Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Reivindicando Cabanillas

Con ben documentadas palabras

Reivindicando Cabanillas

O día que a Cantata a Ramón Cabanillas en xaponés traducida polo profesor Takekazu Asaka (Takiño) chegou ás mans de Francisco Fernández Rei, tiven a oportunidade de ter o exemplar nas miñas mans e o enorme pracer de escoitalo falar de Cabanillas como quen fala dun pai ou dun avó próximo mais tamén admirado e respectado. Hoxe, cando remato a lectura do seu libro Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa, volven a min as sensacións daquela tarde porque son o fío condutor de todas as súas páxinas.

A primeira edición ve a luz en setembro de 2015 e o volume foi presentado dous meses despois, no mes de novembro no marco do programa de actos que tivo lugar en Cambados polo centenario da publicación de Vento mareiro en 1915. Está a ser tal o seu éxito que dous meses despois da súa publicación xa sae do prelo unha segunda edición, algo realmente insólito no ensaio galego. Unha obra que aumentará a súa vixencia e interese en 2016, centenario das Irmandades da Fala e verdadeiro annus mirabilis de Cabanillas, en que publica Na noite estrelecida e O Mariscal e reedita Da terra asoballada.

Agrupa aquí o autor trinta colaboracións de diferente fasquía (artigos, relatorios, intervencións...) que nalgúns casos recompila para a ocasión (21) mais que noutros chegan a nós por vez primeira (9). Agás dous de 1977, o resto están datados entre 1999 e 2014 e dan conta do fervor do autor pola vida e obra de Cabanillas.

Como ben sinalou Emilio Insua na presentación, "o libro está escrito a dúas voces, a do rapaz da ribeira de Fefiñáns no seu espertar á conciencia idiomática e galeguista (...) e a do científico sabio das formas idiomáticas".

O volume estrutúrase en cinco apartados: 1. a memoria e as paisaxes de Cambados, 2. notas biográficas e literarias de Cabanillas, 3. a fala de Fefiñáns e a lingua literaria do poeta cambadés, 4. o mar en Cabanillas e o literario mar de Arousa, e 5. reivindicación e valorización de Cabanillas.

Sinalamos esta obra como fundamental para nos achegar á figura de Cabanillas e considerala na súa xusta dimensión na cultura galega como o primeiro autor monolingüe na historia de Galicia, como representante da estética oficial do nacionalismo que significou a ponte entre as tres grandes liñas literarias do Rexurdimento e as Vangardas e tamén como o creador do primeiro modelo de galego literario no século XX.

O prolingüeiro Paco Fernández Rei non nos conquista só con palabras ben documentadas como lle corresponde ao seu labor investigador de longa traxectoria senón, e sobre todo, coa súa verba amigable e chea de admiración polo ilustre veciño cambadés que acaba por facer de nós novos partisanos na dignificación social de Cabanillas.

FERNÁNDEZ REI, F., Ramón Cabanillas, Cambados e o mar da Arousa, Ed. Xerais, Vigo, 2015, PVP. 24 ?

Compartir el artículo

stats