Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Digna ópera prima

Derrotas na vida de dous inconformistas

Digna ópera prima

Con esta novela, O rebumbio dos vagalumes, fai o seu debut na narrativa galega, Alberte Santos Ledo, un xornalista, activo profesional no eido da comunicación. A súa estrea é un exercicio de inconformismo co que, non entanto, pretende que o dono da historia sexa o lector. Cun título que fai referencia ao feito de que os vagalumes dan luz para chamar a atención dos seus iguais, mais sen desprender calor, o autor achega unha historia de rebeldía da que é protagonista unha muller -o personaxe central-, que é capaz de superar, con aflición pero sen crises, as súas frustracións vitais, pouco menos que crónicas, con respostas de distinta natureza.

O protagonismo da historia recae sobre Paula, unha profesora universitaria emparellada cun executivo de éxito no mundo das finanzas. É ela a que se revira contra un destino ao que se sente atada, para erguer e manter a súa felicidade. A novela dá comezo habilmente cunha referencia ao avó de Paula que rexeitara varias promocións laborais que alongaban, porén, o seu horario de traballo, en detrimento do seu lecer tocando o violín. Ao contraio do que acontece coa súa parella que non ten tempo para a familia, o que fai nacer e medrar o afastamento entre eles. A seguir, o relato do encontro e da relación de parella, contados desde a perspectiva do home, cada día máis ocupado en proxectos e compromisos financeiros que acrecentan a súa valía profesional e o cansazo de Paula que esgota o crédito que tivo algunha vez no mundo profesional do seu home, á vez que fai presumir un final decadente da relación..

Escoitamos a voz de Paula contando a historia desde o seu punto de vista ao final da narración. Non quere perder unha nova rifa do azar e experiméntase aliviada pola longa ausencia por motivos laborais do pai das súas fillas, á vez que tira vantaxes sentimentais da mesma. Un final pechado e sorprendente que non é o que o lector podía agardar, pon cabo á función.

Porén, a novela non soamente é a radiografía das relacións da parella desde a perspectiva de ambos os dous, senón tamén un exercicio narrativo calidoscópico. Interveñen, en efecto, outros narradores que o fan en primeira persoa, e achegan a súa olladas verbo de Paula especialmente. Son as historias contadas por un boticario, por un traumatólogo e por un médico cubano que traballa en Praga. Os tres transmiten unha parte da historia para configurar a visión poliédrica da realidade. Os tres senten unha gran atracción física por Paula; e a necesidade de conquistar e gozar da alma e do corpo de Paula dálle sentido as súas piraterías. Mais tamén a protagonista feminina sabe impor as súas tácticas de sedución. Endalí que a novela tamén é unha extensa acumulación de lostregadas emocionais e, á vez, de xogos sexuais de alta voltaxe, con expresión explícita e brava de sexo que fai que O rebumbio dos vagalumes comparta certos trazos co subxénero erótico. Con todo, na cerna da novela o que verdadeiramente paira son as derrotas da vida de seres inconformistas.

Escritura lineal, malia a visión prismática do mundo da protagonista feminina; unha lingua fluída e correcta e un debuxo dos perfís dos personaxes polo que din ou polo que fan, sen describilos expresamente, son algúns dos trazos formais desta ópera prima que acrecenta con dignidade a narrativa de noso.

SANTOS LEDO, A., O rebumbio dos vagalumes, Ed. Laiovento, Santiago de Compostela, 2015, PVP. 15 ?

Compartir el artículo

stats