Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Colexio San Xosé de Cluny

Da perda do patrimonio urbano

Interior do edificio. // FOTO: adrián irago

Nos días finais do 2015 asistimos en Vigo á conversión en entullo do Colexio de San Xosé de Cluny, testemuño da inicial urbanización da Gran Vía xa que foi o primeiro edificio de certa importancia construído na que sería a principal arteria da cidade, unha vez principiada a súa grande expansión no primeiro terzo do século XX.

A súa condena e derrube, vitima dunha impracábel e ignorante concepción do que é importante conservar nunha cidade, débese, sen dúbida, a que non foi construído en pedra e a que amosaba unha austeridade no deseño que seica algúns con capacidade de decisión entenden como xustifición para políticas de destrución da memoria urbanística da cidade, apoiando criterios puramente especulativos.

Para os interesados no auténtico valor do edificio perdido recomendamos os traballos de Xaime Garrido Rodríguez e Xosé Ramón Iglesias Veiga (Vigo arquitectura urbana, Concello de Vigo/ Fundación Caixa Galicia, 2000).

Interior do edificio. //ADRIÁN IRAGO

O Colegio de Saint Joseph de Cluny -así figura nos planos do Arquivo Municipal de Vigo- foi deseñado polo arquitecto vigués Antonio Cominges Tapias en 1929. Este arquitecto, que nacera no Areal en 1897 e estudara a carreira en Madrid, traballa en Vigo desde os anos vinte, tendo o influxo de arquitectos como Manuel Gómez Román e Antonio Palacios, sempre cunha linguaxe máis contida no ornamental. Activo até 1974 -finou en 1987- deixou en Vigo unha amplísima e importante obra que tamén ten presenza noutros lugares de Galiza como Santiago de Compostela ou Marín, onde se fai cargo das obras da Escola Naval.

O trazado do primeiro treito da Gran Vía -onde se situaba o colexio- partía da Rúa Urzaiz e fora redactado polo enxeñeiro Ramiro Pascual e aprobado polo Concello en 1907. O Colexio de Cluny, ao ser a primeira construción importante nesta zona, gardaba un aliñamento distinto ao resto da rúa, razón pola que dispuña dunha área de xardín na fachada principal, zona axardinada que tamén se estendía á parte posterior e que vén de ser talada sen compaixón.

Como ben sinalaron Xaime Garrido e Xosé Ramón Iglesias, o edificio supuña un fito na historia da arquitectura escolar da cidade, atendendo o seu deseño ás necesidades educativas como auténtica prioridade. O arquitecto rexeita nel unha composición académica ríxida e ornamentada e propende para unhas formas mais funcionais, de marcado carácter utilitario. Así cómpre entendermos a renuncia ao granito e a procura de formas que favorezan a iluminación, a hixiene e en xeral a funcionalidade, algo que os avances na pedagoxía desta altura propugnaban como algo fundamental para a mellora do ensino mais que non era aínda, nin moito menos, o xeral nos centros escolares da época.

Desde o punto de vista estritamente arquitectónico, o inmoble estaba composto de dous bloques notabelmente diferenciados. Un principal, paralelo á Gran Vía, no que se centraba a actividade escolar e mais a vida das relixiosas e outro transversal onde se sitúaba a capela, que daba á Rúa María Berdiales, que fora algo modificada a respecto do deseño orixinal. O edificio principal tiña unha estrutura interna moi funcional e unha formas externas de elegante sobriedade, salientando neste sentido a parte posterior, que case semella dun edificio racionalista. Era unha construción claramente ecléctica mais a simetría, as limpas pilastras e a amplitude das xanelas dotaban o conxunto dun ar de modernidade contida.

Reutilizar e conservar

  • Resulta difícil entender por qué non se pode reutilizar, e non destruír, o legado arquitectónico e urbanístico cando este se encontra en condición de ser conservado como era o caso do predio que nos ocupa. No caso do Colexio de Cluny, só unha visión simplemente especulativa pode xustificar a súa destrución. O edificio tal como se conservaba estaba en perfectas condicións para ser reutilizado con novos usos -incluido o da residencia de anciáns ao que está destinado- mais en 2014 a comisión municipal de seguimento do Plano do Ensanche estimando que "non se aprecia ningún elemento reseñable [sic] que teña que ser obxecto de protección e que impida levantar a catalogación preventiva do inmoble" condenou a morte un novo capítulo da historia da cidade.Cómpre unha viraxe total neste tipo de actuacións. O ideal sería optar pola reutilización do noso patrimonio arquitectónico e industrial, en Vigo temos deste último abondos exemplos. A recuperación do pasado e mais o reforzo da memoria colectiva deberían ser alicerces de todas as experiencias de reutilización deste rico e extenso patrimonio. Os exemplos son numerosos en todos os países desenvolvidos, aínda que comezaron en primeiro lugar nos do Norte de Europa. Museos, centros culturais, centros dotacionais... foron creados no que antes foron vellos inmobles logo abandonados. Para cando unha seria reflexión e un auténtico respecto polo noso patrimonio material?

Compartir el artículo

stats