Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Transgresor xudeu

Negociando coas Alturas

Transgresor xudeu

Shalom Auslander é un escritor estadounidense que en 2007 publicou un libro de gran comicidade: Lamentacións dun prepucio, novela de trasfondo serio que a través dunha autoficción caricaturesca presenta acontecementos da infancia e mocidade dun xudeu transgresor de todo o que aprendeu estudando a Torá e o Talmud.

O protagonista, de 35 anos, conta o seu presente, de home casado, no momento en que o nacemento do seu fillo ocupa un lugar central. Mediante saltos temporais, relata tamén as vivencias nunha familia xudía ortodoxa, o contacto coa escola e os rabinos, e a angustia que invade o seu corazón por mor das trabas con que a relixión encorseta o seu paso polo mundo. Esta disensión leva a un enfrontamento directo con Deus; as maldicións, as imprecacións, as burlas, o distanciamento de El son constantes, pero, curiosamente, o narrador protagonista non consegue desprenderse da idea da Providencia e unha culpa permanece se instala no seu pensamento. De xeito intermitente protesta contra ese Deus problemático no que cre, un Deus iracundo, colérico, vingativo, que permite o mal. Para el "Deus é un cretino" e non pode entender que calquera persoa de calquera relixión se encabuxe cando fai este tipo de afirmacións.

A vida resulta unha broma diabólica que lle prohibe comer hamburguesas e a graxa que non é khoser. O narrador non respecta as leis xudaicas; practica a masturbación, fai uso da pornografía e da droga, come alimentos prohibidos no centro comercial durante O Sabbath... Na súa infancia, durante a aprendizaxe en Israel ou cando espera un fillo, Shalom busca sempre un pacto co Deus que deixou a Moisés sen bicar a Terra prometida. Procura negociar co ser superior que non lle da descanso, e aínda que vai ao psiquiatra, a desembolsar cantidades astronómicas para a súa economía, sempre hai perigo de que ocorra unha desgraza como que lle naza un fillo con síndrome de Down.

Shalom e a súa muller, Orli, viven lonxe dos pais. Shalom foxe das redes familiares para escapar do mundo angustioso do seu pasado. Cando teñen o fillo, non lle poñen un nome xudeu e non pensan circuncidalo. Pero a presión familiar consegue que lle corten o prepucio, iso si, no hospital, sen os presupostos esencias do bris: despois de que pasen oito días do nacemento como prescribe o Deuterenomio, e coa presenza dun home xusto que lle bique a ferida. E, claro, iso so pode supoñer a discordia co mundo xudeu no que se criou.

Relato desenfadado, con moitos rexistros coloquiais, Lamentacións dun prepucio foi comparado polos críticos con O mal de Pornoy, de Phlip Roth.

SHALOM, Auslander, Lamentacións dun prepucio, (trad.R. Salgueiro) Ed. Rinoceronte, Cangas, 2015, PVP. 18,5 ?

Compartir el artículo

stats