Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Posuídos polo desalento

Reivindicación de Fernández Flórez

Posuídos polo desalento

Baixo o título Poética da derrota: a literatura de Wenceslao Fernández Floóez no cine recolle Héctor Paz Otero a análise de catro textos do escritor galego que foron levados ao cine nos anos corenta e cuxos filmes poden ser considerados mostras do desenvolvemento da cinematografía española e en certo modo da realidade sociolóxica do noso país.

O título adianta dende o comezo un aspecto fundamental que está na base das catro adaptacións e que se converte nun eixo primordial sobre o que xiran as historias. A derrota alude á acción e efecto de vencer ao contario na guerra, nunha loita ou no xogo. Pois ben, os protagonistas de todas as historias portan o letreiro de derrotistas, porque non cren no éxito de algo que queren levar a cabo e coa súa actitude infunden o desánimo nas súas propias vidas e na daqueles que están ao seu redor. Por extensión hai en todos eles unha sorte de crítica á sociedade española que, como lle sucede aos personaxes de ficción, vive adormecida, sen capacidade de reacción, agardando o milagre externo que veña sacala da súa penuria. En certa medida asistimos á representación ficcionada dunha realidade -a dos anos corenta da posguerra- que arrebola personaxes posuídos polo desalento e que no final das súas vidas botan a ollada ao seu pasado e contemplan horrorizados o baleiro, a senrazón e a insubstancialidade da súa existencia.

Logo de facer unha introdución na que o autor comenta algúns aspectos que teñen que ver co seu traballo e as motivacións que o levaron a escribilo, Héctor Paz achega uns datos significativos sobre a vida e obra de Wenceslao Fernández Flórez e continúa cunhas liñas onde, ademais de poñer en relación o escritor coruñés co cine, do cal asegura que é unha arte que ofrece posibilidades que sobrepasan a outras moitas, reivindica non só a actualidade dos seus textos, senón unha ollada profunda da súa ideoloxía. Xa nun cuarto apartado a análise pormenorizada das versións cinematográficas Huella de luz, La casa de la lluvia, El destino se disculpa e Ha entrado un ladrón pon de manifesto as converxencias e diverxencias que os textos presentan co orixinal e tamén as que manteñen entre si. Ao mesmo tempo neste minucioso estudo disecciónase cada momento, cada xesto, cada aceno e ponse en relación co relato, vese así en que medida a interpretación iconográfica se axusta ao orixinal e como as referencias literarias, por exemplo, a Antonio Machado ou a Edgar Allan Poe forman parte da universalidade da narración literaria e audiovisual da que fan gala escritor e cineastas.

A modo de conclusión, volta deitar unha ollada que se torna reivindicativa e destaca as claves da obra wencesliana sobre o sentido ambivalente do humor, a ideoloxía que vivía e a que verquía nos seus textos, a conciencia do derrotado como concepto que o inunda todo e a distancia entre desexo e realidade nunha sociedade que ha de camiñar cara á súa recontrución.

PAZ OTERO, Héctor, Poética da derrota: a literatura de Wenceslao Fernández Florez no cine, Ed. Vía Láctea, A Coruña, 2015, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats