Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De Cilistro a Loureiro

Memoria de Fernández de la Vega

Natura e suicidio, de Stefano Invernizzi.

O próximo 15 de abril cumpriranse trinta anos da aparición do cadáver no Miño de Cilistro [Celestino] Fernández de la Vega. É irónico que o mellor estudoso do humor galego acabase elixindo o suicidio [ou, talvez, por iso: a "complexidade da alma galega", opinaba, baséase nunha mistura de traxedia e humor, coa saudade como síntoma]. Fillo dun avogado que publicaba os seus poemas na revista A Monteira [utilizaba o pseudónimo Pepe das festas], Cilistro nacera en Friol [1914] e estudara en Madrid. Sería catedrático de Filosofía do Dereito se o golpe de estado de 1936 non se lle cruzara no camiño. Quedou tan angustiado polo futuro despois da guerra que esqueceu o Dereito e opositou a técnico da administración. O seu dominio do alemán permitiulle traducir [xunto a Ramón Piñeiro] O cancioneiro da poesía céltica de Julius Pokorni, que lle valeu o premio de Bibliófilos galegos, en parte grazas ao apoio de Filgueira Valverde, xa que a obra non respectaba unha das bases do galardón: que fose vertida ao galego desde o seu idioma orixinal. Tamén traduciu ao seu pensador predilecto, Heidegger, en A esencia da verdade. O sei título cimeiro, porén, é O segredo do humor [Galaxia, 1963], onde defende que o humor se xerou na subxectividade moderna, vinculado á civilización occidental. Cría que Castelao era [en certo modo] o único dos creadores galegos que empregara o humor. Ao seu xuízo, a retranca non é humor "senón todo o contrario".

Socialista na xuventude, galeguista por interseción de Piñeiro e filósofo por vocación, De la Vega levantouse un 24 de marzo de 1986 e perdeuse nas rúas de Lugo, a cidade que impregnara o seu pensamento. Levaba un tempo deprimido [a súa vida foi un esforzo continuo para superar o nihilismo de Nietzsche] pero ninguén esperaba un desenlace así. Case un mes despois apareceu morto nas augas, como Ofelia.

O suicidio non é unha acción frecuente nos escritores galegos. Non hai un Mishima, unha Sylvia Plath ou un Stefan Zweig, se ben o caso de Aurelio Aguirre [un hipotético suicida] combina a experiencia romántica da Literatura coa traxectoria vital do combate. Nacido en Compostela no 1833, Aguirre está considerado un protogaleguista, apesar de non escribir na nosa lingua. Relacionado con Rosalía de Castro, participou no levantamento revolucionario de 1854 e asistiu ao célebre Banquete de Conxo, que reuniu nunha mesma mesa a obreiros, artesáns e estudantes para escándalo da época [o arcebispo de Santiago denunciouno]. A tese do suicidio cuestionouna Olivia Rodríguez. Nun libro publicado no 2014, defende que afogou en 1858, aos 25 anos, na praia de San Amaro [A Coruña] e que foi unha lenda [forxada décadas despois] a que espallou a idea de que se sucidara polo amor non correspondido de Rosalía.

A imaxe do escritor suicida ten en Galicia a súa figura máis entrañable [e tráxica] en Manoel Riveiro Loureiro. Nacido na Coruña en 1933, orfo pola brutal represión franquista e autodidacta, Loureiro foi durante as últimas décadas do século pasado un nome imprescindible nos actos literarios do país, acompañado sempre da súa muller. Escribía [dicía] por "necesidade" e desesperación", dous riscos que explican [talvez] a súa abondosa obra, extendida por varios xéneros e prolongada no tesouro que lle deixou á Literatura galega como tradutor do ruso. Os premios Álvaro Cunqueiro de teatro, García Barros de novela, Modesto Figueiredo ou Lueiro Rey [con títulos como Corpo canso, Xullo-agosto ou O coronel ten a quen lle escribir] proporcionáronlle presenza literaria e as achegas económicas que necesitaba. Desempeñou todo tipo de traballos [desde taxista a actor de dobraxe] e mantivo inquebrantable a fe no marxismo e na loita de clases. Uns meses despois da morte da súa muller [segundo o seu editor, Manuel Bragado, quedou desorientado], Loureiro precipitouse desde a fiestra da cociña do seu piso. Era case mediodía.

Compartir el artículo

stats