Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Síntese do vivido

Entre a ficción e o ensaio

Síntese do vivido

A editorial rianxeira Axóuxere nace en 2011 con vocación de se centrar no ensaio sobre o pensamento contemporáneo mais logo ábrese tamén a outros xéneros na colección "Calíope" da que presentamos aquí a súa segunda entrega, Delourando os días de José Lorenzo Tomé, un texto que abala lentamente entre a novela e o ensaio filosófico de carácter divulgativo.

Lorenzo pon ao sol a evolución dun grupo de persoas pero sobre todo está a quitar ao aire o proceso íntimo deses cambios nunha análise nada magnánima da súa propia persoa, dese Inocencio-Lorenzo que dialoga consigo mesmo a través doutros que ás veces non son máis que coadxuvantes na aventura do saber. O protagonista foi un entusiasmado Ladrón de Bagdad na infancia que se foi perdendo no camiño ata un presente no que só resta un home que esqueceu as cores do mundo.

A conversa é a base da estrutura do texto a través da reprodución dos encontros entre o protagonista e Venicia Guarditxea, unha amiga parisiense que leva tres anos en Galicia. Trátase dunha comunicación que case nunca cae na leria, e cando o fai, hai unha vontade do protagonista por evitalo reconducíndoa de maneira explícita cara ao discurso de carácter intelectual. Os diálogos aquí non conteñen nin adiantan acción senón que son unha forma de se introducir e avanzar na análise deses días que constitúen un vivir demorado de onde xorde a verdadeira aprendizaxe.

A evolución maniféstase tamén no deseño de Inocencio como lector e escritor que se constrúe dende a fuxida cara ao xénero fantástico, pasando polo antropolóxico para chegar ao filosófico.

Mais Venicia non vai ser a única interlocutora do narrador, noutras ocasións acompáñano no seu labor de introspección outras voces, os amigos, a nai, as mulleres que o marcaron nunha conversa que en moitas ocasións toma a forma de intercambio postal a través da carta.

O autor vai inserindo outros elementos textuais como pequenas narracións sobre tipos populares, adiviñas e lendas que enriquecen no antropolóxico ao mesmo tempo que relaxan a intensidade conceptual.

Unha serie de imaxes, fotografías e debuxos, van zarrapicando a obra dialogando tamén con ela, complementándoa, recollendo instantáneas das diferentes paisaxes e elementos populares, elementos visuais de pequenas dimensións en branco e negro que actúan como selos certificadores da autenticidade do que se conta.

Recolle nesta escrita artesanal José Lorenzo Tomé en Delourando os días unha prosa de pensamento que nos ofrece a síntese do vivido por varias xeracións de galegos que foron os protagonistas da transición democrática.

LORENZO TOMÉ, José: Delourando os días. Ed. Axóuxere, Rianxo, 2015, PVP. 20 ?

Compartir el artículo

stats