Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vicente Mohedano: "É prioritaria a sinatura dun novo Convenio do Teatro"

Vicente Mohedano.

- Que balance fan Vdes. destas tres décadas de existencia da Asociación de Actores e Actrices de Galicia?

-Facendo un pouco de historia, aínda que a nosa Asociación comezou moi vinculada á interpretación teatral, pola razón evidente de que o peso do audiovisual hai 30 anos non era significativo, hoxe forman parte da AAAG máis do 70% dos actores e actrices de Galicia, unha porcentaxe máis que destacábel se a compararmos co nivel de afiliación e compromiso noutros oficios. Asumimos por tanto a representación formal de actores e actrices en múltiples foros, desde a sinatura e acompañamento de convenios laborais á participación en proxectos de desenvolvemento do sector. Trinta anos concédennos unha enorme experiencia na xestión dos intereses da profesión, pois a propia existencia e consolidación do sector non se pode desvincular da existencia e consolidación da AAAG.

-Cales cren que teñen sido os principais logros da Asociación?

-Que os actores e as actrices sintan a necesidade de crear un espazo para a visibilización, para a promoción, para a defensa do sector ao que pertencen e consigan unir vontades para conformar unha asociación constitúe un feito feliz de seu. Por citar un logro relevante: fomos pioneiros a nivel peninsular na publicación en liña dunha ferramenta tan potente como é o Catálogo de Actores e Actrices, que foi fundamental na nosa promoción dentro e fóra de Galicia. Como sabes, acabamos de presentar o noso novo portal web (aaag.gal) que inclúe, naturalmente, a renovación do Catálogo. Por outra banda, a gran festa do teatro galego é tamén cousa nosa. O 30 de marzo próximo celebraremos a que será xa a XX edición dos Premios María Casares, un certame que conta cunha base de votantes intencionalmente ampla, e que aglutina representantes de todos os ámbitos da escena. Despois, desde o punto de vista laboral, destacaría a nosa participación na redacción e o posterior acompañamento do Convenio de Teatro de Galicia e do Convenio Audiovisual estatal que, ao longo dos anos, incluíu episodios... imos dicir emocionantes.

-E cales serían as "materias pendentes"?

-Neste momento, unha das nosas grandes preocupacións é a de investigar no campo da comunicación, do encontro de opinións en todos os niveis, comezando pola comunicación interna dentro da AAAG, as colaboracións coas distintas asociacións e entidades vinculadas ao sector e mais o coidado da imaxe pública da Asociación e da profesión. Non é exactamente unha materia pendente, mais é unha desas tarefas fundamentais e permanentes que nos preocupa priorizar. E esa vontade de diálogo debería facilitar a consecución de obxectivos como a sinatura definitiva dun novo Convenio de Teatro que actualice a redacción do que está en vigor, por exemplo.

-De que xeito afectou os actores e actrices galegos a crise do teatro galego independente?

-Carai, é que os actores e actrices somos laboralmente como artesáns por contrato e, como en calquera outro oficio, o peso das crises acaba sendo asumido por quen estamos na base. No caso do teatro, ao se reduciren drasticamente as posibilidades de contratación, xerouse unha sensación de pánico que chegou a abalar os marcos de referencia na profesionalidade laboral. Con todo, o sentido de interese colectivo é moi potente entre nós e a vontade de afirmar a profesión prevalece. Do mesmo xeito que se espera de nós que sexamos creativos sobre o escenario, debemos selo tamén en todos os ámbitos

-Cren Vdes. que a TVG está a cumprir o seu papel de liderar o audiovisual galego nas series de ficción ou xa pasaron por tempos mellores?

-A TVG daría para unha entrevista completa. O asentamento do noso sistema audiovisual está directamente ligado á existencia da Televisión de Galicia, e isto non se refire exclusivamente á produción de series de ficción. O noso sistema audiovisual está aí porque existe Galicia; quero dicir, esta aí porque aquí existe unha identidade, un xeito de interpretar o mundo, unha cultura tan peculiar que conseguiu manifestarse nun idioma diferenciado. E a televisión pública naceu para ser ferramenta fundamental no proceso de cohesión e visibilización desa nosa presenza no mundo. Nin mais nin menos. E non estou en ningún momento argumentando romanticamente, nin que bonito é isto nin que Arcadia soñada. Un sistema audiovisual potente é unha ferramenta fantástica de promoción internacional, unha ferramenta fantástica para os negocios. Bonito si que é! Pregúntasme se a TVG lidera o audiovisual galego? A sensación é que esa tarefa estalle quedando realmente grande. O papel ao que estamos relegando a Televisión de Galicia é pouco serio. Por dar un exemplo rápido e conciso: que a TVG non mime a súa programación infantil e xuvenil - no marco de concorrencia no que se move - evidencia claramente o seu nulo desexo de futuro, a súa falta absoluta de proxecto. Se queres máis exemplos, tamén temos máis.

-Fálase da existencia dun Novo Cinema Galego, pero adoita referirse aos directores. Tamén podemos falar da existencia dunha nova xeración de actores e actrices galegas? Cales serían as características comúns deste novo conxunto?

-Que pracer poder falar do Novo Cinema, que pracer que consigamos crear conceptos que transcenden e que sitúan a Galicia internacionalmente! Hai algo implícito na túa pregunta que me resulta moi interesante. Efectivamente o Novo Cinema lígase inmediatamente á dirección, ao xeito de contar, de encarar os temas. Un xeito de contar que xoga nos terreos da non ficción, do documental... e no que os actores e actrices parece que aínda non encontramos o noso lugar. Haberá que sentarse un día falar do tema. E con respecto á nova xeración, penso que é evidente que chega con forza unha fornada de actores e actrices moi preparada e competitiva. E isto non se pode desvincular en ningún caso do excelente labor desenvolvido pola Escola Superior de Arte Dramática, unha institución necesaria e reclamada desde sempre pola profesión.

-En que momento se atopa o ensino da profesión de actor en Galicia?

-A formación é un capítulo que a AAAG asumiu como prioritario desde a súa creación, e todo ano procuramos ofrecer cursos e seminarios de interese. Esta tarefa foi fundamental para a profesión nos primeiros anos da Asociación. Hoxe, coa presenza da ESAD, os actores e actrices teñen acceso a un ensino regrado e en condicións da disciplina.

-É posible vivir da súa profesión sen saír de Galicia?

-Esa é a principal xustificación da existencia dunha asociación que nos aglutina: o fornecemento dos nosos sistemas teatral e audiovisual. A grande maioría vivimos en Galicia e é aquí onde desenvolvemos os nosos proxectos. Que non che estrañe, por tanto, que nós esixamos todo o respecto pola cultura e pola identidade de Galicia. É, ademais, un respecto absolutamente conveniente para o noso país, para as persoas que vivimos aquí, mires por onde o mires. Non, non é fácil vivir da nosa profesión. Mais isto xa llo escoitei dicir a un carpinteiro, a unha informática e a un dentista.

Compartir el artículo

stats