Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dignificando un país

Pola Galicia de Ricardo Grobas

Dignificando un país

Ricardo Grobas vén de entregarnos un novo libro de fotografías, publicado pola editorial Belagua. O xefe de fotografía de FARO DE VIGO, autor dunha obra dedicadas á ría de Vigo e ao seu porto e, posteriormente de Illas Atlánticas de Galicia (2013), trae coma un pan quente baixo o brazo un volume titulado Galicia. Todo un mundo.

O primeiro que sorprende neste libro é a ausencia do home. Grobas pon o acento na paisaxe e na arquitectura. Este feito facilita a visión dunha Galicia inmorredoira, eterna, onde o tempo, a nostalxia, e o sentimento da fugacidade da vida están desaparecidos. A natureza e as construcións do home apodéranse do libro e borran a individualidade do suxeito e calquera posibilidade de fresco social. Aquí todo é silencio e ausencia de drama. A subxectividade queda reducida a pura (e casi inexistente) anécdota., a mero catalizador da técnica fotográfica.

A ollada de Grobas foxe do costumismo e do folclore. A cámara, cun realismo obxectivo, busca a beleza da paisaxe para dignificar un país con Historia. Grobas é un namorado do mar; as súas imaxes lévannos desde o esteiro do Miño, onde o mar é tan portugués coma galego, ata a Mariña lucense. As augas que veu na súa infancia o almirante Paio Gómez Chariño, as illas que sufriron o acoso de Drake, a enseada cantada con mestría por Martín Códax son captadas polo autor con depurada técnica. Neste Sur de Galicia non esquece os cantís de Oia, co mosteiro dos bravos frades guerreiros que venceron o pirata inglés, nin as mansas augas de Arousa. Máis ao Norte, aparecen as areas cantariñas de Corrubedo e, no extremo no que o lexionario romano descubriu con relixioso terror o Finisterrae, a escuma das ondas, que ao romper con solemne violencia, lembran "a inocencia asasina do mar". Aí están os sinais tráxicos do Roncudo, os faros baixo as luces turbias do solpor, as augas doces do Xallas que se despenan cara a un territorio que evoca os naufraxios, e no que as sirenas confunden aos navegantes.

Grobas deixa memoria con grandes encadres pillados con ollo de aguia das urbes que se asoman ao litoral, e ao chegar as terras nas que Baixeras canta a dor polo irmán, as escumas voraces do alto mar de inverno fan contrapunto a esa cidade máxica que a erosión esculpiu nas rochas das Catedrais, hoxe invadida por un papanatismo febril.

Outro eixo temático do libro son os camiños de Terra adentro. Os eidos nos que Novoneyra alzou a bandeira da poesía, os frondosos soutos do Courel, os cimos nevados dos Ancares (unha das fotografías semella unha tela de Chagall) están xustapostos aos grandes cadros da Terra Chá e á Ribeira Sacra, coa súa Tebaida de mosteiros. A muralla romana, a praza ourensá, os castelos, muíños e viñedos, ou o casarío de Tui, que como mítica doncela baña os pés no Miño , son algúns dos reclamos que o fermoso libro de Grobas nos ofrece.

GROBAS, Ricardo, Galicia. Todo un mundo (textos de Edurne Baines) Ed. Belagua, Vigo, 2015, PVP. 29,90 ?

Compartir el artículo

stats