Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Contra o esquecemento

Para erradicarmos a violencia

Contra o esquecemento

Editorial Galaxia publicou hai pouco As mulleres do monte, de José Antonio Gurriarán (O Barco de Valdeorras, 1939). Antes de nada convén salientar, para os máis novos que non o recoñezan, que o autor é un xornalista de amplísima e densa traxectoria, tanto na prensa escrita como na radio ou a televisión (lémbrese, someramente, que foi director de Pueblo, corresponsal de RNE en Lisboa ou director dos telediarios segunda edición e dos de fin de semana de TVE). De aí deviu por veces escritor, para deixar testemuño de múltiplas realidades (citemos La India, mundo aparte, ¿Caerá Allende?, Evasión, Chile, el ocaso del general, La bomba, un no rotundo a la destrucción y a la muerte y un viva a la vida -neste atentado foi el vítima, e deste libro vén de estrearse, en francés, a película Une histoire de fou-, Lisboa, ciudad inolvidable, El rey en Estoril, Armenios, el genocidio olvidado y Goya: Pasión y Muerte), como a que agora trata con este libro.

Durante varios anos -dez, segundo o autor- investigou Gurriarán, procurando testemuños e documentos nas terras da súa infancia en Valdeorras e arredores, as historias orais de guerrilleiros, maquis, fuxidos ou "os do monte", produto do enfrontamento civil da pasada guerra, onde houbo non poucos encontros coas forzas de orde. Dese xeito chegou a descubrir o importantísimo papel de moitas mulleres no maquis, dando cobertura informativa, refuxio e apoio loxístico. Algunhas destas mulleres, torturadas ou ameazadas de morte, foron autorizadas a converterse en guerrilleiras tamén. E dese labor lento, difícil e pousado, xorde esta obra, na que se recollen oito historias sobrecolledoras, pechadas cun epílogo, "A última guerrilleira", de grande intensidade emocional, e coroadas cun apéndice gráfico de rememoración histórica.

Para situarnos, o libro conta tamén cun limiar de significativo título, "Combate contra o esquecemento", da autoría de Alfonso Guerra, e unha introdución, do propio autor, tamén de suxestivo título, "A xeración do silencio". Nese combate contra o esquecemento di o prologuista que "Aínda sobrevive unha polémica sobre a oportunidade de estudar e difundir os feitos tráxicos derivados duna insurrección armada, unha cruel guerra e unha longa ditadura. No libro está a resposta nítida, clara, cando unha persoa á que se lle piden os seus recordos pregunta: Pero para que remover esas cosas? A resposta é simple e implacable: Para que se saiban, para contabas tal como sucederon. O magnífico libro histórico e memorístico de Xosé Antonio Gurriarán deberían lelo todos os mozos españois para que a súa lección sexa "a de erradicar para sempre a violencia e os enfrontamentos entre españois". Na introducción sitúanos máis historias que logo concretará unha a unha, algunhas delas, sucedidas ao seu carón: "Tardei moitos anos en saber que no Barco, da casa inmediata á nosa, na rúa Nova, un grupo de falanxistas levara o avogado Segundo Prada e matárano nos barrancos da ponte do río Bibei. [?] Da mesma rúa Nova, a cen metros da nosa casa, levaron a Abdón Blanco na tardiña do 21 de xullo de 1936. Era o alcalde do Barco". Arrepía a lectura das historias narradas neste libro, que nos fan reflexionar sobre múltiples factores da condición humana (a iniquidade, a infamia, a miseria moral, a degradación dos máis altos valores, a indefensión, a inxustiza, a represión, o silencio obrigado, o esquecemento, a tristura?), sobre o devir da existencia condicionada por circunstancias alleas, sobre o exilio forzoso e a condena a unha existencia inmerecida?

Péchase o libro coa noticia da morte en Francia da penúltima guerrilleira de Galicia, dada por FARO DE VIGO o 16 de setembro de 2012, despois de levar alá sesenta e catro anos, onde fuxiu xunto con outros vinte e oito compañeiros, nun pesqueiro fretado por Indalecio Prieto. Nostalxia e lembranzas que sen dúbida conmoverán o lector.

GURRIARÁN, José Antonio, As mulleres do monte, Ed. Galaxia, Vigo, 2015, PVP. 24 ?

Compartir el artículo

stats