Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da Palestina de fóra

En fermosas metáforas

Da Palestina de fóra

Randa Jarrar (Chicago, 1978) é unha autora norteamericana en lingua inglesa de orixe palestina, que grazas á súa primeira novela publicada o pasado 2008, A map of home, obtivo o Hopwood Award e o Arab American Book Award. Preparouse para a angueira de escribir estudando Escritura Creativa no Sarah Lawrence College e a súa formación completouse cun mestrado en Estudos de Oriente Medio na Universidade de Austin, Texas. E é que a ela, tamén docente e tradutora, lle preocupa o seu país de procedencia e a situación dos seus compatriotas de vida nómade.

Jarrar, focalizando a narración na ollada dunha nena, expón unha especial visión de Palestina, a Palestina de fóra, a patria que a protagonista enxerga a partir dos recordos e anécdotas dos seus pais, o lar ausente. A nena Nidali, que naceu en Boston, filla dun palestino e dunha greco-exipcia, dubida un día se é israelí, punto de inflexión a partires do que o seu pai, co libro Palestina é o meu país entre mans, mándalle delinear o mapa e debuxalo unha e outra vez, para que nunca máis se lle esqueza. Era O mapa do lar, fermoso título da obra que vimos de ler, un mapa do lar que reproducían aqueles fillos de palestinos que nunca coñeceron a súa terra.

Alén da visión particular do país de orixe que ten alguén que endexamais o pisou, marcada pola ocupación de Kuwait e pola emigración, a novela céntrase na evolución de Nidali, na configuración da súa identidade. Por medio da súa lectura, asistimos ao crecemento da rapaza que xa asentada en Texas, decide contar a historia da súa vida dende os primeiros pasos no Golfo Pérsico ata a rebeldía adolescente nos Estados Unidos de América, con todos os movementos migratorios necesarios ata alcanzar o ansiado territorio norteamericano. Acompañamos, por tanto, a Nidali e entendemos a batalla pola súa independencia e a loita contra as imposicións dun pai violento, intransixente e severo que pretende conducila á súa beira e impoñerlle unha cultura e tradición allea a ela. Un home un tanto contraditorio e incongruente este pai de Nidali, pois según el mesmo di, quere que estudie e que sexa libre, mentres lle obriga a facer as ablucións e o conseguinte rezo e bate na súa muller cantas veces quere.

En resumo, esta é unha novela que aborda dúas grandes temáticas universais: a problemática da guerra e as súas consecuencias -como a emigración- e o paso da infancia á adolescencia de Nidali, a conformación da súa identidade. Por iso esta novela que vén de tirar a editora Hugin e Munin do prelo pódese considerar un crossover, ou o que é o mesmo, unha obra a medio camiño entre a literatura institucionalizada e a xuvenil. Jarrar creou unha narración sublime, con fermosas metáforas da guerra e con toques de humor que restan dramatismo á dura historia de Nidali e maila súa familia.

JARRAR, Randa, Un mapa do lar, Ed. Huguín e Munin, Santiago de Compostela, 2015, PVP. 16 ?

Compartir el artículo

stats