Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mulleres de noso

Unha Historia en feminino

Xulia Minguillón: Retrato de prometida (1943)

As primeiras litografías que mirei de Honoré Daumier foron en Paris, capital of modernity (2003), de David Harvey, e que me emprestara o meu bo amigo David Rodríguez, o funambulista coxo. Un libro que relata, de maneira lúcida, as transformacións socioculturais e urbanísticas da capital francesa. Aquela mudanza retratouna Daumier con especial retranca. Pero de entre as obras que gardo na memoria deste artista está o lenzo La República (1848), que se expón no Musée d´Orsay.

O cadro figura a unha muller (a República) que, coa bandeira tricolor na man dereita, aleita (en público!) a dous cativos, mentres un terceiro, sentado no chan, le un libro. A república evocada como unha muller; como a liberdade no cadro de Delacroix ou como a cultura na mitoloxía grecolatina (Atenea e Minerva). A imaxe laica da muller ligada a valores positivos fronte á pecadora.

Na nosa iconografía imaxínase a Galiza con corpo feminino. Ramón Cabanillas escribira: "Galicia! nai e señora" e converteuse nun dos versos máis recorrentes entre os das Irmandades. O escultor Asorey puxo sobre os ombreiros do granítico Curros Enríquez da Coruña a unha muller ergueita e firme (Galiza) que protexía o vate social. E hoxe, no felizmente restaurado Centro Galego da Habana, observamos a figura feminina sobre o escudo galego que domina a fachada principal deste extraordinario monumento levantado pola nosa emigración. Por certo, que nel debería ondear a bandeira galega canda a cubana.

Con todo, foi Rosalía de Castro no século XIX quen encarnou o carácter, o sentir e os desexos de Galiza por medio do seu poderoso verso, ao servizo dos desposuídos e contra o desprezo á matria. Unha simbiose lumínica e diamantina. Rosalía envolveuno todo e o Rexurdimento pleno débese os seus Cantares gallegos editados en Vigo. Mais ela sabíase apoiada encol dos ombros de xigantes, tanto de homes como de mulleres.

A presenza e protagonismo das mulleres galegas no século decimonónico constitúe un caso particular na Europa de entón. Por iso aplaudimos a publicación de Escritoras na Galicia do século XIX (2014), de autoría coral e editado sob a coordinación de Carlos Andrés González Paz. Un libro cun aquel ao Diccionario de escritores gallegos (1858), escrito por Manuel Murguía e publicado por Juan Compañel na rúa Real do Berbés; un novo volume que fala en feminino e completa o vetusto ensaio que fala en masculino.

Juana de Vega (Condesa de Espoz y Mina) converteuse na Coruña na anfitroa de parladoiros e conspiracións progresistas mentres exercía a solidariedade cos de abaixo. Nesta facultade sen currículos nin programas docentes aprendeu Concepción Arenal (quen nos recibe no camposanto de Pereiró) a respectar a vida humana e así nos aconsellou con verba certa "abride escolas e pecharanse cárceres". Sofía Casanova, xornalista galega afincada en Polonia onde viviu os grandes acontecementos mundiais, ou Emilia Pardo Bazán, voceira dos dereitos da muller no crepúsculo secular, incluído o da rebeldía (léase La tribuna). Outros nomes recollidos no citado libro amplían esta tradición de protagonismo feminino onde, non esquezamos, Rosalía falou por todos (e todas) e para sempre (Pimentel dixit).

Esta lembranza das mulleres galegas debe incluírse no relato de país. Lembranza que se amplía con máis nomes protagónicos durante o pasado século: María Miramontes, María Barbeito, Olimpia Valencia, María Wonderburger, Placeres Castellanos, Urania Mella, María Casares, Xulia Minguillón... Porque debemos sabernos dignos e orgullosos de que elas teñan contribuído co seu esforzo na grande obra de converter Galiza nunha nación respectada e digna, nun lugar culto e tolerante, nunha terra viva intelectualmente. Lembremos sempre que os pobos cultos son única e verdadeiramente os pobos ceibes.

Compartir el artículo

stats