Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Delicioso volume

Mouros, doncelas, teceláns

Delicioso volume

Chega ás miñas mans o delicioso libro Lendo lendas, digo versos da autoría de Antonio García Teijeiro, Antonio Reigosa e as ilustracións de Xosé Cobas. Delicioso porque se trata dunha orixinal aposta literaria e editorial. Quérese dicir, dun xogo-coloquio entre a narración en prosa dunha lenda, a súa traslación a poesía e a súa interpretación plástica. Un triplo traballo e un triplo desafío do que saíron airosos os autores. Por un lado temos o labor selectivo de Antonio Reigosa que recolleu as historias populares onde comparece unha moura que quer ser desencantada, un feito histórico que relata como se conseguiu que Pedro Madruga sentise medo, unha lontra imaxinaria, tres doncelas enfeitizadas, un tecelán que senta no seu proprio caxato, un monarca xeneroso que exime de pagar tributos aos moradores de Lobeira, un demo dúas veces burlado, unha lenda mariana da creación dunha flor, a historia dun rei asediado que acaba vencedor, unha madrasta malvada que castiga a fillasta que se transforma en fonte, as árbores que soan como unha orquestra sinfónica, espíritos que ocupan unha casa, unha serpe encantada e unha lagoa, un trasgo defecador, peixes que falan, a disputa entre a néboa e a vergoña, e a competición entre Deus e o Demo. Un rico acervo de relatos lendarios onde podemos apreciar a maravillosa pegada de Cunqueiro nalgún final: "Só o santo Goar e a santa Bríxida, segundo nos contan as lendas, eran quen de facer algo tan prodixioso como colgar a capa ou outra peza de roupa dun raio de sol".

Por outra banda, a tarefa de García Teijeiro consistiu en recontar as historias en verso romancesco. Aquí atopamos unha enorme variedade de recursos expresivos sabiamente utilizados, que van desde a sorpresa sobre o verdadeiro protagonista da narración, pasando pola dúbida da verosemellanza da trama que o suxeito lírico confirma ou, mesmo, que atribúe a seres vivos da natureza: "Non sei se todo isto é certo./Escoiteillo a unha laverca,/que pousaba ás mañanciñas/no peitoril dunha fiestra". Noutras ocasións topamos con finais que crean un anticlímax, ou a ironía do eu lírico que se acaba contaxiando da historia que relata. Todo isto envolto nunha vigorosa musicalidade que, por veces, remite á tradición do cantar de cego e, outras, sobe a cumes de intenso lirismo: "Sucaremos ceos/nun cabalo branco./Non perdas a rosa./Eu quérote tanto...".

O terceiro traballo é visual. Xosé Cobas deléitanos con deseños dunha paradigmática felicidade plástica. Figuras oníricas, cores difuminadas, ambientes feéricos ou míticos convivindo coa extrema delicadeza das recreacións mitolóxicas, como o unicornio que ilustra a portada. O dito, unha delicia.

GARCÍA TEIJEIRO, A. e REIGOSA, Antonio, Lendo lenas, digo versos, Ed. Xerais, Vigo, 2015, PVP. 19 ?

Compartir el artículo

stats