Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A fronteira da moda

Jazzin´for Blue Jean

O denim aparece nas propostas máis atrevidas e innovadoras (modelo de Calvin Klein).

Unha exposición agora mesmo no Museo do Fashion Institute of Technology, en Nova York, traza a historia da roupa vaqueira dende as súas orixes na roupa de traballo do século XIX deica á sofisticación elegante, feita con denim, dos nosos días.

No inicio, o denim era ideal para a vestimenta de labor no campo e na industria, pois é un tecido moi recio; a famosa marca Levi Strauss & Co vestía os buscadores de ouro na California de mediados do século XIX. Hoxe o vaqueiro é un dos tecidos máis considerados e máis empregados, estímase que nun día calquera a metade da poboación mundial leva semellante roupa.

Precisamente o Levi´s 50, creado en 1879, abre a mostra. Entre as prendas fabricadas no século XIX, hai logo moitas roupas de traballo para homes, pero tamén para a muller. Máis adiante, no tempo de entre guerras, apareceron dous novos usos para o tecido vaqueiro: roupas de estilo campestre e roupas de xogo ou deporte.Dese período hai pezas na exposición de estilo deportivo e tamén unha camisa de alta costura de Elsa Schiaparelli que, con ironía surrealista "imita" ó denim.

A II Guerra Mundial trouxo novos escenarios sociais. As mulleres acudiron masivamente ás fábricas, e para elas estandarizouse un mono de tecido vaqueiro; para facer as tarefas do fogar, deseñáronse uns vestidos tipo túnica, compactos e simples: a casa Claire McCardell, foi a pioneira no 1942.

Logo da guerra, un novo escenario xurdiu para o vaqueiro, que se converteu no símbolo da xuventude.Os anos sesenta asocian o blue jean co movemento hippy; a identidade do material coa clase traballador e cuns ideais contraculturais fixeron do vaqueiro unha roupa de contido político. Daquela aparecen os vaqueiros bordados e tamén en patchwork.

Xa nos anos setenta, o movemento contracultural transfórmase en cultura de masas. Dende o concerto de Woodstock (1969), o aspecto do vaqueiro hippy perde contido e gaña adeptos ao mesmo tempo que os deseñadores de elite como Yves Saint Laurent, ou creadores americanos como John Weitz, crean pezas de deseño con tecido vaqueiro. A casa italiana Fiorucci e a americana Calvin Klein inician entre os anos setenta e oitenta a moda dos vaqueiros de deseñador, contando por exemplo coa actriz Brooke Shields para as campañas publicitarias, co mítico slogan: "non hai nada entre os meus Calvins e o meu corpo". Tamén nos anos oitenta apareceron os vaqueiros lavados á pedra e ao ácido; uns importantes creadores desa época foron Marithé & François Girbaud.

Nos anos noventa o vaqueiro recibe a influencia da cultura hip-hop ao tempo que no outro extremo do mapa cultural entra no mundo do luxo cos deseños de Tom Ford para Gucci, bordados de plumas, que custaban 3.000 dólares no ano 1999, abrindo a billa a unha corrente de coleccións de alto status creadas por Gianfranco Ferré, Jean Paul Gaultier,Roberto Cavalli, e outros moitos que deron en encher as vitrinas das boutiques con jeans de autor. Nas últimas décadas as creacións en denim dos deseñadores xaponeses teñen un carácter indiscutible, con innovacións nas formas e acabados. Asemade son moitos os deseñadores que fan pezas deconstruídas, case que escultóricas. A todos eles dedícalles a exposición un espazo que vén subliñar o enxalzamento e triunfo dos jeans como democratizadore asemade que material doado para a alta moda.

Garavatas vaqueiras

  • Nos últimos anos temos asistido a unha divulgación máxima das posibilidades de emprego das prendas feitas con tecido vaqueiro; tanto que é difícil non ollar unha colección de calquera deseñador na que non aparezan prendas en denim.As coleccións de home de outono/inverno 2016 presentan denim en todas as variantes. Valentino da man de María Grazia Chiuri e Pier Paolo Piccioli, propón jeans convencionais completados por cazadoras bordadas. DSquared, da súa parte, amosap kilts feitas de material vaqueiro. Loewe, con J. W. Anderson, sinala jeans cunha volta nos baixos que chega case á metade da perna. E a lista sería tan longa como o número de deseñadores que presentan coleccións nalgunha das pasarelas europeas ou americana. Hai unha integración absoluta dos jeans na nosa sociedade, moitos pantalóns de vestir teñen copiado a formas de cinco petos tradicional da roupa vaqueira.Por outra banda, os deseñadores de vangarda empregan o denim para as propostas máis innovadoras: a sahariana de Yves Saint Laurent nos anos 70; as cazadoras de formas axustadas de Azzedine Alaïa nos 80; os traxes de noite de corte serea con plumas de Jean Paul Gaultier nos anos 90; esoutros de Hedi Slimane para Dior na primeira década do século XXI... A alta moda ten un idilio co denim, pero deixa espazo para o gran consumo onde tamén se presenta cada ano o denim en todas as súas variacións. Non por menos, cando a Yves Saint Laurent lle foi preguntado que cal era a peza de moda que lle gustaría ter feito, respondeu: "os vaqueiros".

Compartir el artículo

stats