Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Balizando o tempo

Marlene Stamm na Galería adhoc

Desde o pasado 19 de novembro e até o 24 de xaneiro de 2016 a Galería adhoc presenta unha mostra individual da artista brasileira Marlene Stamm (Vacaria, Rio Grande do Sul, 1961) que constitúe a primeira presenza individual entre nós desta creadora residente en São Paulo -estivo presente en ARCO o pasado ano-. Cun título que evoca as suxestións narrativas do seu discurso plástico: Foi talvez em meados de janeiro, presenta pezas que teñen na luz un tema recorrente, evocando auténticos e literais momentos suspendidos. As súas acuarelas presentan cunha técnica hiperrrealista a fraxilidade do intre, a vida, a luz e o tempo fusionados.

Marlene Stamm é unha artista de presupostos minimalistas, mais que elabora as súas pinturas e series de xeito enormemente suxestivo, no que o poético adquire un papel relevante. O que amostra e o que singulariza as súas obras é precisamente a dialéctica fidelidade- alteración dos presupostos da arte minimalista. Todas as súas creacións nacen como construcións plásticas, cun intenso dominio da acuarela, e ao tempo tamén poéticas, adoptando o espazo e o tempo como elementos estruturais, procurando o mínimo común múltiplo da linguaxe artística, tentando identificar luz, sombra e baleiro; fondo e forma; espazo e tempo adoptando un papel central o proceso documentado, o valor arquivístico. Estamos, xa que logo, perante un tipo arte que parte da idea da deconstrución da realidade e que consegue propiciar a reflexión sobre aspectos chave do sentido estético, fundamentalmente a relación entre pensamento e emoción.

Daquela, o traballo da artista brasileira desenvólvese no ámbito da imaxe, seguindo estratexias que teñen na pormenorizada observación e na ambigüidade do trompe l'?il os seus alicerces formais máis evidentes, aspecto que se pode enxergar na mostra actual de adhoc, optando por evidenciar as posibilidades de asociacións mentais desde o emocional e poético até o potencialmente narrativo e tendo como fío condutor a imaxe visual.

De por parte, salientan de xeito manifesto as series Aurora/Crepúsculo, 1 hora de luz e Toda a luz que conseguirem beber. Todas elas, como tamén as das series Invisíveis; Maria não mora mais aqui e a acuarela de grande formato que leva por título Gato, crean unha atmosfera de intensa vivencia do paso do tempo, coa sombra como sutil protagonista, presente na totalidade das creacións da artista.

Este conxunto de series e pezas que nos presenta Marlene Stamm baséanse, de xeito recorrente, en procesos de ritualizada análise, coa artista a xerar en xeral imaxes que se complementan, pequenas acuarelas que ao seren ligadas nun contexto concreto e dotadas dun sentido conceptual, cobran unha vida propia na mente do espectador, fundamentalmente polas súas capacidades asociativas.

O resultado de conxunto confórmase como parte dun argumento, dunha reflexión que quere amosar a lectura visual dunha artista que se enfronta coa tradición artística e visual e cos modelos sociais e literarios desenvolvendo proxectos nos que a investigación e a sutil captación do sentido da imaxe son determinantes, mais nos que o que salienta é a poeticidade.

O carácter aberto e reflexivo das distintas series fai que poidamos como espectadores participar da creación procurando lecturas e asociacións propias.

Son obras que presentan un abano de preocupacións que acaban por se configurar como un auténtico caleidoscopio dalgúns dos fenómenos do noso presente. A obra de Marlene Stamm fai que o seu traballo sexa unha emotiva ollada sobre a nosa sociedade actual, desde os seus aspectos máis banais e cotiáns até o sentimentos máis fondos e universais -o paso do tempo, o enleado tecido das relacións humanas-, que ela nos fai ver a través do espello da imaxe captada con teimuda e pautada minuciosidade.

Título: Foi talvez em meados de janeiro. Artista: Marlene Stamm. Local: Galería adhoc, Rúa Joaquín Loriga, 9, Vigo. Até o 24 de xaneiro de 2016.

Imaxe cargada de sentido

  • A mostra Foi talvez em meados de janeiro é un bo exemplo da modificación de sentido e uso que sufriu a práctica pictórica na arte máis recente, nas últimas décadas, unha transformación radical canto á súa utilización, pasando a un preeminencia exacerbada dos principios conceptuais. Daquela, a artista convídanos a un sinestésico cocktail de luz en Toda a luz que conseguirem beber; a percibir as pegadas do vivido nas paredes de Maria não mora mais aqui ou a imaxinar as ligazóns persoais entre as enleadas instalacións eléctricas da acuarela Gato, un título, por certo, que evoca o uso na linguaxe coloquial brasileira da palabra "gato", que define a persoa que se apropia ilegalmente da enerxía eléctrica.Parafraseando a Ezra Pound que dicía que poesía era "palabra cargada de sentido", a arte devén aquí en "imaxe cargada de sentido", coa luz a balizar o tempo, condensado en cada unha das súas sutil captacións da realidade cotiá.

Compartir el artículo

stats