Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Patrimonio a flote

A Federación pola Cultura Marítima e Fluvial, premio da Cultura Galega

Botadura da buceta ostreira Abelleira

Case medio cento de asociacións culturais, as que conforman a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, son as que veñen de recibir o Premio da Cultura Galega na modalidade de Patrimonio Cultural 2015 que concede anualmente a Xunta de Galicia. Con elas reciben tamén un galardón "o saber das xentes do mar e dos ríos, as comunidades mariñeiras e os carpinteiros de ribeira e tantos outros oficios tradicionais aburados de dificultades", manifestou o seu presidente, Manuel García Sendón, no discurso de aceptación do premio.

Entre máis de 40 candidaturas, a Federación Galega recibiu un dos oito galardóns que conforman uns premios que recoñecen o labor de persoas e colectivos no eido das Letras, as Artes Plásticas, Artes Escénicas, Patrimonio Cultural, Proxección Exterior, Música, Audiovisual e Lingua. Segundo as bases da convocatoria o premio ao Patrimonio Cultural está dirixido a "persoas, colectivos ou entidades que presenten unha traxectoria meritoria vinculada á protección, conservación e difusión do patrimonio cultural galego, material e inmaterial, en calquera medio ou campo de actuación".

O xurado recoñeceu o traballo dos defensores da nosa cultura marítima e fluvial, un colectivo que tivo a súa botadura oficial en 1993 co obxectivo de defender, divulgar e dinamizar o patrimonio doce e salgado que encalece as mans de mariñeiros, patróns e mariscadoras. Precisamente, desde os seus inicios, estes novos homes e mulleres do mar e os ríos dedicaron un importante traballo á recuperación de embarcacións e tipoloxías tradicionais, á realización de investigacións no eido patrimonial costeiro e marítimo e á realización de regatas e exhibicións conxuntas.

García Sendón, como dixemos, foi o encargado de recibir o recoñecemento na categoría de patrimonio cultural, dedicando o premio "a todas as persoas que contribuíron e contribúen de maneira altruísta á salvagarda do patrimonio do mar e dos ríos de Galicia". Sendón puxo xa un deber á administración galega: crear un marco propicio para regular o uso destes bens -en relación ás embarcacións tradicionais. Neste sentido demandou da administración galega "o recoñecemento da frota tradicional galega como ben patrimonial", porque "o seu destino non pode ser a morte nas rotondas, senón unha vida digna nos portos, en mariñas tradicionais, necesarias para o uso das embarcacións, a práctica da navegación tradicional", afirmou en referencia ao buque Bernardo Alfageme que o concello de Vigo situou no barrio de Coia.

Nos últimos vinte tres anos de existencia a Federación recuperou máis de 300 barcos de pequeno tamaño, organizou case unha ducia de encontros de embarcacións tradicionais, montou unha presada de exposicións e editou as revistas Relinga e Ardentía, esta última dirixida ata o seu pasamento polo intelectual grovense Luís Rei, unha publicación recoñecida por ter achegado a propios e estraños a memoria da suor doce e salgada das xentes do mar e os ríos en forma de ensaios e estudos elaborados con benquerenza e rigor asinados, entre outros, por Paco Fernández Rei, Ivone Baptista, Emilio Ínsua e Dionisio Pereira.

European Maritime Heritage

  • A cultura marítima e fluvial de Galicia bebe da mellor tradición europea, encabezada por Francia (Douarnenez e Brest foron dous dos portos europeos que viron izar velas galegas da man dos premiados). Como resultado desta traxectoria, no ano 2009 a European Maritime Heritage, asociación de carácter internacional que conta co abeiro da Unesco e asesora ás autoridades da Unión Europea nos temas do patrimonio marítimo, convidou á Federación Galega a formar parte daquela asociación, incorporación que se materializou en Bruxelas o 16 de maio de 2009. Isto demostra que o patrimonio marítimo e fluvial galego é "un fértil recurso cheo de posibilidades", di Senón.Dornas, gamelas, xeiteiras, traiñeiras, pataches, bucetas, galeóns, racús.... o fin destes novos homes e mulleres do mar é recuperar e custodiar as embarcacións tradicionais para que estean a disposición de todo o mundo, "son dos galegos e das galegas, mirade por onde, todos tedes barco", afirma. "Subide a bordo e gozade da navegación a vela nas embarcacións dos nosos devanceiros", convida amable Sendón.Pero a Federación Galega non fai esta travesía soa. Faino da man dos seus compañeiros portugueses, peninsulares e europeos que perseguen os mesmos fins: recuperar, conservar e estudar a memoria do mar e dos ríos, a auga que serviu para navegar e para atopar o sustento de hoxe e de outrora. Nesa singradura andan. Longa vida ao seu ronsel

Compartir el artículo

stats