Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O xénero negro desde dentro

No indomable instinto de relatar o mundo

O xénero negro desde dentro

Que o "selo Ameixeiras" sexa un combo que adoita incluír asasinatos, drogas, Ourense, tipos en tránsito vital coa desesperanza ás costas e o medio sorriso posto, nunha mestura que abala entre o dirty realism e o xénero negro máis clásico (cun aquel posmoderno) seguramente é algo que a estas alturas ninguén dubida. Que teña seareiras e seareiros é lóxico: a escrita ameixeiriana ten un nonseiqué que engancha, que tira da lectura e que segue sorprendendo. Todo isto semella máis que de abondo para querer agardar a vindeira entrega. Porque Ameixeiras é un deses escritores prolíficos que parece escribir como respirar (ou case). Seguramente, estes elementos poidan xustificar por si sós que se acheguen vostedes, se son ameixeiristas, a A noite enriba, a última novela do ourensán. Non obstante, cómpre subliñar que seguramente sexa esta obra a máis diverxente de toda a súa produción, a pesar de que non saia das súas claves básicas.

Cóntolles. O argumento artéllase en torno a tres personaxes claves: Vicente, un vello escritor de best-sellers de xénero negro na última etapa da súa vida; Selma, unha rapaza na vintena que gusta de estar con el, de axudarlle, afogada nunha sorte de espiral de insatisfacción vital; e Ricardo, un autor bloqueado e obsesionado coa obra que está a escribir, "pupilo" en certa maneira de Vicente. Cando o vello falta, as vidas de Ricardo e de Selma entrecrúzanse para sempre. Á teima de Ricardo co protagonista da súa novela (unha ficcionalización da biografía dun clásico autor do xénero negro, David Goodis) e cos espazos por el transitados únense á cabeza inquieta, con lagoas propicias ao disparate, da moza. Con estes condicionantes, o final -que non revelarei- só pode ser tráxico. Na terceira parte da obra, o ritmo narrativo acelérase vertixinosamente e leva ao lectorado a visitar Filadelfia, a cidade de Goodis. E Ricardo e Selma continúan alí o seu periplo, máis perdidos ca nunca, separados de súpeto, habitantes da marxe, procurando un sentido da existencia que difícilmente atopan. Mais curiosamente, o soño dun deles acaba por cumprirse.

Con estas cartas, a aposta autorial pasa, como outras veces, polas escenas breves de diálogos áxiles que serven para caracterizar aos personaxes, con saltos temporais diversos que deixan ao lectorado a composición do quebracabezas e pola construción de escenarios que semellan propicios ao crime, ao escuro, ao inesperado. Non obstante, desta volta hai máis. Unha das claves da novela é esa ficción dentro da ficción, ese meterse na pel do escritor que escribe (mais que ademais o fai sobre outro autor), o que xera un efecto de bonecas rusas que se van desartellando, pero non deixan de sorprender. Con outra linguaxe e manexando outras temáticas, esta A noite enriba ten un aquel dos textos metaficcionais de Paul Auster, desconcertantes, falsamente filosóficos e sublimes a un tempo que se interrogan non só polo sentido de escribir, senón tamén polo de ser baixo esa condición. Non obstante, esa maior profundización nos enreixados da novela e da vida sorprenden no seu estilo, quizais por inesperado, quizais porque emprende un outro camiño que pode abrir a porta a un novo Ameixeiras. Queda saber se en videiras entregas a esta profundización se unirá ese seu humor, retranqueiro e desconcertante a un tempo, que desta volta está máis ausente. Porque aquí, o centro, é esa homenaxe aos que sentiron "o instinto indomable de relatar o mundo", sobre todo dende os lindeiros do xénero negro.

AMEIXEIRAS, Diego, A noite enriba, Ed. Xerais, Vigo, 2015, PVP. 16, 65 ?

Compartir el artículo

stats