Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Duro e necesario

Dos pés que nin van nin volven

Duro e necesario

Duro, moi duro e necesario o libro que nos propón Mª Carmen Caramés Gorgal (Santa Comba, 1966) cuxo título semella unha advertencia, ou unha admonición, Dos días escuros, XVII Premio de Poesía Johán Carballeira do Concello de Bueu. Quen se adentre nel, percibirá axiña que estamos diante dunha asfixiante experiencia de maltrato, un contumaz exercicio de asedio, unha decapitación que se dilata infindamente na consciencia do lector. Non se trata de modas pasaxeiras nen de lugares comúns do politicamente correcto. O que aquí lemos procede do sangue medular dun trauma que é simultaneamente un drama. Non fai falta que coñezamos os pormenores que o orixinaron, se decerto a autora padeceu o terríbel martirio que o suxeito lírico expresa en carne propria. O que verdadeiramente importa é sentirmos verídico o tremor que nos conmove e o terror que o suscitou. Neste senso, creo que a autora soubo medir moi ben as proporcións de sufrimento sen facer planamente explícita a súa causa. E isto é resultado dun deliberado labor de creación e de suxestión ben atractivo.

A medida que imos avanzando nos poemas, comprendemos que a violencia de xénero constitúe un dos peores episodios (traxicamente repetido) da historia universal da infamia. Algo que nos envergoña aos homes e que nos fai dubidar da nosa condición de sermos humanos. Por iso este volume visibiliza o padecemento dunha muller asediada, maltratada, torturada física e psicoloxicamente, mentres a sociedade a invisibiliza (se exceptuarmos o movemento feminista que fai público ese intolerábel feminicidio). E aquí reside un mérito extraordinario da obra: o home, o vitimario, o torturador, o asasino, non sae a escena, non é visibilizado polos focos. Trátase dun acto de xustiza poética: non lle dar protagonismo ao maltratador incrementa o sentimento de absoluta indefensión que padece a vítima, converte en máis incomprensíbel que alguén exerza sobre ela a violencia do verdugo, a ira do pusilánime, a complicidade dos inactivos: "Eu non sabía da perfidia que se agocha/na cegueira irreversible dos covardes".

Outra terríbel orixinalidade do poemario reside no concepto do corpo como campo da batalla perdida e silenciosa que padece. Ao ser tratada como unha cousa, como unha pertenza, a muller perde a súa identidade para se transformar en partes desgarradas, rotas, do seu ser: "dos pés que non van nin volven de ningures,/esta vertixe de saberme desmembrada". A escrita maniféstase, entón, como un exercicio de reposición da muller desposuída, de alegación contra a indolencia, a neglixencia ou a incompetencia perante unha lacra que, alén de inadmisíbel, xa é hora de a atallar.

CARAMÉS GORGAL, M.C., Dos días escuros, Ed. Xerais, Vigo, 2015, PVP. 12, 50 ?

Compartir el artículo

stats