Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Castelao, 2016

Unha mostra na Galería Montenegro

Viñeta de Cousas da vida (publicada en FARO DE VIGO na época) presente na exposición.

A Galería Montenegro de Vigo presenta unha mostra de obras de Castelao sumándose á celebración do Ano Castelao, que coincide co centenario da creación das Irmandades da Fala, movemento onde o artista, escritor e político rianxeiro tivo un papel sobranceiro.

No conxunto de obras presentes na exposición podemos encontrar debuxos, tintas e acuarelas de distintos momentos da traxectoria artística de Castelao, cunha notábel presenza de traballos da primeira época do autor, nomeadamente da década dos dez.

Entre as tintas salienta Vera Effigies, obra que reproduce a face de Valle-Inclán, homenaxeando a influencia literaria de raíz simbolista que exerce o escritor sobre o artista nos anos finais da primeira década do século XX. Presenta a Valle como un Ecce Homo, vítima da incomprensión social mais tamén icona reverenciada. A tinta está directamente relacionada co óleo Retrato de Castelao (ca. 1909), do pintor Xesús Corredoyra. Para ambos, moi amigos nestes anos, Valle-Inclán é un referente e un influxo na súa arte. Hai que entender ambas as obras desde o simbolismo que quere salientar o individuo singular encarnado no escritor.

Outra tinta notábel é Emigrantes, feita a comezos dos anos dez recollendo un tema recorrente no autor: a emigración. Nesta altura o noso autor aínda mantiña certo anecdotismo caricaturesco que irá dando paso a un tratamento máis marcadamente social en obras posteriores. A obra de Castelao toca o tema migratorio deste unha fonda sensibilidade social, el mesmo fora emigrante na súa infancia na Arxentina. As súas pinturas e debuxos destacan pola comprensión da psicoloxía do home galego, do mundo cotián, e pola súa inquietude a respecto dos problemas das clases populares coas que sente unha identificación que parte dunha preocupación social e dun coñecemento directo da realidade representada.

Tamén podemos ver unha terceira tinta intitulada Que bonito vas, meu hirmanciño c'o traxe d'as romarías!. Este traballo é unha variante do número 36 do famoso Album Nós, que leva o seguinte pé: "-Ay meu homiño, e que bonito vas co traxe das romerías!". A diferenza é que o tratamento visual desta tinta é menos dramático que na versión publicada no coñecido album, editado en 1931, pero que foi elaborado e exposto entre os anos 1916 e 1918. Este aspecto pódese constatar comparando as figuras femininas que fan o pranto ou a figura masculina do primeiro plano coas mesmas representacións da obra do Album Nós.

De menor relevancia son unha serie de debuxos con dimensións pequenas: Estudos de cabezas, realizados a lapis, e con formas bosquexadas. Castelao tenta nestes debuxos captar os trazos do xeito máis sintético posíbel para verificar e comprender os aspectos esenciais do modelo, con vontade caricaturesca mais sen acritude. O resultado, como en calquera artista de personalidade, revela a comprensión do representado. O debuxo é, pois, unha maneira de penetrar no mundo real e comprendelo mellor, un exercicio que se converteu en esencial en Castelao desde os seus tempos xuvenís na súa época universitaria. Cómpre salientar que entre as figuras caricaturizadas está o rei Afonso XIII.

Moi relevantes son un grupo de acuarelas da finais da primeira década do XX, obra ben características da primeira etapa de Castelao prenacionalista. En Camiño da festa (1908) domina a anécdota costumista e o influxo da planimetría modernista. Este tipo de acuarelas ilustraron os primeiros números da revista Vida Gallega, que aparece en Vigo en 1909 dirixida polo escritor Jaime Solá. Camiño da festa, en concreto, serviu como imaxe para a capa do primeiro número da revista en xaneiro de 1909.

A segunda, O crego, é unha acuarela que presenta unha figura humana rotunda, un sacerdote de fasquía popular. É un exemplo dos temas costumistas e folclorizantes galegos, tan cultivados por Castelao nos anos dez. O pintor combina con grande estilización elementos modernizadores no uso da cor e na planimetría e un manifesto decorativismo. Neste sentido cómpre situar esta obra en relación cos seus numerosos traballos de ilustración gráfica que realiza neste tempo.

Ojo clínico é outro exemplo de acuarela que ilustra, nun ton marcadamente humorístico, unha publicación. Os personaxes populares e as escenas chocalleiras, como esta en concreto, son típicas do traballo de ilustración gráfica do primeiro Castelao, como xa sinalamos ao falarmos de Vida Gallega. Esta obra pertence, inequivocamente, ao mesmo mundo referencial.

Unha nova tinta El hidalgo Don Tirso de Guimarães, está directamente ligada á ilustración da capa do libro do mesmo título publicado por Luis Antón del Olmet, ilustrado por Castelao en 1915. O tema, presente en abondosas obras literarias e artísticas galega destes anos, é o da decadencia da fidalguía, patente na pintura de Xesús Corredoyra ou Castelao e na literatura de Valle-Inclán, Otero Pedrayo ou o propio Castelao. Nesta obra é explícito este mundo ao aparecer o vello fidalgo en primeiro plano e o pazo escanastrado ao fondo.

Cousas da vida

  • Acaba a mostra, non moi extensa pero de indubidábel interese, con varios exemplos da serie Cousas da vida. Estamos perante uns debuxos que fan agroman todas as contradicións, conflitos e esperanzas do home común do convulso e esperanzador período que viviu o autor, sendo en boa medida este traballo espello do seu tempo. Os seus debuxos representan con moita variedade as características físicas máis acentuadas do home galego, hai que ter en conta que Castelao sempre estivo preocupado por plasmar do xeito máis eficaz posíbel as cuestións que afectaban á ética ou aos problemas políticos da sociedade que lle tocou vivir, cunha forte carga solidaria: a inxustiza das leis, a emigración, o caciquismo, a problemática lingüística, a cuestión nacional, a forma de estado... O protagonismo central desta serie téñeno personaxes populares: meniños, cegos, mulleres, homes do mar, labregos empobrecidos... e en contraste con eles burgueses e caciques, para en todos os casos o autor facer salientar as características máis notábeis deles.

Compartir el artículo

stats