Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nostálxico e feroz

Co fino humor da distancia

Nostálxico e feroz

Lemos agora a reedición da nouvelle de Vicente Araguas (Xuvia, Neda, 1950) Agora xa foi e véñennos á cabeza os seus libros anteriores. En primeiro lugar, os que conteñen a súa poesía imantada polos sentimentos máis notábeis que acariñan a súa pluma: o amor, a tenrura, a ironía. Desde a súa paisaxe de Glasgow, pasando por ás veces en domingo abonda coa ternura e chegando a cando fóramos nevar, obra que mostra a súa verdadeira madurez como poeta. A súa primeira prosa foi esta novela (moi breve en extensión) que agora comentamos.

O argumento que alberga sitúanos a inicios dos anos setenta, en Ferrol. Unha mocidade insubmisa planexa botar panfletos no estadio do Inferniño para espallar aos catro ventos a súa insurrección e a súa rebeldía. O protagonista sente no seu interior o péndulo da dúbida e do pánico. Este acto subversivo, en pleno fascismo, podería supor unha pena carceraria insuportábel. Non realizalo, suporía un acto de traizón ou unha covardía. Levaría consigo un afastamento da célula revolucionaria en que milita e, a un tempo, afastaríao da muller que comezaba a querer, Natalia. Non vou revelar ao lector a decisión que vai tomar o noso heroe contemporáneo, mais si mostrar as tribulacións da personaxe que se debate entre a ética e a estética, entre o terror a ser torturado ou en realizar un acto de heroísmo minúsculo, que só podería ser admirado por dúas persoas ou, máis ben, por unha. E entre estas dúas lealdades e a incerteza da validez dos seus actos, Fandiño transita polas páxinas da vida mostrando a súa paixón polas mulleres, a súa afeccón polo futbol, a inocencia que habita o seu corazón e a descrición dunha sociedade sórdida fabricada polo fascismo, a delación, a represión, a submisión do servo, o gosto polos ambientes marxinais, polos tipos raros ou incómodos... En fin, un variopinto mosaico da Galiza franquista que está a piques de ver morrer o ditador e que segue acubillando no seu seo as contradicións que aínda a aferrollan e magoan.

Para elaborar este retrato, nostálxico e feroz a un tempo, Vicente Araguas vai despregando no texto a súa prosa de contumaz sarcasmo onde conviven o monólogo interior de frases espirais con puntos de vista máis tradicionais, o alento poético co prosaico, a fría descrición coa pincelada burlesca. Creo que un dos maiores méritos da obra radica no uso dunha linguaxe contemporánea aos feitos narrados, palabras hoxe en desuso que renacen nun texto que destila unha época perdida que o autor procura con desesperación. Mais tamén con retranca. Co fino humor da distancia para relatar o heroísmo irresponsábel, a decepción amorosa (rúa melancolía) e a descuberta da paixón.

ARAGUAS, Vicente, Agora xa foi, Ed. Embora, Ferrol, 2015, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats