Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

85 anos de Poema en catro tempos

Reivindicación de Blanco Amor poeta

Eduardo Blanco Amor (1897-1979).

En 1928, publicaba Eduardo Blanco Amor a súa primeira obra poética, os Romances Galegos . É importante reivindicar a Blanco Amor como poeta porque é unha faceta da súa produción literaria que adoita quedar esquecida, dada a importancia da obra narrativa e teatral. En último termo, hai que recordar que E.B.A., xunto con Castelao e Luís Seoane, son algúns dos exemplos de "artista universal" que se deu na Galicia do século XX. Coma se dun artista do Renacemento se tratase, EBA cultivou todas as artes da palabra, todos os xéneros, e tamén o debuxo e a pintura.

Que dicir da súa poesía? Podemos ou debemos afirmar que é unha parte "menor" da súa obra? O caso pode recordar o de Cervantes, quen declarou que "la poesía es la gracia que no quiso darme el Cielo". A comparación resulta pertinente porque Blanco Amor, como o autor do Quixote, escribiu narrativa breve e novela, unha obra narrativa que innovou as tendencias estéticas da súa época. Como Cervantes, quixo tamén Eduardo crear un teatro, novo e de base popular, unha escena que supón toda unha nova concepción do "teatro popular", aínda pouco investigada.

Algúns críticos ven na poesía de Blanco Amor a obra dun "imitador de voces", máis do que un xenio orixinal. Iso ten parte de razón, no que se refiere aos Romances Galegos. Pero máis ben indica que estaba efectivamente moi atento ás correntes estéticas da poesía da súa época, e diriamos máis, estaba ao día das últimas novidades da lírica galega e interiorizaba de modo maxistral os seus achados estéticos. Na obra poética de Blanco Amor temos, pois, se non un xenio orixinal, si o reflexo dun grande lector de poesía.

Así, nos Romances Galegos temos unha base de modernismo tardío (omnipresente Valle Inclán), pero con acenos cara á obra de Noriega Varela e Amado Carballo, especialmente na suite de poemas "Toda humilde beleza"; é o que coñecemos desde Carballo Calero por "hilozoísmo". Pero sempre cun impulso fresco, e aportando un rasgo novo, o humorismo e a ironía sobre os sistemas de metáforas e personificacións. Véxase por exemplo o poema "Goal".

Sen embargo, pouco despois había de chegar a mellor obra de Blanco Amor como poeta, que se adianta a súa grande aportación como narrador. Referímonos á magnífica sinfonía con estructura e indicacións musicais titulada Poema en catro tempos (1931): un poema vangardista que innova o sistema de metáforas, traballa a variedade de metros (polimetría) sobre base de hendecasílabos, alexandrinos e heptasílabos, e supón un coñecemento do que escriben os poetas españois da Xeración do 27, á parte dunha homenaxe a Juan Ramón Jiménez e o Diario de un poeta recién casado . É un dos camiños que colle o vangardismo poético galego dos anos 20 e 30; e debería estar presente, cando se fala dos catro mellores poemarios galegos da vangarda, xunto con De catro a catro, Proel e Poemas do si e non.

Despois, pola época da República e a Guerra Civil, Blanco Amor segue escribindo poesía, pero principalmente en castelán: Horizonte evadido (1936), e En soledad amena (1941), claramente garcilasistas, poesía amorosa de altísima calidade, que ten puntos de contacto co mellor Luis Cernuda.

Volverá ao galego o noso autor coa publicación de Cancioneiro (1958). Trátase dun volume moi misceláneo onde hai lírica da tendencia do neopopularismo, garcilasismo e neotrobadorismo: as influencias directas máis importantes son Cunqueiro e Vicente Aleixandre. Pero xa volve ser Eduardo, como poeta, un "imitador de voces": é o momento do narrador. Aí estará a súa grande contribución dos anos 50 e 60.

A publicación no 2007 do volume Ars amandi , cun estudio do grande investigador Luís Pérez, que reúne moitos dos seus poemas inéditos, moitos deles en castelán, axuda a coñecer mellor e mesmo nalgúns casos case reconstruír os períodos e as influencias e tendencias estéticas da poesía de Blanco Amor. A edición deste volume supuxo unha das mellores noticias para os "blancoamorianos" nas últimas décadas e abriu novas vías.

Un perpetuo paradoxo

  • Curiosamente, o Blanco Amor poeta íase facendo máis clasicista na medida en que o Blanco Amor narrador se facía máis experimental. Pero no é ese único aspecto do perpetuo paradoxo que foi E.B.A. Porque o ourensán foi sempre inclasificable, sorprendente e rebelde ás etiquetas. A razón profunda disto foi que estamos diante (e isto sempre hai que recordalo) dun intelectual contra o poder. Trátase, ademais, dunha figura dificilmente manipulable. En 1936 xa estaba fóra de Galicia, retornando nos anos 60, en pleno franquismo, e colaborando na prensa máis localista e provinciana; pero publica aquí e vive aquí. Ademais, é un home que escribe parte da súa produción en galego, e parte en castelán. No fondo, alguén comprometido coa experimentación literaria e cun espazo literario, non cunha ideoloxía. Intelectual poliédrico, variado, estóuralles nas mans aos sectarios ideolóxicos que queren manipulalo ou reivincalo para si.Queda moito por contar, interpretar, investigar, revisar e actualizar sobre Blanco Amor. Moito xa fixo Gonzalo Allegue no seu magnífico libro Diante dun xuíz ausente. E non debemos esquecer que temos ao noso dispor a biblioteca persoal de Blanco Amor, e os seus materiais, na Biblioteca da Deputación de Ourense. Sigamos deixando que Eduardo nos sorprenda, aos 36 anos que se cumpren agora da súa morte angustiosa nas rúas dun Vigo que amou tanto como a súa Ourense natal.

Compartir el artículo

stats