Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Viaxe a Samos

Lección de arte na abadía

Vista lateral, co edificio da hospedaría.

A auga discorre tocando os muros do vello cenobio de Samos, un dos que máis tempo leva en Galicia declarado como Ben de Interese Cultural (BIC) polo seu valor artístico, ao que se suma unha longa historia que inclúe ao rei Fruela, a Afonso II "o Casto" ou a ilustrados como o pai Benito Jerónimo Feijóo ou Martín Sarmiento, entre moitos outros. Se o exterior xa impresiona, o interior conserva fermosas creacións froito do traballo e a fe das sucesivas xeracións de monxes benedictinos que aquí viviron durante máis de 1.500 anos.

No exterior destaca a igrexa e a súa horizontalidade. Construída no século XVIII, baixo a dirección de Xoán Vázquez, mestre de obras e monxe da abadía, a fachada occidental sorprende ao carecer de frontón, concibida como un gran retablo de tres rúas e dous corpos. Nunha hornacina sobre a porta loce a figura de San Bieito, mentres no piso superior atópanse as de San Xulián e Santa Basilisa. No interior todo o complexo xira ao redor de dous claustros: o do Padre Feijóo e o das Nereidas, do século XVI, en cuxo centro se atopa a fermosa fonte que lle dá nome, obra do monxe samonense Frei Xoán, quen traballou nela desde 1713 a 1717. O patio grande, da mesma centuria e de estilo clasicista, cos seus 56 metros de lado,é un dos máis espazosos de España.

Dentro das dependencias visitables do cenobio, todo é arte e historia. Ao longo de tantos séculos foron moitos os personaxes que aquí viviron ou que visitaron o lugar. O rei Fruela restaurou o edificio no ano 775 tras os ataques sufridos polos musulmáns, e Afonso II pasou a súa infancia e recibiu a súa educación. Durante o reinado de "o Castro" descubriuse o sepulcro do Apóstolo e foi o monarca o primeiro peregrino que pasou por Samos en dirección a Santiago. Tan amplo pasado inclúe aínda a un dos ilustrados máis distinguidos do país, o pai Feijoó, monxe en Samos, grande figura da Ilustración como así mesmo o vén ser o padre Martín Sarmiento, alén dunha lista na que figuran a raíña dona Urraca, Manuel Murguía, Gregorio Marañón ou Ramón Cabanillas. A biblioteca, outra das súas xoias, custodia doce incunables e varios manuscritos de grande importancia, como é o caso dun pergamiño do rei Fernando III, do século XIII, e un privilexio rodado de Fernando IV, datado en Cuéllar no ano 1303.

A arte non só está dentro dos muros do vello cenobio. A contorna acompaña a este concello cunha natureza pródiga en belas paisaxes e construcións como a Capela do Ciprés, un impresionante exemplar do que din que ten máis de mil anos. Milenaria é, sen dúbida,a ermida situada a cen metros do mosteiro e que toma o nome do gran ciprés que a acubilla, incluído entre as 50 árbores singulares de España. Con 25 metros de altura e máis de 3 de diámetro, foi inspiración de poetas como Cabanillas nos seus versos: "O tronco forte, ríxido e cincento/ enmantado en follaxe verdemoura/, vive sereno, estático, calado, místico ensoñó". A árbore vive á beira dun monumento prerrománico de finais do século IX ou principios do X, levantado con lousa, cunha única porta de acceso no lateral sur tan sinxela como fermosa, co seu arco de ferradura, típico do estilo mozárabe. O seu interior garda pinturas ao fresco de influencia ástur. Tamén coñecida como capela do Salvador, representa unha das edificacións monásticas máis antigas. Preto atópase a que foi vella horta na que cultivaron os monxes durante séculos numerosas plantas medicinais, de menta a ruda, lavanda, ourego, tomentelo ou herbaluisa.

Rodeada dunha gran zona verde, a ruta que discorre en torno ao mosteiro vai mostrando outros elementos, como o acueduto que levaba auga á abadía dun manancial próximo, rehabilitado en 2004. Tras ser utilizada, continuaba o seu camino cara ao río por varias saídas hoxe cegas.

Paradas no camiño

  • Toda a historia de Samos está ligada ao mosteiro, por iso nas súas parroquias abundan as manifestacións arquitectónicas de orixe románica relacionadas dunha ou outra forma co cenobio e mais o camiño a Compostela. Entre outros puntos de visita, aparte da maxestosa abadía, atópase o Pazo de Lusío en San Cristovo do Real, fundado no ano 1551 por Lope Vázquez de Vilamexe, e os restos dunha antiga ferraría que pertenceu á mesma casa, e de onde proceden as reixas da catedral de Lugo. O Pazo ou Casa Grande de Lusío atópase nun alto onde se pode gozar dunha bela paisaxe. Trátase dunha edificación de dúas prantas cunha torre de pedra e cornixa moldeada en toda a fachada.De interese é tamén un antigo muíño de auga no río Oribio, ben conservado. En San Xosé de Santalla espállanse interesantes exemplos da arquitectura tradicional da zona nos lugares de Parada e Santalla de Abaixo, ademais de posuír unha igrexa románica. En Lousada álzase a Casa Pederlada, catalogada como edificio singular, unha típica casa labrega que dispón dos espazos anexos correspondentes para o almacenamento dos produtos e apeiros agrícolas, así como para o gando. Construída en mampostería de lousa, o acceso á vivenda realízase por un corredor que tamén da paso a un patio onde están as cuadras. No seu interior garda unha exposición de minerais.

Compartir el artículo

stats