Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha rosa do pensamento

Fronte ao conformismo, contra a violencia

Unha rosa do pensamento

Eusenino?, unha pequena, inquedas e arriscada editorial do país vén de publicar o libro de Rebeca Baceiredo Capitalismo e fascismo. Psico-ontoloxía da escravitude. A autora xa publicara no mesmo lugar títulos A revolución non vai ser televisada. Devir imperceptible seguindo a Gilles Deleuze, Premio de Ensaio da AELG 2014

Licenciada en Ciencias da Comunicación e doutora en Filosofía coa tese Achegas onto-éticas para a liberación do suxeito. Unha aproximación a partir da filosofía de Gilles Deleuze, a autora 2005 gañou o Premio Ramón Piñeiro (2005) con O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo. En Estaleiro Editora deu a coñecer (repeat to fade), hai catro anos E meterei a miña lei no teu peito.

Nunha sociedade que promove a mercantilización da cultura, Rebeca Baceiredo é unha pensadora sólida que vai contracorrente, e que publica gran parte da súa densa obra en editoras que son como illas ás que se accede por canles pouco coñecidas e de escaso tránsito. A obra que reseñamos é un canto á vida, un chamamento a desvelar as falsas aparencias do capitalismo. Con pluma de aceiro a autora presenta o modo en que a sociedade aniquila a diferencia, como o sistema, baixo a representación dunha variedade e liberdade inexistentes, canaliza a enerxía dos corpos, rompe as murallas para organizar a produción, e configura unha psico-ontoloxía da escravitude, que se manifesta con maior crueza no xénero feminino, sometido a un maior control e a unha maior alienación.

Fronte ao conformismo, contra a violencia do Nomos, esta pensadora non normativa presenta a vida coma un devir; defende a variación, a conxunción e a interconectividade rizomática, contraria en todo punto ás forzas reactivas, á moral do escravo e aos microfascismos. A súa filosofía esixe un cambio de paradigma nas nosas mentes, que os corpos contenedores de desexo despreguen as asas da creatividade, percorran o río manriqueño coma un traxecto activo, e se paren no medio da tempestade a escoitar o pálpito da vida. Na era do biocapitalismo, do biocontrol, no que coinciden tecnoloxía e bioloxía, Rebeca Baceiredo ergue a bandeira de Angela Davis, a potencia e a ética dunha ontoloxía alegre, e tamén a ética de mínimos de Foucault.

O ser humano precisa da vontade para mudar a realidade. Para deixar de ser subordinado necesita mudar a súa conciencia, pero tamén mergullarse na corrente da vida evitando a opresión e procurando non imitar as condutas do amo. Trátase de definir o desexo e de buscar nas relacións un estadio na que non hai que dominar nin ser dominados. A autora fuxe do narcisismo, non da singularidade; fronte as formulacións solipsistas que establecen os epistemes liberais, o Outro é entendido como multiplicidade. Cada ser é devir, pathos, porque non somos substancia. E a consecuencia deste cambio de enfoque a respecto do capitalismo é a posibilidade de vivir gozando e de recuperar a vida, nunha revolución dos corpos, que se inicia cando o amo non ten un escravo que o recoñece como tal.

Este libro non é un lirio delicado nin un eco salvaxe da natureza, é pura rosa do pensamento.

BACEIREDO, Rebeca, Capitalismo e fascismo, Ed. Euseino?, Vigo, 2015, PVP. 10 ?

Compartir el artículo

stats