Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Los suplementos de FARO

FARO DA CULTURADe aquén e de alén mar

O relato histórico do nacionalismo

Acto de afirmación galeguista en Bos Aires.

Na batalla de Valmy, no contexto das guerras revolucionarias de 1792, escoitouse por primeira vez arengar as tropas co berro: Vive le nation! Un acontecemento simbólico que marcaba a emerxencia do pobo como substancia do estado. Xa non era o Rei ou Deus quen xustificaban a existencia da patria; agora era o pobo, a nación, quen a fornecía.

Dende a Revolución francesa produciríase un intenso debate sobre a construción do estado e o nacionalismo determinou os pasos atoutiñantes da nova Europa. Os matices, existentes xa no século XIX, sobre o propio concepto "nación" convídanos a alongarnos mais hoxe centrarémonos nun novo contributo para historiar o nacionalismo galego.

Justo Beramendi é o autor da monumental De provincia a nación. Historia do galeguismo político (Xerais, 2007). O ensaio, máis de 1.200 páxinas, recolle longos anos de investigación. Na nosa opinión presenta un volume descompensado e desequilibrado posto que hai períodos intensamente estudados (II República) que contrastan co paso cáseque con pés de lá doutros (os sucesos na UPG en 1976).

Con esta advertencia, que non invalida senón que recoñece criticamente o labor realizado, sinalamos os regos para proseguir na pescuda. Ese foi o sentido do tomo que Uxío-Breogán Diéguez vén de publicar: Nacionalismo galego aquén e alén mar (Laiovento, 2015), resultado da súa tese de doutoramento.

As reflexións arredor do Consello de Galiza (o noso Goberno no exilio, que brama por un urxente estudo monográfico), a información recuperada arredor do arredismo en Cuba e Arxentina ou a reivindicación de Antón Moreda son tres das partes máis destacadas. Porén, a época recente é analizada na epiderme. Seguramente, na medida en que somos partícipes de testemuños vivos ou das propias actividades realizadas, se torna enfesto distanciarnos para relatar este presente. En todo caso, benvidos sexan os libros que nos abran debates.

Estes ensaios tenden a redactar o pasado do nacionalismo a partir das estruturas partidistas; téndese, mesmo na cronoloxía, a escoller as organizacións políticas como quilla central da historia. Esta (lexítima) metodoloxía traslada fóra do relato o estudo sociolóxico e ideolóxico do nacionalismo. Se cadra, a análise do "Piñeirismo" é a excepción.

O nacionalismo está presente en diversas manifestacións sociais, dende a prensa até o asociacionismo cultural; dende a literatura até a música. A incorporación deste material, logo da súa lectura analítica, dota dun monte de datos, símbolos, discursos ou polémicas que amosan a amplitude na conformación do discurso galeguista.

Non esquezamos que o nacionalismo é unha construción histórica. Anne-Marie Thiesse, autora do célebre ensaio La création des identités nationales, afirma: "O verdadeiro nacemento dunha nación é o intre en que un presa de individuos declara que existe e se dispón a probalo". En consecuencia, dispóñense a elaborar unha imaxe e un discurso do que é a nación. Os elementos que, coma arcos dunha ponte, integran ese discurso sosteñen o que podemos chamar "imaxinario colectivo nacional".

Estes factores, esenciais para comprendermos o nacemento e xustificación do nacionalismo galego, débense incorporar ao enfoque metodolóxico e analítico. Coidamos que, deste xeito, se presenta un pasado do nacionalismo cunha maior amplitude e diversidade de enfoques. Unha mirada caleidoscópica que expresa a viveza e a elaboración dende distintas expresións do relato identitario.

Por último, dende este recuncho que nos cede FARO DE VIGO, nós o que reclamamos é unha historia social, (en termos de E. P. Thompson, a history from below), unha análise ideolóxica (poderíase partir dos traballos de Ramón Maiz) e un estudo sociolóxico (asumindo as teses sobre a sociabilidade por exemplo de M. Agulhon) do nacionalismo galego.

Unha proposta ambiciosa, sabémolo; mais unha proposta necesaria.

Compartir el artículo

stats