Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O espírito do bosque

Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

O mosteiro de Santa Cristina é unha das xoias do románico galego. // FDV

É menos coñecido que outros ilustres veciños, como o de Santo Estevo, pero o mosteiro de Santa Cristina, no concello ourensán de Parada do Sil, non só é un dos máis fermosos senón tamén un dos máis misteriosos, emboscado como está entre a fronda e co rumor do Sil correndo a poucos metros entre impresionantes canóns. Aquí atoparon os primeiros eremitas que o habitaron o silencio meditativo que necesitaban para camiñar cara á luz, símbolo de Deus. Xorde no medio da fraga de Merilán, por baixo do monte Varona e constitúe un dos grandes encantos monumentais e espirituais da Ribeira Sacra, de máximo interese desde o punto de vista artístico e arquitectónico.

O cenobio ten a súa orixe nun asentamento de santos varóns que aquí se refuxiaron para levar unha vida de meditación e de oración. É unha das xoias do románico galego e unha auténtica exaltación do labor escultórico dos mestres medievais que traballaron na súa fábrica. Os primeiros testemuños escritos do monumento aparecen no século X a través das doazóns que se fan aos seus abades, chegando a acumular co tempo un importante patrimonio. Destas referencias dedúcese a súa adscrición regular a San Fructuoso, aínda que avanzada a Idade Media adoptaría a regra de San Bieito, da mesma forma que a maioría dos cenobios da Ribeira Sacra. Porque o románico resplandece nesta terra de bendito viño rodeada polo canón impresionante que forma o Sil ata o seu encontro co pai Miño nos Peares. Nesta zona floreceu de forma especial a vida monástica desde a Alta Idade Media, agrupando a maior concentración de mosteiros e igrexas románicas de Galicia.

En Santa Cristina é impresionante tanto o mosteiro,agachado na espesura do bosque, como a súa contorna natural, entre árbores centenarias. Os monxes acharon un lugar idóneo para entregarse á oración e para o cultivo da vide e dos castiñeiros, produción agrícola que estimularon e que logo cederían aos campesiños a través das cartas de aforamiento. A mención na documentación medieval da existencia de numerosas granxas e centros de recolección das colleitas, onde se recibían todas as rendas e décimos, evidencian a bonanza económica do centro monástico, á vez que recibía a concesión de importantes privilexios reais e a protección papal. O cenobio está conectado por un carreiro que bordea o Sil co mosteiro de Santo Estevo, do que pasou a depender como priorado a partir do século XVI, circunstancia coa que comeza o seu declive, que sería definitivo tras a Desamortización, cando pasou a mans particulares, chegando a utilizarse as dependencias como cortes e palleiros.

O conxunto monumental componse de mosteiro e igrexa. O edificio orixinal da abadía, disposto ao redor dun pequeno claustro, era de estilo románico, seguindo as pautas estéticas da orde benedictina. A igrexa, románica do mesmo xeito que a portada do cenobio, é de finais do século XII. Ten planta de cruz latina dunha soa nave na que se presentan cinco tramos divididos por arcos de medio punto. Foi durante o século XIII cando se introduciron elementos góticos, fundamentalmente as arcaduras lixeiramente apuntadas e cabeceira tripartita de ábsidas semicirculares co central destacado. Na fachada, sobre unha portada con tres arquivoltas, eríxese un gran rosetón calado con pequenos arcos lobulados que permite que o templo se alague de luz. A torre, atalaia privilexiada sobre o curso do Sil, servía para chamar á oración e como punto de vixilancia e defensa. Está rematada cun almenado e cuberta en forma de pirámide, algo pouco usual nos mosteiros da zona.

Na dependencia anexa á igrexa, habilitada para sancristía, consérvanse pinturas murais do século XVIII, coa representación do escudo de Santo Estevo, que se suman ás do interior do templo, de notorio sabor popular.

Refuxio de eremitas

  • Na comarca de Terras de Caldelas, Parada de Sil garda castiñeiros centenarios, vellas carballeiras e magníficos miradoiros sobre o impresionante canón do río que lle presta nome, como o dos Balcóns de Madrid ou o miradoiro situado xunto á ermida de Triguas. Desde aquí obsérvase un compendio de todas as paisaxes que contén a Ribeira Sacra, produto dunha historia xeolóxica única. As súas frondas foron sempre refuxio de eremitas e entre elas álzase o que é un dos cenobios máis fermosos da Ribeira Sacra, o de Santa Cristina, outrora centro de intensa actividade monástica e auténtica xoia do románico galego na espesura do bosque.O concello conta coa ruta "Canón do Sil-Santa Cristina". Trátase dun traxecto circular de 18 quilómetros con principio e fin na Praza do Barquilleiro, onde se levanta o monumento dedicado aos artesáns que outrora ían vender barquillos a Madrid e que supoñían unha importante contribución á economía local. A senda discorre por vellos carreiros e antigos camiños abertos para cultivar as pendentes de viñedos. No percorrido vense fornos, hórreos e muíños, ademais da xoia románica de Santa Cristina. Ademais, en todo o concello abundan árbores senlleiras como as do souto de Santo Andrés ou a situada preto de Entrambosríos, fermoso exemplar que leva séculos desafiando o tempo.

Compartir el artículo

stats