Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cambiar o Cambio

COP 21: insuficiente, pero necesario

Manifestantes nas rúas de París contra as consecuencias do Cambio Climático.

Entre os días 30 de novembro e 11 de decembro do ano 2015 celebrouse en París a 21ª Conferencia Internacional sobre o Cambio Climático, un ciclo de conferencias que se iniciou coa Conferencia de Berlín, celebrada en 1995 tras a celebración en 1992 do Cumio de Río de Xaneiro, na que Fidel Castro advertira sobre varias cuestións fundamentais: primeira, as sociedades de consumo e o capitalismo son os responsables da destrución do medio ambiente; segunda, a solución á brutal crise ecolóxica na que nos atopamos non pode apoiarse na imposición de trabas ao desenvolvemento dos países que máis o precisan, xa que "todo o que contribúe ao subdesenvolvemento e a pobreza constitúe unha violación flagrante da ecoloxía" e, continuaba, "se se quere salvar á humanidade da autodestrución, hai que redistribuír mellor as riquezas e as tecnoloxías dispoñibles".

Neste sentido, malia que na Conferencia se chegou a un acordo moi necesario sobre o cambio climático ao conseguir que os 195 países participantes asumisen a necesidade de manter o aumento da temperatura a nivel mundial por debaixo dos 2 °C con respecto aos niveis preindustriais e procurar reducilo a 1,5 °C e reducir a 0 as emisións de gases de efecto invernadoiro durante a segunda metade do século, o certo é que é un acordo insuficiente debido as súas numerosas limitacións:

Primeira: en relación cos compromisos asumidos polos estados parte, o acordo é pouco preciso en moitos aspectos ao carecer de concreción en canto a datas e cantidades de gases emitidas e, sobre todo, porque non se propoñen mecanismos que regulen ou penalicen o incumprimento do acordo;

Segunda: en relación coa materia suxeita ao acordo, temos que ser conscientes de que do mercado capitalista non poden xurdir os mecanismos precisos para resolver a crise ecolóxica e humanitaria que el mesmo provocou: ecolóxica en tanto que a perda de biodiversidade, o incremento da intensidade dos furacáns e tifóns, a desertización e a deforestación?, son consecuencia dos propios mecanismos da produción capitalista; e humanitaria porque as consecuencias da crise ecolóxica están a afectar a unha cantidade de persoas cada vez maior en diferentes partes do mundo.

Neste sentido, cómpre asumir, fronte ao desafío da crise ecolóxica, unha saída sistémica? ou, dito con outras palabras: debemos atopar fóra do desenvolvemento capitalista unha solución á crise ecolóxica e humanitaria á que se enfronta a humanidade. Tim Jackson, autor do libro Prosperidade sen crecemento: economía para un planeta finito (Icaria, 2011), procura evitar a saída sistémica da crise e propón un modelo baseado no investimento en maior eficiencia no uso de enerxía e recursos naturais, en tecnoloxías sostibles e limpas e na conservación e mellora dos ecosistemas, o que mostra os propios límites dese modelo dentro dun sistema que leva 500 anos destruíndo e explotando para crecer, á marxe de que non dan resposta aos aspectos sociais e humanitarios da crise.

Da crise cómpre saír cunha perspectiva ecolóxica, de xénero, de clase e nacional, pois do contrario apenas estariamos atopando unha saída enganosa da crise. O decrecemento, un termo que a miúdo asusta polas connotacións semánticas que ten: o crecemento é prosperidade, mentres que o decrecemento é crise..., semella ser a solución, sobre todo se temos en conta que os recursos enerxéticos que nos fixeron acadar o nivel de desenvolvemento propio dos sectores acomodados das nacións desenvolvidas son finitos. Velaí a razón pola que cómpre organizar o decrecemento de xeito sostible e solidario, porque en todas as ocasións nas que o capitalismo se enfrontou a un decrecemento provocado por unha crise sistémica a resposta foron grandes guerras.

Decrecemento e sostibilidade

  • Recentemente Manuel Casal Lodeiro, membro fundador da asociación Véspera de Nada, vén de publicar A esquerda ante o colapso da civilización industrial (Touda, 2015), un libro no que o autor reflexiona sobre a resposta das esquerdas ante o colapso da civilización industrial motivado polo esgotamento das fontes fósiles de enerxía.A tese principal do autor, que expuña nun libro anterior: Nosotros, los detrívoros (Touda, 2014), poderíase resumir así: a condición material que permitiu á nosa especie superar o seu límite ecolóxico de crecemento demográfico (arredor de 2.000 millóns de habitantes), foi o uso de combustibles fósiles (primeiro carbón, logo petróleo e gas natural), que provocou unha produción de enerxía que está na base do crecemento económico dos últimos dous séculos, incluída a produción agrícola, gandeira e pesqueira e a produción industrial.Ora ben, nun momento en que os recursos enerxéticos fósiles sobrepasaron o seu pico produtivo e o colapso será inevitable: de que xeito imos a abastecer de alimentos a unha poboación de máis de 7.000 millóns de persoas se esa alimentación se basea no uso de combustibles fósiles na produción, distribución, procesado e consumo?Esta e outras cuestións teñen que ter unha pronta resposta dende a esquerda antes de que sexa demasiado tarde.

Compartir el artículo

stats