Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

TTIP: unha ameaza real?

Comercio global e multinacionais

José Durão Barroso.

O 12 de febreiro de 2013, no marco do Cumio do G8 celebrado nun hotel situado á beira do lago Erne, os presidentes dos EEUU, Barack Obama, da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, e do Consello Europeo, Herman van Rompuy, anunciaron publicamente o inicio dunha nova fase nas relacións comerciais entre os Estados Unidos e a Unión Europea que se concretaría nun novo tratado comercial e de investimentos: o Tratado Trasalántico de Comercio e Investimento entre a Unión Europea e os Estados Unidos (TTIP).

Con todo, malia o anuncio oficial, resulta evidente que as negociacións comezaran antes, posiblemente no marco das negociacións en organismos multilaterais, como a OMC, o FMI e o BM, e que obedecían ás novas necesidades do capital financeiro e das grandes corporacións multinacionais. Efectivamente, nos últimos anos, a medida que se avanzaba nas negociacións que conduciron á fundación da Organización Mundial do Comercio e tralo fracaso de acordos multilaterais como o Acordo Multilateral de Investimentos, as grandes corporacións atoparon unha nova estratexia negociadora: os tratados bilaterais ou rexionais, como o NAFTA, o Tratado de Libre Comercio de América do Norte (1992), e o ALCA, que os dirixentes progresistas latinoamericanos con Chávez á fronte e ás mobilizacións populares detiveron, cando menos durante 10 anos. Neste sentido, o TTIP, o mesmo que o Acordo Trans Pacífico de Cooperación Económica (TPP), que vén de ser aprobado en outubro de 2015 por Australia, Brunei, Canadá, Chile, os EEUU, Xapón, Malaisia, México, Nova Zelandia, Perú, Singapur e Vietnam, é herdeiro directo desa nova estratexia, que, fronte á vella rolda negociadora con demasiados axentes implicados, algúns deles novas potencias emerxentes (Brasil, China, India, República Sudafricana), favorece a toma de decisións e a chegada a acordos.

Ora ben, que perseguen os estados asinantes deses tratados? Segundo a propaganda oficial esta nova xeración de tratados comerciais e de investimentos buscan elevar os estándares de vida das persoas e asegurar o pleno emprego nos países asinantes. Algo tan fermoso como distante da realidade! Nin a evidencia observable en México, os Estados Unidos e Canadá, en tanto que asinantes do NAFTA, nin a lectura crítica do TPP ou o TIPP, permiten confirmar os supostos beneficios deses tratados; todo o contrario, o único que confirman é o aumento do desemprego e da deslocalización industrial, o que provoca, para evitar a marcha do tecido industrial, un irrefreable dumping social que é o responsable da perda de dereitos sociais, laborais e sindicais naqueles estados que tiñan maior protección social e laboral.

Neste sentido, como sinala Adoración Guamán, Carlos Taibo, Susan George?, pódese concluír que o TTIP encerra: primeiro, a desregulamentación absoluta das relacións laborais no seo das empresas, o que unicamente se pode traducir en perda de dereitos e precariedade; segundo, a perda de control sobre a práctica totalidade das actividades económica, que quedan suxeitas á libre decisión das corporacións empresariais; terceiro, un retroceso na política medioambiental e de control de tranxénicos, debido a que as normas nos EEUU son menos esixentes, o que implicaría un retroceso no dereito medioambiental e de saúde europeo; cuarto, unha perda de control democrático das actividades económicas, xa que se crean tribunais de arbitraxe externos aos estados? En definitiva, estamos ante un tratado que vulnera os dereitos das persoas, que son entregados, por quen ten a obriga de velar por eles, ás grandes corporacións, que non teñen por misión velar polo noso benestar. É, xa que logo, un asalto a democracia e ao benestar dos pobos contra o que cómpre loitar.

Un libro para o debate

  • Nun momento en que o Tratado Trasalántico de Comercio e Investimento entre a Unión Europea e os Estados Unidos (TTIP) aínda non está aprobado, é oportuno publicar un libro sobre ese Tratado? Obviamente, as respostas posibles poden ser dúas: unha negativa, xa que non tería sentido escribir sobre algo que non se coñece dun xeito definitivo, e outra positiva, a que adoptou a profesora de Dereito do traballo e da seguridade social na Universidade de Valencia, Adoración Guamán, quen vén de publicar o libro TTIP: el asalto de las multinacionales a la democracia (AKAL, 2015).Dúas son as razóns para escribir neste momento un libro como o que vén de publicar a profesora Guamán: primeira, de carácter técnico-xurídico, xa que co material dispoñible na actualidade -que foi necesario rescatar do secretismo no que o mantiñan os negociadores-, é posible (e necesario), realizar unha análise xurídica crítica que 'advirta das inconsistencias e das consecuencias' do que se está negociando antes de que sexa demasiado tarde, o momento da súa aprobación; segunda, de carácter político, calquera contribución que permita difundir o contido das negociacións é fundamental, polo que sempre será ben recibido, para organizar a loita contra ese Tratado, que constitúe un asalto das multinacionais ás democracias.

Compartir el artículo

stats