Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No centenario de Peter Weiss

Actualidade do teatro documento

Marat/Sade no Teatro Español (1965).

Peter Weiss (Berlín, 1916-1982) non é un autor cómodo. Resulta menos incómodo Heiner Müller, talvez porque se mostra máis hermético, e polo tanto máis interpretable, máis conxectural, máis aberto. Compromete menos. Weiss, coma Rolf Hochhuth, sitúa a nosa mirada en acontecementos arrepiantes que nos sitúan diante da natureza mesma da barbarie, das nosas complicidades coa mesma. Unha das pezas de Hochhuth, Soldados, provocou unha dura polémica en Inglaterra, pois o National Theatre cancelou a súa estrea en 1967 polo feito de que na mesma se denuncian outros crimes das guerras, como o salvaxe bombardeo que as forzas aéreas británica e norteamericana perpetraron na cidade de Dresde, pouco antes da rendición da Alemaña nazi.

Weiss escribiu no seu día que "cada palabra que escribo e dou á imprenta é política", pois todos os actos nosos teñen ese carácter, se entendemos a política na perspectiva dun xogo de poder entre suxeitos no que as palabras, e o capital que as acompaña, teñen especial relevancia, como mostrou J. L. Austin en How to do things with words (1962), ou Terry Eagleton en Ideology (1991). Por iso Weiss, seguindo o exemplo de Erwin Piscator ou de Bertold Brecht, deu tanta importancia ás palabras, especialmente ás palabras ditas, convertidas en documentos obxectivos para explicar ou tentar entender a subxectividade, para situar a subxectividade no contexto en que se manifesta e poder así confrontármonos con ela. A corrente na que se insire a súa obra tense denominado "teatro documento", que define como un "teatro de información", pois renuncia a calquera forma de ficción para mostrar no escenario material auténtico orientado a ilustrar un tema cunha orientación social ou política.

En 1976 a Editorial Lumen publicou un libro titulado Escritos políticos que contiña algúns traballos relacionados coa súa maneira de entender a arte e a vida, e no que criticaba duramente o feito de que na altura de 1965 a vontade internacionalista de moitas persoas se vise impedida por ficcións fronteirizas entre os uns e os outros, polo inmobilismo das "bandeiriñas e das cancionciñas nacionalistas". Eran tempos en que en Europa os muros reais e simbólicos impedían a libre circulación das ideas. Nese pequeno volume, inclúe Weiss un traballo titulado "Notas sobre el teatro documento" onde expresa con precisión os obxectivos desa forma dramática e escénica: crítica ao encubrimento, ao falseamento da realidade, e ás mentiras, para mostrar as estratexias informativas dos que teñen o poder. Unha dura crítica aos medios de comunicación que no día de hoxe se torna especialmente pertinente. Por iso na xenealoxía do teatro documento, Weiss non quere esquecer algunhas propostas escénicas dos teatros de axitación e propaganda que se denominaron "living newspaper", da Unión Soviética aos Estados Unidos de América, onde floreceu con forza nos anos vinte do pasado século. Mostrar a realidade en toda a súa complexidade.

Famoso en medio mundo pola peza coñecida como Marat/Sade (1964), estreada en 1968 en España con dirección de Adolfo Marsillach, unha das súas obras máis notables foi Die Ermittlung (A investigación, 1964), onde recrea o xuízo celebrado en Frankfurt contra os responsables do campo de concentración de Auschwitz, e onde conforma esa dramaturxia documental, coa que outros dramaturgos máis recentes como Anna Deavere Smith ou Robin Soans veñen traballando, baixo a denominación de "verbatim theatre". Un autor cada día máis necesario, pois fornece ferramentas precisas para converter o teatro nunha ciencia social crítica, para facer do coñecemento unha ferramenta ao servizo da emancipación, como propoñían Jürgen Habermas ou Paulo Freire.

Weiss en Galicia

  • O Dicionário do Teatro Galego de Manuel Lourenzo e Francisco Pillado (1985) non ofrece novas sobre Weiss en Galicia, pois en efecto, é autor pouco coñecido, ben que dramaturgos coma Daniel Cortezón ou Camilo Valdeorras no seu día apostaran por unha dramática cunha forte dimensión histórica e documental. Tampouco se coñece moito entre nós a novela Die Ästhetik des Widerstands (A estética da resistencia, 1975-1981), unha das xoias literarias do século XX, comparable ao Ulysses de Joyce na súa feitura, excelencia e fondura.Compañías que recentemente botan man das ferramentas do teatro documento, coma Chévere, con espectáculos coma Citizen (1, 2, 3) ou Eurozone, e dramaturgos como Cándido Pazó, na construción da peza As do peixe, dirixida por Cristina Domínguez, dan conta das posibilidades das achegas de Weiss para conformar dispositivos escénicos orientados a iluminar as zonas máis críticas da realidade, desas realidades que moitos medios de comunicación manteñen ocultas. Se a literatura dramática e o teatro aspiran a ser algo máis que un pasatempo, cómpre recuperar todo canto Peter Weiss mostrou nas súas pezas. Contra os andazos do presente.

Compartir el artículo

stats