído con Lectura e itinerario posíbel pola Terra Chá de Manuel María (1994). Nace ao abeiro da colección Memoralia de Toxosoutos na que Xosé Lois xa honrara con anterioridade outro lugués ilustre en Uxío Novoneyra. Home e terra.

O libro estrutúrase en dúas partes. Na primeira e máis longa, "Manuel María da Ribeira Sacra", achégase á relación que se establece entre o autor e as terras e xentes desa bisbarra trazando un roteiro marcado polo criterio xeográfico-emocional como ten sinalado Ramón Nicolás.

Tras unha procura polo miúdo, o autor dános conta de viaxes, excursións, poemas, pregóns, programas de festas e calquera outro contido de relevancia que tivese que ver co poeta. Velaí está ocupando un lugar nuclear o Monforte onde viviu, o de Xistral, a libraría e tenda de cerámicas de Sargadelos que montan el e a súa dona Saleta e que se converte nun facho cultural, mais tamén o das persecucións e ameazas tan ben retratado e documentado polo autor. Tras el o Pantón do románico e do viño, o Sober da "Pandeirada do Amandi", do Saviñao do poema "A Virxe de Escairón", o Quiroga ao que lle dedica o libro Sonetos ao Val de Quiroga, a Chantada do admirado Xohán de Requeixo e a do castiñeiro de Podente. Queda patente a fascinación que a arte da zona en xeral, e a arquitectura en particular, exercía na parella Manuel María-Saleta, un valor identitario que tamén valorarán nas súas viaxes a Cataluña no seguinte capítulo.

Ofrécenos agora o seu testemuño privilexiado e de primeira man da relación establecida entre Manuel María e Cataluña, das viaxes da parella alá onde se xuntaban con el. Leva a cabo unha crónica polo miúdo na que, ademais de narrar os feitos, tamén está en posición de nos amosar o que pensaba o de Outeiro de Rei sobre persoas e acontecementos.

Remata a primeira parte cun achegamento ao sentimento relixioso do poeta, unha relixiosidade que abala entre o franciscanismo e a crítica coa ortodoxia e o conservadorismo católico.

Na segunda parte do volume recompílanse diversos traballos de diferente fasquía publicados polo autor sobre Manuel María ao longo de once anos, entre 1994 e 2005, e que rematan en dous textos de homenaxe ao escritor e amigo xa morto. Atoparemos aquí seleccionado polo miúdo o tratamento que dos lugares, da flora e da fauna da Terra Chá realiza o autor. Salienta nesta segunda parte o capítulo "A arquitectura na poesía de Manuel María", esa "materia feita espírito" que se transforma e nos transforma, velaí están dende o castro e o mosteiro ata a casa, a arquitectura máis íntima.

As páxinas do libro vanse iluminando con fotografías, a maioría delas inéditas, nas que podemos ver abondosas mostras do importante activismo cultural e político de Manuel María, rodeado en moitas delas de personalidades da cultura coas que compartiu vivencias e que enriquecen aínda máis o valor da obra como testemuño de vida compartida.

Un dos méritos deste Manuel María reencontrado é a laboriosidade coa que Xosé Lois foi palillando os fíos da vida e da obra de tal xeito que rara é a páxina na que non aparecen dúas ou tres referencias textuais ao momento ou tema que se está a analizar, froito de lle aplicar o estudo literario e biográfico á vivencia de case corenta anos de amizade á súa beira.

GARCÍA, Xosé Lois, Manuel María reencontrado, Ed. Toxosoutos, Noia, 2015, PVP. 20 ?

Compartir el artículo

stats