Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cálida homenaxe

Nos vieiros dunha Terra Nova

Cálida homenaxe

Cando penso en Terranova penso nos seus mares, na parte da plataforma continental norteamericana do océano Atlántico considerada a maior zona de pesca do mundo por condicións idóneas para un dos traballos máis duros. Territorio, o do Gran Banco de Terranova, percorrido por milleiros e milleiros de afoutos mariñeiros que procuraban -e seguen a procurar- unha tranquilidade económica e o conforto das súas familias. Persoas como Antón Ponte, avó materno do protagonista desta última entrega narrativa de Manuel Rivas, que tiña un soño agora habitado polo seu neto, a piques de ser esborrallado. Unha libraría, Terranova, que sobrevivira grazas a seus pais dende o ano da súa fundación, 1935, e que se convertera en época franquista nun refuxio para disidentes e libros prohibidos, nun espazo de liberdade onde se podía respirar naquel período histórico abafante da ditadura, e que arestora estaba próximo a desaparecer por mor da especulación inmobiliaria.

Vicenzo Fontana, que recolle o legado dos seus proxenitores, mergúllase nas súas lembranzas o mesmo día en que debe afrontar o ultimato polo que se pon en marcha o desafiuzamento da libraría, situación fatalista da que arrinca, in extrema res, a novela: "Liquidación total de existencias por peche inminente". Seriamente ameazada Terranova, "un lugar diferente no planeta Terra, habitada por libros e almas, (...) un refuxio de náufragos da vida, (...) un lugar de memoria e emoción", o libreiro, preocupado polo peche e o esquecemento daquela parte esencial da súa vida, evoca e fai rexurdir a súa propia historia.

A acción ten lugar en outono e inverno do ano 2014, pero Vicenzo é quen de retrotraerse ata a mesma data de fundación de Terranova, no verán de 1935, para ir contando, mediante grandes saltos temporais e espaciais que manteñen ao lector expectante e atento ao desenvolvemento da narración, a historia da súa familia e do que lles facía permanecer unidos, aquela libraría. De estrutura elaborada, a novela evoluciona cun ritmo lixeiro aderezado con abundantes referencias culturais de todos os xéneros e engalanado cunha linguaxe distinguida e poética que a fan despuntar. Aquí Manuel Rivas regresa, unha vez máis, á etapa franquista que tan bo resultado lle deu noutras narrativas como a galardoada Os libros arden mal, e tamén á transición, viaxando desta vez por Galicia -a súa querida Coruña-, Madrid, París, Lisboa e Bos Aires.

Terranova era a cerna das súas vidas, moito máis que unha simple libraría, un lugar onde o exilio nunca existira. Estivera rexentada primeiro polos seus pais, o galeguista Amaro Fontana e a súa muller Comba, ela apaixonada dende nena polos libros, el profesor de linguas clásicas, membro do Seminario de Estudos Galegos e vítima da represión franquista; e despois tamén polo tío Eliseo, personaxe singular que achega momentos máxicos á narración, como os seus viaxes imaxinarios nos que se figuraba paseando pola Habana con Lorca ou Lezama Lima, falando con Borges en Bos Aires ou coñecendo a María Zambrano en Roma. Terranova fora tamén lugar de acollida para Garúa, unha moza exiliada arxentina que coa súa chegada transformaría aquel espazo para sempre. E aínda hai oco para historias de todo tipo protagonizadas por personaxes intrépidos e vulnerábeis como Dombodán ou Sibelius, que engaden frescura e trazos humorísticos á historia principal, nostálxica e emotiva.

O último día de Terranova é toda unha homenaxe ao oficio de libreiro e ás librarías, converténdose nun verdadeiro manifesto da súa defensa e do papel que estas cumpren na sociedade actual.

RIVAS, Manuel, O último día de Terranova, Ed. Xerais, Vigo, 2015, PVP. 17, 50 ?

Compartir el artículo

stats