Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cinema e ensino

Mestres e alumnos na pantalla

Fernando Fernán Gómez en A lingua das bolboretas (1999).

Un documental dirixido por Miguel Piñeiro, A palabra xusta, rende homenaxe á mestra Antía Cal, fundadora no ano 1961 da Escola Rosalía de Castro en Vigo. O título da peza fílmica fai referencia a un xogo inventado pola mestra: ao finalizar a clase cada alumno debería escribir nun papel, no menor número de palabras posibles, unha frase que reflectise aquilo que aprendeu ese día. Despois, os mesmos alumnos elixían a mellor resposta. Con 92 anos de idade, Antía Cal repasa con extraordinaria lucidez fronte a cámara unha vida enteira adicada ao ensino.

Existe unha cantidade relativa de películas ambientadas no aula, aínda que non todas profunden nun análise sobre a educación, xa que este non adoita ser un tema de reclamo para a industria cinematográfica, por moito que os seus protagonistas, mestres e profesores, acometan a diario proezas inasumibles mesmo para heroes de ciencia-ficción. Non coñezo unha profesión que conxugue tantos roles como a do profesional do ensino: titor, investigador, animador, mago, orador, mediador, pacificador, actor, avaliador, axudante, mentor, etc. Deixo ao lector completar unha listaxe inabarcable para a extensión deste artigo.

Albert Camus, na súa obra póstuma Le premier homme homenaxeaba ao seu mestre Germain, quen, en palabras do autor, ofrecía aos seus alumnos o máis alta recoñecemento: considerábanos dignos de descubrir o mundo. O labor dun docente non consiste tanto en introducir coñecemento na mente dun alumno como se cebáramos un ganso, senón en ser capaz de extraer do discente as capacidades necesarias para que poida aprender por se mesmo. Esta é por exemplo a ensinanza de películas emotivas como O clube dos poetas mortos (Dead poets society, 1989), filme dirixido por Peter Weir que deixa pegada no espectador cun final que mestura a tristura cun mensaxe esperanzador; ou A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda, 1999), adaptación de tres relatos de Manuel Rivas da súa obra Que me queres, amor?, na que un mestre da República procura transmitir a forza da razón e do corazón a un mozo en pleno aprendizaxe vital. "Saber" procede do latín "sapere", termo que significa á súa vez "saborear", como escenifica a secuencia na que o neno morde unha mazá -a froita prohibida- mentres pregunta ao mestre pola vida alén da morte.

O cine francés ofrece tamén unha visión reivindicativa da figura do mestre en películas como L'enfant sauvage (1970) de François Truffaut, baseada en feitos reais que narra o proceso de educación dun neno que creceu nun bosque illado do mundo civilizado. Pola súa parte, Bertrand Tavernier rodou Ça commence aujourd'hui (1999) -en galego, Hoxe empeza todo-cuxo título da conta da importancia de construír, desde a raíz, unha sociedade xusta e moito máis humana. Emotivo resulta tamén outro documental francés que, probablemente, sexa a mellor peza audiovisual sobre a educación que debería ser de obrigado visionado para toda persoa dedica a ensinanza: Ser e ter (Être et avoir, Nicolas Philbert, 2002). Unha cámara moi respectuosa que pasa case desapercibida para os figurantes filma un curso completo nunha escola unitaria dunha afastada aldea francesa. Alí, o mestre López, fillo de emigrantes españois, exhibe a arte da asertividade cunha delicadeza tan conmovedora que, no ano da súa estrea, conquistou os corazóns dos franceses converténdose nun dos documentais máis vistos da historia do país galo.

Contestaria e reflexiva é o documental, con breves engadidos de ficción, La educación prohibida, película arxentina do ano 2012 que propón un debate sobre o rumbo que debe tomar unha educación progresista, unha educación que coloque ao alumno no centro do proceso de aprendizaxe na procura dunha formación integral do ser humano.

Jaime Camino

  • Nado en Barcelona días despois do golpe de Estado de 1936, a cinematografía do recentemente falecido Jaime Camino, xira en torno á Guerra Civil española. Xa no ano 1968, aínda en plena ditadura, o realizador catalán pretendeu analizar o conflito desde o punto de vista do bando perdedor con España otra vez, con guión de Alvah Bessi, antigo brigadista e un dos "Dez de Hollywood" que se negaron a declarar ante o Comité de Actividades Antiamericanas. A mensaxe orixinal da película quedou neutralizada por efecto da censura, pero anos despois con Las largas vacaciones del 36 (1976), Camino volve a mostrar o bando vencido.Porén, a mellor obra do director é un documental: La vieja memoria (1977), unha das mellores películas sobre a Guerra Civil cunha fórmula baseada na manipulación na montaxe de opinións de protagonistas enfrontados durante a contenda. Unha vez consolidada a democracia, volve a retomar o tema en Dragon Rapide (1985), onde recrea o inicio da guerra a partir de voo de Franco desde as Canarias deica a Marrocos no avión que da título á longametraxe. Anos máis tarde, en El largo invierno (1991) retrata a cidade de Barcelona nos últimos días da guerra a través das dúas faccións dunha familia dividida ideoloxicamente que ocupan sucesivamente unha gran mansión rexentada por un mordomo encarnado por Vittorio Gassman.

Compartir el artículo

stats