Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As artes en 1916

No centenario das Irmandades

O tesouro de Asorey.

Hai agora cen anos, en 1916, naceron as Irmandades da Fala e con elas vai asistirse ao desenvolvemento moderno e pleno da literatura en lingua galega. Antes, como é ben coñecido, a literatura galega tivera un renacemento literario a mediados do século XIX, nomeadamente no que atinxe á poesía, mais estaba lonxe de chegar a un nivel de desenvolvemento pleno en xéneros como o narrativo, teatral ou ensaístico.

A comezos segunda década do pasado século o movemento intelectual que dera orixe ao Rexurdimento non estaba morto mais o esmorecemento creativo era evidente a pesar de contar con figuras poéticas como Ramón Cabanillas ou Antonio Noriega Varela.

A creación das Irmandades supón un mudanza importante a respecto desta situación e abre un dos capítulos máis relevantes da historia cultural do noso país, o comprendido entre 1916 e 1936, período en que a construción dunha cultura nacional, coa lingua como cerna, vai acompañada dunha notábel renovación formal que manifesta a pegada dos diferentes movementos estéticos renovadores mais que teñen Galiza como eixo fundamental.

O movemento intelectual galeguista non debe ser entendido, pois, como un produto do azar nin do encontro casual de sensibilidades afíns e espalladas. É consecuencia, moi meditada, dun proceso ideolóxico e político, que levará ao nacionalismo político moderno.

Para as artes plásticas, o nacemento das Irmandades vai ser tamén un feito decisivo porque, nesta altura, a estreita conexión entre o literario e o plástico é produto dunha afinidade fonda, dun substrato ideolóxico e cultural que comparte a necesidade de que as distintas expresións estéticas sirvan á causa do país (Galiza) e teñan como horizonte a consolidación de distintas expresións culturais inequivocamente galegas. Así se entenden os constantes apelos á creación dunha escola de pintura galega e os debates sobre a normalización social da lingua e o seu uso literario.

Nesta fase, que representa á perfección a Xeración Nós (Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao...), a dominante cultural está na consolidación da expresión literaria en galego, co enxalzamento dos valores nacionais, como evidencia de xeito preciso o protagonista dunha das obras máis importantes da literatura galega de preguerra Arredor de si (1930) de Ramón Otero Pedrayo. Nela o escritor ourensán narra a vida de Adrián Solovio, un mozo intelectual que realiza unha viaxe formativa por Europa ao tempo que se reencontra afectiva e intelectualmente coas súa raíces galegas e opta por pór toda a súa enerxía e talento na construción dunha cultura nacional. O camiño emprendido por Adrián Solovio sitúa á perfección o marco en que se move a nosa cultura, nomeadamente nas décadas dos dez e vinte, plenamente convencido de que para chegar á universalidade hai que partir da galeguidade.

Nesta altura, e como acontecía no mundo literario, tamén moitos pintores e escultores asumen a identidade básica ou cultural de Galiza como elemento nuclear de inspiración.

Antón Villar Ponte, principal animador do movemento irmandiño, foi quen, nun primeiro momento e con máis tino, entendeu e describiu as posibilidades didácticas e propagandísticas das artes. Considerando que para recuperar a propia identidade e desenvolver a conciencia nacional e a loita a prol da autonomía política e o autogoberno, era preciso mobilizar e convencer a cidadanía da viabilidade e necesidade dun determinado proxecto político. Para esa finalidade cumpría utilizar os instrumentos máis axeitados, como as obras literarias, as funcións teatrais e as artes plásticas. Os textos sobre as artes do viveirense en defensa dunha escola de pintura galega e mesmo os enfrontamentos dialécticos en que participou, por exemplo con Emilia Pardo Bazán, á que trata de "ilustre enimiga", son ben representativos do momento e do debate político e estético que o nacente nacionalismo favorece.

Dentro da estratexia das Irmandades lévase adiante unha práctica cultural que contempla, entre moitas outras actividades, a organización de exposicións de pintores novos galegos, completadas con ciclos de palestras impartidas por intelectuais do galeguismo.

Paisaxe e conciencia colectiva

  • A arte na Galiza destes anos é para moitos artistas unha maneira de concibir a creación orientada por un proxecto de construción nacional. Sobre esta cuestión, non debemos esquecer que sobre todo a pintura de paisaxe era, xa no século XIX e no contexto europeo, considerado símbolo idóneo dunha consciencia colectiva expresada por un individuo participando de aspectos colectivos e subxectivos ao tempo. O feliz encontro entre o pintor e a natureza e a identificación dos lugares da paisaxe co "chan patrio" é unha evolución natural destas ideas. A paisaxe é un espectáculo exterior que ten un eco interno, levando o artista a manifestar unha tonalidade afectiva, a conformar unha identificación sentimental entre o suxeito e o obxecto que ten unha evidente carga ideolóxica.A obra de artistas como Castelao, Asorey, Carlos Sobrino, Imeldo Corral ou Camilo Díaz Baliño evidencia a asimilación destes procesos e testemuña este singular momento da nosa historia cultural que debe ser obxecto de revisión e reflexión ao longo de todo este ano, lembrando os cen anos dun feito decisivo da nosa historia cultural e política.

Compartir el artículo

stats