Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sempre Freud

No seu tempo e no noso

Sigmund Freud (1856-1939).

As referencias a Freud na psicanálise, cultura, arte ou política son permanentes e inesgotables. No século XX o austríaco foi o gran revulsivo no terreo das ciencias, tal como no XIX lle acontecera a Darwin ou a Galileo e Newton no setecentos.

A finais da decimonovena centuria e comezos da seguinte, o eixo Viena-Berlín gozaba dunha gran relevancia no mundo das ciencias e da filosofía. Freud tivo grandes mestres como Carl Bruhl (naturista), Franz Bretano (teorías aristotélicas), Brucke (metodoloxía científica), Carl Claus (darwiniano)...que o motivaron na fisioloxía, zooloxía, lóxica ou filosofía. Despois de escoitarlle ao profesor Bruhl un fermoso ensaio de Goethe sobre a Natureza, decidiu estudar medicina.

No seu recente libro Freud. En son temps et dans le nôtre (2014), Elisabeth Roudinesc comenta que o perdido da obra do gran neurólogo non é nada en comparación co conservado. Desde o ano 2010, as obras de Freud, xa no dominio publico, poden consultarse, despois de anos de polémicas e batallas. Freudianos, postfreudianos, kleinianos, lacanianos, culturalistas ou independentes crearon en cada pais a súa escola. Sobre Freud os ensaios son innumerables: Freud e o xudaísmo, Freud e a relixión, Freud e as mulleres, Freud clínico, Freud e as neuroses... así como cómics, libros de arte, fotografías, novelas, filmes e documentais ou series de televisión arredor da súa figura e obra.

Atraído polos mitos da antiga Grecia, Freud tornouse un dualista: entre os Titáns e os deuses do Olimpo; entre o principio de pracer e o principio de realidade; entre o irracional e o racional; incluso entre a pulsión da destrución (Tánatos) e mais a pulsión da vida (Eros). Adherido ao materialismo de Ludwig Feuerbacch, as teses do sensualismo e a critica da relixión inspiran a Freud. A relixión -comenta- era sempre un obstáculo para o progreso do coñecemento humano. Traballador incansable, xudeu sen Deus, opinaba que so o home que sofre pode ser realizador e innovador. Cando o benestar o invadía nin creaba nin pensaba.

O encontro de Freud con Charcot (1885/1886) arredor da histeria tornouse decisivo. Nunca esquecería a frase do sabio francés: "A teoría, aínda a máis pertinente, devén impotente fronte a unha realidade que a contradiga. A teoría é boa, pero non impide que as cousas sexan como son".

En 1895 Freud e Breuer publicaron Estudos sobre a histeria, considerada como a acta de nacemento da practica psicanalítica e dun novo método de exploración do inconsciente: a psicanálise. A teoría da sedución collía corpo. O terapeuta, grazas ao método analítico -cura pola palabra- debía ser capaz de discernir varias ordes de realidade, a miúdo entrelazadas: abuso sexual real, sedución psíquica, fantasía ou transferencia.Así e todo, sería A interpretación dos soños (1900) a obra que faría de Freud un dos pensadores mais importantes do século XX. Nela fundamenta o método interpretativo, baseado na asociación libre. O soño convertese así en narración, traballo en movemento, verdadeira expresión deformada ou censurada dun desexo reprimido cuxa significación é preciso descifrar, mobilizando interrogantes sobre a sexualidade infantil e a orixe das neuroses.

Cinco anos mais tarde, Freud publica Tres ensaios de teoría sexual (1905), a máis transcendente e orixinal obra sobre o coñecemento humano, converténdose no mensaxeiro dunha realidade rexeitada, negada ou reprimida: "Creo estar destinado - diríalle un día a Jones - a non descubrir senón o que é evidente: que os nenos teñen unha sexualidade (como o saben as amas de cría), e que os nosos soños nocturnos son, da mesma forma que os nosos soños diúrnos, realizacións do desexo".

Ambicioso e descifrador de enigmas, estoico afeccionado ás antigüidades, desilusionado do imaxinario, herdeiro do romantismo alemán e un dinamiteiro das certezas da conciencia, Freud sempre estivo apegado á tradición dos tráxicos gregos (Edipo) así como á herdanza do teatro shakesperiano (Hamlet).

O complexo de Edipo

  • Na correspondencia con Fliess (1897), Freud tivo a idea xenial de comparar o destino das neuroses da fin do século co heroe da traxedia grega. Se o Edipo de Sófocles encarnaba para Freud o inconsciente como concepto na psicanálise, o Hamlet de Shakespeare facía posible unha teorización da "conciencia culpable".En Herba aquí e acolá (1980) Álvaro Cunqueiro deixounos, da súa parte, estes versos arredor da personaxe creada por Sófocles: "Non sabia o que fora/ata que non matei a meu pai/e deiteime con miña nai. Un home/marcado pra sempre por un sino fadal/como un poldro no curro co ferro, pra sempre./Meu pai saíume a un tempo /polos catro camiños da encrucillada./Miroume, -hai miradas como morcegos/que van e veñen, raudas. Cuspiu na man da lanza/ e veu decontra min. El mesmo/adentrouse no meu ferro. Estaba escrito./Acerteille á Esfinxe o seu decir segredo /e caséi coa miña nai. Cando a deixaba preñe/lembrábase dun neno que tivera/e ao que lle quitaron cando aínda nóno vira sorrir.Iban matalo no monte, ou dalo ás feras./Aquela baluguiña de manteiga,/aquel peliño mouro, aquelas manciñas inquedas/era eu, regresado á nai como varón,/e á coroa de Tebas como asesino./Eu son Edipo. Se mirades ben o caso,/un inocente. Agora vello e canso déitome/nas trebas, que me arroupan/como unha nai arroupa ao seu neno.

Compartir el artículo

stats