Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"En Bos Aires emerxe unha nova lingua:o gayego porteño"

Luis González Tosar - ESCRITOR

Luís G.Tosar, corresponsal en Galicia da Academia Arxentina.

Con este nomeamento, a Academia Arxentina pretende pontenciar os seus vínculos con Galicia, coa súa lingua e coa súa cultura. Así se reflectiu na proposta presentada ao pleno polo filólogo José Luis Moure, actual presidente, e os escritores Antonio Requeni e Rafael Outeirño, todos eles de orixes galegas.

- Supoño que para Vde. a designación de académico corresponsal da Academia Arxentina de Letras sería algo emocionalmente moi especial. Que sentiu cando lle comunicaron a noticia?

-Ante todo, foi unha honra, pero non tanto por min senón polo que atingue ao que este nomeamento representa e sobre todo a qué representa, que é a cultura galega e, fundamentalmente, á nosa lingua e literatura. A vinculación de Galicia a Arxentina e, nomeadamente, á cidade de Bos Aires foi e ainda é moi estreita, tanto pola presenza de emigrantes como dos exiliados da Guerra Civil española, pero non sucedera o que agora acaba de acontecer: isto é, que a intelectualidade arxentina acolla a Galicia e á súa cultura, digamos que "oficialmente" no seu seo.

-En que vai consistir o seu labor como representante de Galicia na Academia Arxentina?

-En primeiro lugar, en tratar de dignificar a palabra, o termo de "gayego" con todas as súas consecuencias pois, do mesmo xeito que é un concepto eloxioso na Arxentina, tamén pervive un aspecto pexorativo, que non hai que agochar en ningún caso. Polo tanto hai que tatar de desterrar o significado negativo de gallego, e non só nas capas máis populares, senón tamén nas máis altas instancias intelectuais, entre elas a propia Academia Arxentina que, por certo, na actualidade preside un descendente de galegos, o doutor José Luis Moure, fillo de emigrantes ourensáns. Asemade, tamén pretendo que as institucións de Galicia presten maior atención ao feito cultural arxentino

-Cales son os mellores recordos que garda na memoria da súa infancia e primeira mocidade en Bos Aires?

-Ben, xa sabes o que se di: que a infancia é a patria do escritor, con todo o que iso conleva, pero non gusto moito de falar da miña persoa. Cando eu vivín alí, na década dos 60, a lingua galega non tiña maior trascendencia que a dun grupo selecto de galeguistas que a cultivaban e reivindicaban, pero para a gran masa de emigrantes quen alí residían era unha lingua familiar en vías de extinción. Só se falaba en galego os domingos, cando se xuntaba a familia, no Nadal e nalgunha que otra festa de encontro. Hoxe, en cambio, existe o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol, de ensino primario e secundario, no que os alumnos son bilingües, algúns deles netos e fillos de emigrantes e outros que nin siquera teñen relación ningunha de parentesco con Galicia. De feito, os sociolingüistas xa deberían tomar nota dun fenómeno que está a ocorrer en Bos Aires, como é a existencia do galego porteño, cunhas peculiaridades fonéticas propias e específicas, que ten un gran caudal de falantes e no que de certo que axiña se editarán obras literarias. Estamos a falar dunha aportación importantísima que debería ser tida en conta desde xa.

-Con que Galicia atopou cando Vde. chegou por primeira vez a esta terra en 1969, cando só tiña 17 anos? Era aquela a Galicia coa que esperaba atopar, segundo o que lle dixeran na Arxentina, ou levou algunha surpresa?

-Decateime axiña de que no fondo da milña alma Galicia tiña moito que ver tanto co que pensaba como co que escribía, e asemade co meu xeito de ollar a vida, pero tamén teño que dicir que, cando marchei de Bos Aires ,eu tiña unha idea de Galicia na cabeza que en absoluto se correspondía coa realidade que atopei cando cheguei. Era unha Galicia inmersa na ditadura franquista e, polo tanto, na falta de liberdade, na que se perseguían as ideas e onde se encadeaba aos intelectuais. Lembro que sendo alumno do Instituto Santa Irene, en Vigo, vivín a circunstancia de que o meu profesor de Literatura española, Xosé Luís Méndez Ferrín, "desapareceu" un día do instituto porque fora sancionado e preso por publicar unha novela. Aquilo, claro, era incrible para min.

-Que autores arxentinos dos que Vde. coñece ou coñeceu, e que non fosen descendentes de galegos, mostraron verdadeiro interese pola lingua e a cultura de noso?

-Moitos. Ernesto Sábato, por exemplo, era un gran coñecedor da nosa realidade, e gostaba moito da poesía de Rosalía de Castro, debido ao contacto que tiña con exiliados como Luís Seoane, Rafael Dieste ou Isaac Díaz Pardo.

-Hai uns días, finaba unha figura irrepetible da nosa cultura, Xosé Neira Vilas. Cal coida que foi a maior aportación de Neira Vilas no eido da cultura galega na emigración?

-A súa maior aportación foi o seu modelo de escritor, que consistiu en ser emigrante e, en lugar de seguir as pautas da gran maioría dos emigrantes, concienciarse da realidade de Galicia, traballando por ela e aportando unha obra que ten como eixo máis importante, dende o meu punto de vista, o mundo emigratorio. Eu valoro moito máis as historias de emigrantes escritas por Neira Vilas naqueles anos 60 e todo aquel esforzo por recuperar a memoria desa epopea galega en América, que até o feito de que sexa autor de Memorias dun neno labrego, que foi unha novela importante, pero que é incomparable con aqueloutro labor seu de dignificación da emigración galega. Eu coñecín persoalmente a Neira Vilas cando el xa vivía na Habana, polo tanto sei, por el mesmo, que a súa concienciación galeguista comezou, como a de tantos outros, na Arxentina, na súa etapa de Bos Aires.

-Hai xa anos que vén sendo Vde. o presidente do PEN Club en Galicia. Quixera que me contara en que momento está o PEN Club galego e cales son os seus próximos proxectos?

-Está nun bo momento. De feito, estamos valorando a posibilidade de organizar un congreso mundial do PEN o próximo ano en Galicia. A verdade é que mellor noticia que esa non che podía dar, non é?

Compartir el artículo

stats